jueves, 12 de julio de 2012

Wenceslao Calvo Garra


260 publicacións e comunicacións científicas e de investigación –apúntome ós que atribúen á condición de científico o descubrimento de algo e á de investigador en profundidade o coñecemento sobre algo concreto–. Esta espectacular cifra dá boa mostra do traballo investigador dun lalinense e dos seus esforzos, grazas ós que se ten avanzado moito en determinadas materias médicas. Neuropatólogo e radiopatólogo de formación e vocación, interesado polos estudos de tumores, traballou na Universidade de Valencia, no Laboratorio Nacional de Brookhaven de Nova York, na facultade de Medicina de Winston-Salem (Carolina do Norte), no Instituto de Hematoloxía da Universidade de Friburgo (Alemaña) e na Comisión Europea de Enerxía Atómica (Euratom). En 1968 trasládase á por entón recén nacida Universidade de Ulm. Wenceslao Calvo Garra nace en Lalín en 1921 e morre en Ulm (Alemaña) en 2003, logo dunha longa e frutífera vida, tanto no persoal coma no profesional.

Nace o que sería ilustre doutor nunha época complicada e convulsa, social, política e economicamente falando, en España. Ese mesmo ano, outro ilustre lalinense, Joaquín Loriga Taboada, convertíase nun dos primeiros pilotos de combate aéreo de España e participaba na guerra de Marrocos. Tamén entón, outro lalinense ilustre, Ramón Aller Ulloa, un astrónomo xa consolidado e recoñecido, viña de publicar Algoritmia. Nunhas leiras, a carón do observatorio de Aller, xogaba un neno de doce anos, Enrique Vidal Abascal, que acabará sendo o alumno avantaxado e “sucesor intelectual”, como matemático e astrónomo, de don Ramón.

Numerosas referencias xornalísticas e biográficas citan a Calvo Garra como valenciano; seguramente por terse formado nesa cidade e vivir nesa boa terra parte da súa vida: o seu pai, Alfonso, chegou ó servizo de correos de Lalín procedente desas terras mediterráneas. Aquí casou con María Garra, lalinense de ascendencia compostelá. Sendo moi novo, a familia trasládase, por razóns laborais do cabeza de familia, primeiro a Vilalba e logo a Requena, en Valencia, onde Wenceslao comeza a estudar o bacharelato. Durante a Guerra Civil regresa coa nai e a irmá a Lalín, onde continuará os estudos, que remata en Compostela. Cando finaliza a contenda, a familia volve reunirse en Valencia, onde estuda Medicina na Universidade da capital, a mesma onde máis tarde sería profesor de Anatomía Patolóxica e onde estreita lazos cunha antiga compañeira de colexio, Raquel García de Leonardo, con quen casa en 1947. Especialízase en Anatomía Patolóxica e investiga no laboratorio anatómico dirixido polo compostelán doutor Goyanes nunha época na que tamén principia a docencia, ó ser nomeado profesor axudante de clases prácticas.

Cunha bolsa de estudos do Consello Superior de Investigacións Científicas, Calvo Garra continúa a súa formación en Lisboa, a onde viaxa xa pai da súa filla María Raquel, a primeira dos cinco que chegará a ter. No Instituto Neurolóxico traballa no equipo do profesor e Nobel de Medicina Egas Moniz, todo un especialista no comportamento dos vasos e arterias. Afonda tamén nos seus coñecementos en anatomía patolóxica e realiza os primeiros traballos sobre as consecuencias das radiacións nucleares sobre o sistema sanguíneo, especialidade que, cos anos, acabará por converterse na súa tarefa principal, dándolle sona mundial.

A Fundación Rockefeller concédelle unha bolsa de estudos para seguir afondando nos seus coñecementos, razón pola que viaxará ó Instituto Neurolóxico de Montreal grazas a unha invitación do doutor Struthers, membro do comité de dirección desa organización. Na cidade canadense Calvo Garra permanece un curso académico, deixando durante ese tempo a familia en Valencia, por estar recén nacido o seu segundo fillo.

Doutórase en Madrid en 1950, ano no que obtén, ademais, o premio Ramón y Cajal de Investigación Científica por un traballo sobre neurofisioloxía. Exerceu a docencia na Universidade de Valencia entre 1952 e 1958. Durante a súa estadía valenciana colabora, como investigador do Instituto Cajal, dependente do CSIC, no laboratorio de Neuropatoloxía. En 1952 dirixe a construción do Palencefalógrafo, un equipo que permite, mediante impulsos eléctricos, o estudo de tumores cerebrais.
Cando xa se preparaba para optar á cátedra da súa especialidade, na facultade de Medicina de Valencia, a piques de cumprir os 40 decide presentarse á praza de neuropatólogo convocada para o Laboratorio Nacional de Brookhaven. As amizades e coñecementos adquiridos durante a súa estadía en Montreal tiveron moito que ver na consecución desa praza. Comezan os anos sesenta. En Brookhaven incorpórase ó laboratorio de Medicina, onde investigará os efectos dos neutróns no cerebro humano, buscando métodos terapéuticos baseados na captura de neutróns para a loita contra tumores cerebrais. Tamén tivo ocasión de estudar os efectos e posibles lesións cerebrais das correntes de protóns de alta enerxía que, potencialmente, podía recibir un humano no espazo... Eran os anos da carreira espacial de americanos e rusos.

Logo dunha breve estadía en Carolina do Norte, cunha longa escala en Valencia, en 1965 trasládase a Alemaña. En Friburgo realiza traballos sobre a rexeneración da médula ósea destruída por radiacións nucleares. Unha vez creada a Comunidade Económica Europea e, con ela, as súas primeiras institucións, no seu seo nace unha Comisión Europea de Enerxía Atómica, a Euratom, nutrida por profesionais formados principalmente nos Estados Unidos. Malia que España non pertencía á CEE, a súa experiencia americana fíxolle acredor dun relevante posto na Euratom. Calvo Garra traballa no equipo do doutor Fliedner, quen, tres anos máis tarde, marchará para a nova Universidade de Ulm levando consigo boa parte dos seus colegas.

Así, tres anos despois de chegar a Alemaña, Calvo Garra trasládase a Ulm, onde exercerá como profesor e investigador. Nesta faceta consegue, entre outros logros, illar as células sanguíneas formadoras das células tronco, células nai das primeiras.

Ulm é unha cidade alemá de tamaño medio situada no sur do país, entre Stuttgart e Munich, á beira do río Danubio; unha vila moderna, cun excelente sistema de transporte e unha universidade que abrangue numerosas especialidades: medicina, económicas, informática...

En Ulm estudará os efectos das radiacións atómicas en Hiroshima e Nagasaki, así como os das de Chernobil, para o que viaxa unha tempada a Rusia. Con 70 anos deixa a Euratom, aínda que mantén unha activa colaboración coa Universidade de Ulm, grazas ó seu nomeamento como profesor emérito.
No ano 1975 participa na V Reunión de Neurocirujanos de la Seguridad Social, celebrada en Valencia, a vila na que se formara profesionalmente. Unha das crónicas xornalísticas da época, publicada no ABC, refírese a el e ó congreso con estas palabras: “Se han reunido en Valencia más de 25 grandes figuras de la especialidad, entre los que se encuentra el valenciano Doctor Wenceslao Calvo Garra, consejero de la Comisión Europea de Energía Atómica y referencia de los laboratorios de histología y microscopia electrónica de la facultad de Medicina de Ulm, en Alemania”.

En xullo de 1989, Wenceslao Calvo Garra visita Lalín para recibir unha cálida homenaxe e o nomeamento como Fillo Predilecto de Lalín, sendo alcalde da vila, que dende entón ten unha rúa que leva seu nome, José Cuíña Crespo.

Agora que tan de actualidade está a falta de saída profesional de moitos investigadores españois, toman forza as verbas de Wenceslao Calvo Garra cando afirmaba, xa xubilado: “Non vin nas nacións nas que traballei número tan grande de mozos que tiveran, ó rematar a carreira, tanto entusiasmo por traballar na investigación como en España, nin tan poucos que continúen nela ós poucos anos de intentalo. Esta perda de vocación resulta moi lamentable e déixanos nun lugar secundario na ciencia europea”. Acompañaba esta reflexión lamentándose da falta de formación en idiomas da sociedade española.

Foi Calvo Garra un home familiar, orgulloso da familia, á que lle atribuía boa parte dos seus éxitos e a razón dos seus esforzos. El atopou na súa muller o apoio e comprensión que a moitos científicos e investigadores “lles falta”, segundo el mesmo ten reflexionado. Os seus descendentes, agás ocasionais visitas do seu fillo Juán José, manteñen hoxe escasos ou nulos vencellos coa terra natal do seu pai.

P.D.: Wenceslao Calvo Garra é, malia o seu traballo, un gran descoñecido na súa vila pero tamén, paradoxalmente, entre moitos colegas de profesión, como quen isto asina tivo ocasión de comprobar entre respectables médicos e até investigadores da área sanitaria e universitaria compostelá. Un descoñecemento aínda maior no relativo ás súas orixes lalinenses.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario