A excepción de Ramón Aller e Loriga Taboada, son os pintores os únicos "ilustres
lalinenses" aceptablemente coñecidos polos seus veciños e, con Ramón
Aller, os únicos habitantes desta vila amplamente distinguidos fóra dela. Esa é
a razón pola que esta entrega está dedicada de xeito conxunto ós pintores que
deu Lalín e que, co seu traballo, honran tamén a terra que os viu nacer. Catro
son os nomes que destacan: Laxeiro, Sucasas (ós que dedicamos a primeira
entrega), Lamazares e Aymerich.
Antón Lamazares (Maceira, 1954): París, Nova York, Madrid,
Berlín...
A aldea marcou os
seus primeiros anos de vida: as tarefas agrarias, as paisaxes, a pequena
escola... Pasa parte dos anos sesenta interno no Convento franciscano de
Herbón, onde esperta o seu interese por ler e escribir poesía, e se volve un
devorador de libros clásico.
Autodidacta, a
Lamazares atópanselle influencias de Laxeiro, pero tamén de artistas dos que
vai coñecendo a súa obra en viaxes e visitas a museos e exposicións: Tàpies,
Miró, Francis Bacon, Van Gogh...
Co comenzo dos
setenta, e despois dunha longa viaxe por Europa, fixa a súa residencia en
Barcelona, onde chega a traballar como obreiro na construción para poder
sufragar os custos dos estudos de arte. Na cidade condal mergúllase nos museos
e salas de exposicións e é alí tamén onde a súa afección pola poesía rexorde.
A finais dos
setenta trasládase a Madrid, onde vive con intensidade a vida cultural da
capital e o inicio dunha fonda actividade pictórica que se prolongará durante
as dúas décadas seguintes, período no que comeza a residir longas tempadas en
Bruxelas, Nova York, Barcelona, Salamanca, París... con numerosas viaxes a
outras cidades de Europa, América e Asia. Así até descubrir o feitizo de
Berlín, onde reside dende 2004. Son anos nos que as súas exposicións se suceden
e multiplican case sen interrupción e nos que vai sumando numerosos
recoñecementos, entre eles, o Premio Laxeiro á traxectoria artística, a
Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e a Medalla Castelao.
Din del que
"é un pintor de series" máis que de etapas. A elas refírese con nomes
tan suxestivos como Lugar Donsión, Pol en Adelán ou E fai frío no lume, esta última marcada pola morte do seu pai. Pero
de Lamazares non convén perder de vista os seus gravados ou os seus traballos
en papel e, por suposto, os seus poemas.
O éxito co que
recollen as crónicas o máis dun cento de exposicións individuais e o dobre de
colectivas dan exemplo do interese que esperta a obra de Lamazares por todo o
mundo.
Guillermo Aymerich Goyanes. Lalinense, di que
naceu "por casualidade" en Santiago, en 1964. Logo da súa estancia
xuvenil en Porto Rico, viaxa a Valencia para estudar, primeiro, e doutorarse,
despois, en Belas Artes pola súa Universidade Politécnica. Profesor
(esporádico) desta institución e, sobre todo, artista e viaxeiro impenitente, neses
anos é un habitual da Algarabía e a Foliada do recordado Luís Areán. A música,
nomeadamente a de "valores lalinenses", como a do propio Areán ou a
do Xocas, é unha constante na súa vida, como o Lalín ó que regresa
periodicamente. "O retorno sempre vén ben para entender mellor isto e
valoralo máis. E a comida", afirma.
Cualifícase a si
mesmo coma un "pintor picante" (o marketing
tamén é cousa das artes) e defínese como "pintor, viaxeiro, rastafari e
pangalaico que se mestura en distintos puntos do globo". Ten exposto e
espalladas obras polo mundo enteiro –25 exposicións individuais, máis de 200
colectivas e obras expostas en 30 museos dos cinco continentes–. Froito da súa
peripecia vital, Europa e China son referencias periódicas para a súa residencia
e para o seu traballo. Ó "país roxo" únelle, ademais do profesional,
a súa parella Wifi, modelo e cantante, un motivo máis para alongar a súa actual
estadía en Pequín.
Xustifica o seu
espírito viaxeiro e a influencia de cada lugar no seu traballo comparando a
pintura coa cociña: "Non te podes limitar a unha despensa local".
Cada estada xera unha serie, unha colección, unha obra...
P.D.: A lista de artistas lalinenses é ben máis
longa. Como recordabamos no capítulo En feminino, lembramos a Mª do Carme Calviño
Iglesias, pintora nada na Xesta no ano 1938, de familia de mestres e
afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos artísticos e
realiza boa parte do seu traballo pictórico. Tamén é de salientar o traballo do
tristemente desaparecido Willy, pois
moitas das súas obras (e até algunha reprodución) dan vida a moitos lugares da
súa vila. E novos valores como Álvaro
Negro, Miguel Calvo –Misha Bies
Golas– ou os Payo... Homes e
mulleres que dotan esta terra desa sensibilidade que a distingue doutras.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario