Concelleiro, alcalde,
deputado provincial e autonómico, presidente de Deputación, conselleiro e
empresario: Xosé Cuiña Crespo (Prado, 25 de febreiro de 1950). Dificilmente podería
o autor delimitar onde acaba a persoa e comeza a personaxe. Xosé Cuiña é o
principal protagonista, e seguramente impulsor, do período de maior desenvolvemento
socioeconómico experimentado polo Concello de Lalín na súa historia. Deu pulo a
numerosas infraestruturas sen caer en proxectos megalómanos, ós que tan dados
son algúns políticos.
"O fillo do
muiñeiro" foi o seu slogan persoal, unha sorte de marca que soubo acuñar e
aproveitar en beneficio propio e do seu modelo para o país: a articulación dun
movemento social e político cunha clara orientación galeguista, na que o motor
eran as pequenas e medianas vilas galegas. Fronte a esa filosofía, e iso
marcaría parte da súa carreira política, estivo o cada vez maior e máis
poderoso sector "urbanita", no que funcionarios, mestres
universitarios e profesionais liberais eran maioría. Ós primeiros,
representados por Cuiña (tamén por Baltar, Cacharro...), e ós segundos,
habilmente "xestionados" onte e hoxe por José Manuel Romay e o seu avantaxado
alumno político Mariano Rajoy, recoñécenselles como "os da boina e o
birrete", unha frase simbólica na que quedan recollidas as dúas
sensibilidades.
A súa traxectoria
empresarial está vinculada á empresa Inasus, orixe do que, co tempo, se
converteu en grupo empresarial familiar. Os seus intereses empresariais
estiveron intimamente ligados ós conflitos políticos dos que foi protagonista e
á súa "caída en desgraza" e dimisión do Goberno de Manuel Fraga, logo
dunhas compras de material feitas pola Xunta a unha empresa a el vencellada para
traballos de loita contra a vertedura do Prestige.
Unha adquisición que tivera que ver máis coa urxencia e necesidade de dispoñer do
material, pois non mediara beneficio ningún, nin sequera simbólico, como
demostrou unha comisión de investigación parlamentaria… Pero a ocasión foi
planificada e executada "en clave de sucesión" dende dentro do propio
partido, forzando unha dimisión que tivo máis de desgaste que doutra cousa e
desenmascarando un bo número de "membros da boina" que mudaron de
bando e situaron á fin a Núñez Feijóo na sucesión política, primeiro, e logo institucional de Manuel Fraga en
Galicia.
Xosé Cuiña nace
no seo dunha modesta familia un 25 de febreiro de 1950. Fórmase nos institutos
de Lalín e Vilagarcía de Arousa e cursa Bioloxía até cuarto, con algunhas materias
pendentes de anos anteriores. Cazador, xa de novo preside a Sociedade de Caza
de Lalín, o seu primeiro trampolín político. Casa con María do Carme Aparicio,
con quen ten dous fillos, Rafael e María. Incorporado por Luís González Taboada,
Licho, á corporación municipal; dende
1973 é concelleiro polo "tercio familiar" (durante a ditadura, este
grupo de concelleiros constituíase por elección entre os veciños cabeza de
familia, xunto co tercio sindical e os propostos polo gobernador civil, abrindo
as portas a persoas non vinculadas ó réxime franquista) e seis anos máis tarde preséntase
á alcaldía como independente nas primeiras eleccións democráticas, en abril de
1979.
O 14 de agosto de
1987, logo das municipais, substitúe a Fernando García del Valle na Deputación
de Pontevedra como presidente, cargo que deixará xunto coa alcaldía de Lalín o
3 de febreiro de 1990, trala vitoria do Partido Popular nas eleccións
autonómicas. Faino para asumir a carteira de Obras Públicas, con Manuel Fraga
como presidente.
Como alcalde de
Lalín artellou unha vila que fora medrando desordeadamente arredor do
cruzamento das estradas Vigo-Lugo e Ourense-Santiago, abrindo novas rúas que permitiron
a construción de centos de novos edificios e impulsando así o seu crecemento
urbano. Neste tempo creáronse numerosas infraestruturas de servizos sociais,
lúdicos e deportivos. Lalín tomou forza como centro de produción téxtil e de produtos
para o agro e a gandaría, o que motivou a creación de postos de traballo que a transformaron
no eixo de servizos da zona centro de Galicia. Foi a época das obras útiles e
prácticas.
Como presidente
da Deputación de Pontevedra destacou polo
seu esforzo descentralizador, tanto nas decisións como nas inversións. Coma el mesmo
subliñou no seu día, era "o primeiro presidente en 150 anos de historia da
institución, non residente nas cidades (Vigo ou Pontevedra)". Acadou un
alto grao de popularidade no seu contorno político por esa visión do territorio
e as súas necesidades, axudado dunha razoable situación económica que permitiu
milleiros de "pequenas obras" e o crecemento doutras tantas aldeas,
barrios ou vilas da provincia. Non esquecer a cultura e a importancia das
actividades agro-gandeiras e as súas necesidades foi outro dos seus acertos.
O seu labor
institucional e a súa habilidade persoal facilítanlle "penetrar" no
tecido social e político de cada vila e tecer lazos de amizade, principalmente
coas provincias de Lugo e Ourense, que o situarán nun plano de relevancia cando
se articula a operación retorno de Fraga a Galicia como candidato á Xunta, na
que Romay Becaría actuaría de principal cicerone, pero na que Cuiña xogaría un
papel fundamental en aspectos relacionados coa mobilización popular e co
financiamento da campaña.
Como conselleiro
de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (dende o 6 de febreiro de 1990
ó 18 de xaneiro de 2003), deulles pulo ás entón coñecidas como vías rápidas, ás
varias autovías e autoestradas e á creación dunha ampla rede de parques empresariais
(entre eles o de Lalín). Puxo en marcha o proxecto da autovía central Santiago-Lalín-Ourense
e mantivo unha permanente actitude reivindicativa ante o Goberno central en
asuntos como os portos, o AVE e as autovías de conexión co resto da Península.
Puxo en marcha a
Lei de ordenación do territorio de Galicia e a Lei de ordenación urbanística e
protección do medio rural. En materia de vivenda experimentouse un desenvolvemento
exponencial co arranque de programas de fomento da rehabilitación e da construción
de vivenda protexida, que arredaron a centos de galegos da infravivenda e do
chabolismo. Dimite o 13 de xaneiro de 2003, logo de filtrarse dende "entornos
cercanos" ó PPdeG a compra por parte da Xunta de material para traballos
de limpeza da vertedura do Prestige a
unha empresa a el vinculada.
Paralelamente ó
desempeño das súas función institucionais, foi crecendo o seu poder político.
Durante a década dos 90 foi o secretario xeral do Partido Popular de Galicia e,
dende a chegada ó poder de Manuel Fraga até o seu pasamento, parlamentario
galego. No plano estritamente político foi acentuando o seu perfil galeguista,
con amplas coincidencias con Manuel Fraga pero distanciado dos "valores
emerxentes" do partido, como Núñez Feijóo. Desta etapa é o outro "título"
que lle foi atribuído e do que non se molestaba en fuxir: "delfín",
que refería a súa posición privilexiada na sucesión de Manuel Fraga, con quen "cociñou"
conceptos como os de autoidentificación ou administración única, como fórmula
para contrarrestar o de autodeterminación, defendido polos nacionalistas.
No congreso de
2005 non foi quen de se facer cos apoios precisos para o seu nomeamento como
sucesor de Manuel Fraga na candidatura á Xunta polo PPdeG, e retirouse da
primeira liña política, agás no seu papel como deputado. Non foi, a pesares de
que moitos o quixeron presentar así, o cuarto "fillo devorado polo Deus
Fraga", despois de Verstrynge, Mancha e Barreiro. Pola contra, foi leal a
un home cando este lle pediu que deixara os seus cargos polo ben dunha
reelección nas autonómicas que non se chegaría a producir.
En xuño de 2003,
meses despois da súa dimisión, xuntaba a representantes de varios medios de
comunicación para lles comunicar o seu "retorno" á actualidade
política. Facíao no seu muíño de Prado, o mesmo marco que unhas semana antes
elixira para manter un reencontro a soas con Manuel Fraga. Alí lembraba: "Teño
vocación política e non vou renunciar a ela en ningunha circunstancia. Pero
tamén se pode exercer esa vocación como militante, defendendo unha lingua, unha
cultura e unha idea como pobo e animando a outros a facer o mesmo. Eso tamén é
facer política". E esta podería ser unha das frases que mellor definan o
seu “legado” político.
Unha enfermidade
impídelle a "resurrección política" que moitos esperaban, boa parte
destes con máis temor que outra cousa. Falece en Compostela ós 57 anos o 28 de
Nadal de 2007. Ese día dos Inocentes finaba o que podemos considerar último
Fillo Ilustre de Lalín.
P.D.: Na miña tarefa como xornalista, na COPE e na
TVG en Compostela, vivín os seus primeiros anos como conselleiro de Política
Territorial (Obras Públicas primeiro). "Sufrino" como xestor na miña
etapa como xefe do gabinete de prensa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, do
que el era presidente, en calidade de conselleiro do ramo. Fóra de reflexións
persoais, de ámbalas etapas quedoume o convencemento de que se trataba dun home
chamado a deixar unha pegada na historia de Galicia ("obras son amores,
que no buenas razones", di o refraneiro español) e que mantivo sempre a
súa condición de lalinense por riba de moitas outras consideracións, e ese "lalinesismo"
foi utilizado en contra del, en moitas ocasións dun xeito insidioso.
Pouco
se parece o PPdeG de hoxe ó que "pilotou" Xosé Cuiña durante unha
década, o mesmo tempo que o partido empregou para conseguir borrar case por
completo a figura deste lalinense da súa historia oficial: a sección Historia
do Partido Popular da web do PPdeG resume en liña e media esta longa etapa
política, fronte ás abondosas referencias institucionais feitas ó resto dos
"protagonistas", e só cita ó entón secretario xeral nunha ocasión, e
obviando o seu nome.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario