Tenente de Artillería con
22 anos e piloto de aeroplanos con 26, con ampla experiencia en combate, antes
de cumprir os 30, Loriga conseguiu ser xefe de escuadrilla, titulado na École
Supérieure d'Aeronautique de París, piloto de probas do autoxiro C-6, de Juan
de la Cierva, e, ós 31 anos de que o viran nacer as verdes terras de Lalín, integrante
do raid Madrid–Manila. E cando un vive
tan á présa, a morte temperá (ás portas dos 32 anos) non pode facer outra cousa
que acrecentar a súa lenda e inserir con letras de ouro na historia da aviación
e na da súa terra natal o seu nome: Joaquín Loriga Taboada.
O voo Madrid–Manila e os
seus vencellos con Lalín son as dúas caras máis coñecidas dun dos máis
importantes aviadores da historia. Ámbalas dúas están unidas a dous aparellos
que lle deron moitas horas de ledicia a Loriga. Un deles foi o que o levou a
Manila, o avión Breguet XIX, un biplano de 450 CV, de dúas prazas, con
capacidade para 900 litros de combustible, 1.500 km de autonomía e capacidade
para 220 quilos de carga engadida. Este aparello, de orixe francesa e perfecto
para bombardeo lixeiro e recoñecemento, voou por primeira vez en 1920 e del
fabricariase anos despois un modelo chamado Breguet XIX Loriga, de 650 CV.
O outro aparello foi o Avro
504 K, que serviu de base para o autoxiro C-6 que el pilotaba. Con este mesmo
aparato co que fixera o raid
Madrid–Manila vai facer outro moi recordado polos galegos e, en particular,
polos lalinenses, o que o trouxo a Galicia para recibir homenaxes e honores,
nomeadamente en Lalín e Vigo. Unha particular viaxe de ida e volta a Madrid de
case dúas semanas, con escalas en Burgos, León, A Rúa de Petín, Lalín, Santiago,
A Coruña, Pontevedra, Panxón...
VOO MADRID–MANILA
Aínda que se viña preparado dende outubro de 1924, o 5 de abril de 1926 tres Breguet XIX equipados cos novos motores Lorraine de 450 CV despegan de Cuatro Vientos con destino ás illas Filipinas. Ó mando, os capitáns Gallarza, Loriga e Esteve e os sarxentos mecánicos Calvo, Pérez e Arozamena, con aparatos bautizados cos nomes de Fernando de Magallanes, López de Legazpi e Sebastián Elcano. Viña de nacer a Patrulla de Raid Elcano.
Todo vai ben até O Cairo. Na etapa, o avión de Martínez Esteve sofre unha
avaría e aterra no deserto, onde o piloto permanecerá cinco angustiosos días
antes de ser descuberto e salvado por un avión da RAF que, ó día seguinte,
rescataría tamén o seu mecánico.
Loriga e Gallarza continuaron o voo e o 24 de abril chegaban ó aeródromo de
Bien Hoa, a 25 quilómetros de Saigón. O curto treito Saigon-Vink-Hanoi-Macao,
de só 2.100 quilómetros, foi o más complicado tanto para a mecánica como para
os expedicionarios, principalmente cando padeceron as avarías producidas por unha
nube de mosquitos. Outros incidentes retrasaron logo a partida, resultando
significativo o do 1 de maio, no traxecto Hanoi-Macao; Loriga viuse obrigado a
tomar terra en Tien Pack, na costa meridional da China, onde o seu avión quedou
avariado. O lalinense explicouno, meses máis tarde, con estas palabras: “De
haber encontrado a mano un suelo despejado para el descenso, a buen seguro que
no hubiese alcanzado carácter de irremediable el accidente, puesto que consistía
en una simple fuga de agua... Mas en aviación, como en otros aspectos de la
vida, de pequeñas causas suelen nacer grandes catástrofes”, en alusión a que á fin
o motor agarrotouse e quedou inservible. A reparación non foi posible dado que
se achegaba a estación monzónica, coas súas choivas torrenciais, e facíase
preciso continuar axiña e non esperar a chegada do motor de reposto. Tras rescatalos
un barco portugués, Loriga reúnese con Gallarza e, xuntos, deciden seguir a
Filipinas nun só aparello que ocuparon deixando os respectivos mecánicos en
terra.
Ámbolos dous capitáns voaron o día 11 dende Macao a Aparri, ó norte da illa
de Luzón e, dende alí, continuaron a Manila, onde aterraron o día 13, recibidos
por unha multitude que os aclamaba. A aventura culminara. Realizaran o raid en 18 etapas correspondentes a 16 xornadas
de voo, levoulles 39 días, cubrírono en 106 horas e 15 minutos efectivas de voo,
facendo un total de 17.000 quilómetros.
LORIGA E LALÍN
Loriga Taboada veu ó mundo un
23 de setembro de 1895 no pazo de Liñares, na parroquia de San Martiño de Prado,
no seo dunha familia influínte; o seu pai, Eliseo Loriga Parra, terceiro conde
do Grove (o título foi herdado da súa irmá, que non tivo descendentes; de non
ter morto, sería herdado polo noso protagonista, pero o destino fixo que o
herdara a súa irmá Araceli, coa que rematou a liñaxe ó non ter descendentes
directos). O seu pai chegou a xeneral de Artillería e desenvolveu os cargos de
Mayordomo de Semana de Alfonso XIII e preceptor do Príncipe de Asturias, ademais
de ser valedor da carreira que anos máis tarde emprendería o seu fillo no exército.
A súa nai, Esperanza Taboada Bugallo, era descendente da liñaxe dos Taboada, do
pazo de Liñares.
A súa formación infantil
tivo ás casas familiares do condado do Grove, en Cambados, e de Liñares, como
principais centros. Só tiña 17 anos cando ingresa na Academia de Artillería de
Segovia.
Volverá á pequena vila de
Lalín, que ía crecendo á sombra de Lalín de Arriba e Donramiro, a recibir unha
multitudinaria homenaxe xa internacionalmente laureado e aplaudido nas tres
facetas que marcaron a súa vida: o autoxiro, o voo Madrid–Manila e o conflito
bélico do norte de África. Invitado polos “poderes” locais da época, o 23 de
xuño de 1927 chegaba, non podía ser doutro xeito, ós mandos dun avión Avro 504,
co que aterrou no Monte do Toxo. Logo de dar algunha volta sobre estas terras,
foi recibido por centos de veciños que o acompañarían até a vila e entre os que
se atopaba o seu pai, o aínda coronel e preceptor da S.A.R. o Príncipe de
Asturias. Inaugurouse unha rúa co seu nome, celebrouse misa, percorréronse as
rúas engalanadas... A instancias das autoridades abriuse unha subscrición
popular para lle regalar un avión, fondos que o destino faría que fosen para a
súa homenaxe póstuma: erguer a estatua de Loriga.
Logo visitaría Santiago, A
Coruña, Pontevedra, Panxón e Vigo, onde unha rúa levaría o seu nome e se
achegaría até o xa consolidado xornal Faro
de Vigo. En todos os lugares repetíronse recepcións, homenaxes, desfiles e,
por suposto, voos acrobáticos do aparello de Loriga para deleite de milleiros
de galegos. Case dúas semanas despois da súa aterraxe en Lalín retorna a Madrid
para retomar as súas tarefas militares e atopa a morte o día 18 de xullo, logo
de entrar en perda o avión Albert do aviador Magnard, quen lle permitira probar
a “moderna” máquina.
O cadáver foi levado ó
Hospital Militar, en Carabanchel, a onde acudiron as principais autoridades
civís, militares e, claro está, os seus pais e a súa esposa, con quen casara
sen o coñecemento familiar. Despois dos trámites de rigor e da xornada de
instalación da capela ardente, Joaquín Loriga foi trasladado polos seus
familiares a Galicia en tren para recibir sepultura en Losón, mentres voaban avións
por riba da comitiva fúnebre en homenaxe ó insigne piloto. Perdida a
vinculación familiar coas terras de Prado, anos despois trasladouse o seu corpo
a Madrid.
Lalín rendeulle unha
derradeira grande homenaxe o 27 de agosto de 1933 coa inauguración dunha
escultura, obra de Francisco Asorey.
En 1927 ascendeu a
comandante por méritos de guerra contraídos no período das accións
de 1924-1925 e publicou, en colaboración con Gallarza, o libro El vuelo Madrid–Manila. Recibiu a
Medalla Militar e a Cruz Laureada de San Fernando, foi nomeado Doutor Honoris
Causa pola Universidade de Santo Tomás e fillo adoptivo da cidade de Manila,
Medalla de Ouro de Ultramar, Medalla da Liga Internacional de Aviadores e, como
non, fillo ilustre da súa vila natal.
P.D.: Un agradecemento especial ó coronel do Exército do Aire don Emilio
Herrera Alonso, a nosa máis fiable fonte de información, quen co seu perfil de
Loriga en Cien aviadores de España, contribúe
a poñer en valor non só o lado “aventureiro” dun piloto de raids. Tamén, ó xeneral de Brigada Carlos Pérez
de Uríbarri, director do Instituto de Historia y Cultura Aeronáuticas e, por
suposto, ó Arquivo Histórico do Exército do Aire por esas imaxes que custodia e
puxo amablemente á nosa disposición. José Warleta e a Revista de Historia
Aeronáutica axudáronnos a calibrar a
importancia de Loriga para o éxito do autoxiro.
Todos eles, servidores públicos, “namorados do aire” que
traen recordos a este “xunta palabras” do himno que durante un tempo tiven
ocasión de cantar acotío: “Alcemos el vuelo sobre el alto cielo, lejos de la
tierra la esperanza nos lleva detrás. El aire en la guerra comienza a ser paz.”
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal