Desde este enderezo web poderás descargar o libro FILLOS ILUSTRES DE LALÍN en calquera dos formatos electrónicos
http://www.donramiro.org/index.php/fillos-ilustres-ebook
FILLOS ILUSTRES DE LALÍN
Un lugar para coñecer e honrar a memoria dos grandes homes e mulleres, que fixeron historia e con elo escribiron a da súa vila: Lalín
lunes, 3 de noviembre de 2014
domingo, 12 de mayo de 2013
OBITUARIO: Cesar García Oro
Eras o meu ídolo
de adolescencia: gracioso, de fala fluida… e sempre cunha muller fermosa ó teu
carón. Cada verán que te achegabas por Galicia deixábaste caer polo convento de
San Francisco a visitar ó Padre Oro, por Lalín de Arriba a ver a Hermelinda e
familia, pola Veiga a ver como envellecía a túa casa natal e pola casa do “xastre de Donramiro”. De cote acompañábate
unha muller fermosa: morenas, louras, altas, baixas, cubanas, caucásicas… Eu
quería ser como Cesar de maior, e intenteino abofé que o intentei… pero só
neste plano. Devecías polos tomates arrincados da planta da horta do xastre, só
mollado en sal. Contábaslle a Benito que os tomates de USA xa non sabían igual
(os de agora aquí tampouco!).
Estíbeche a maior parte da túa vida rodeado de negros e hispanos, en Howard (non en Harward, como se cansan de dicir moitos dos que de ti escribiron un par de pouco documentadas liñas en Lalín). A Harward ías de visita, e por obrigación un par de veces… demasiado estirados para o teu gusto. A universidade americana dos negros e dos hispanos era máis do teu estilo.
Dous “Oro” danlle lustre á historia intelectual de Lalín. Hoxe, o teu querido Padre Oro chora a túa perda entre a pedras de San Francisco, onde avellenta sen que a súa obra, como a túa, sexan postas en valor polas autoridades de Lalín: o que non se colga nin se come non parece ter valor para eles!.
Galeguista ate a
medula, orgulloso do idioma que “mamou”, díxolle á súa sobriña a última vez que
visitou Lalín: “voume esquecendo de todo… pero o último do que me vou a
esquecer é do galego”. O Alzheimer xa empezaba a “facer das súas”. Volves á
casa, na semana das Letras Galegas, as mesmas que como catedrático e escritor
divulgaches a este e ó outro lado do Atlántico.
Eras o meu ídolo de adolescencia, magoa que non te quixese imitar na túa faciana intelectual, hoxe sería algo máis que este “xunta-palabras” que te admira, na mesma primavera na que as túas cinzas cruzaron o Atlántico para repousar na túa querida A Veiga , nunha primavera similar á do teu nacemento fai 85 anos. Peculiar e especial ate para nacer e morrer: o mesmo día, un 16 de marzo.
Moitos e moitas,
pero moitas, recordámoste con afecto, envexa
e admiración. Boa Viaxe!.
Ver biografía:
http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/05/cesar-oro-garcia.html
viernes, 13 de julio de 2012
EPÍLOGO FILLOS ILUSTRES
Con esta serie de
artigos sobre persoeiros lalinenses,
publicada en Faro de Vigo e agora recollidos nesta publicación, nos propuxemos axudar
a divulgar e a recordar a existencia dalgúns "fillos ilustres" de
Lalín e, de camiño, contribuír a corrixir algunhas inexactitudes biográficas cometidas
por outros, desas que, repetidas varias veces, seica semellan converterse en
verdade (como a adscrición do mestre César Oro á Universidade de Harvard). Foi
o tempo de lembrar que algunha destas figuras históricas (é o caso de Gil
Taboada) está esquecida polos nosos gobernantes; de poñer en evidencia a
riqueza que se perde se se agochan á memoria os legados científicos e
intelectuais (Padre José García, Benito Varela, Xosé Rodríguez…); de facer ver,
a quen atinxa, ou de pór de relevo a transcendencia de determinadas fazañas realizadas
por outros que, sendo recordadas, non son debidamente valoradas, coma é o caso
de Loriga e o seu papel no desenvolvemento do autoxiro.
O período empregado
na súa elaboración serviunos para comprobar a falta de información municipal, mesmo
dun arquivo mínimo actualizado, de honores e recoñecementos non só como fillos "ilustres",
senón tamén de concesión de tratamentos honoríficos como "predilecto"
ou "adoptivo". Un redactor da delegación do xornal non foi quen de
conseguir, en catro meses, unha listaxe de persoas con recoñecemento
institucional e outra coa normativa municipal sobre a materia. No mesmo plano,
é absolutamente imperdoable que o medio de comunicación institucional que é a
web municipal só recolla, coa consideración de Fillos ilustres, a Joaquin
Loriga, ao Matemático Rodríguez, a Laxeiro, a Ramón Aller e a Calvo Garra. Inxustificable
aldraxe á memoria de, cando menos, unha ducia de lalinenses que forman parte
dunha historia que transcende o local para asentarse no eido do nacional e do internacional,
nos campos da ciencia, da administración ou das artes.
Como en varias
ocasións advertimos ao longo da serie de reportaxes, están todos os que son... e,
seguramente, sono tamén algúns que non están! Pechamos esta serie de biografías-reportaxes
co agradecemento aos que colaboraron na súa realización, que xa foron citados
no posdata de cada artigo, e co compromiso de que non fique nunha acción dun
día.
"É sen dúbida
desexable ter antepasados ilustres, pero o mérito é todo deles"
Plutarco
"A xente que nunca se preocupa polos seus
antepasados xamais ollará cara á posteridade"
Edmund Burke
P.D. Este blog non ten máis obxectivo que axudar a coñecer e apreciar o legado dos fillos ilustres desta terra.
jueves, 12 de julio de 2012
Xosé Cuiña Crespo
Concelleiro, alcalde,
deputado provincial e autonómico, presidente de Deputación, conselleiro e
empresario: Xosé Cuiña Crespo (Prado, 25 de febreiro de 1950). Dificilmente podería
o autor delimitar onde acaba a persoa e comeza a personaxe. Xosé Cuiña é o
principal protagonista, e seguramente impulsor, do período de maior desenvolvemento
socioeconómico experimentado polo Concello de Lalín na súa historia. Deu pulo a
numerosas infraestruturas sen caer en proxectos megalómanos, ós que tan dados
son algúns políticos.
"O fillo do
muiñeiro" foi o seu slogan persoal, unha sorte de marca que soubo acuñar e
aproveitar en beneficio propio e do seu modelo para o país: a articulación dun
movemento social e político cunha clara orientación galeguista, na que o motor
eran as pequenas e medianas vilas galegas. Fronte a esa filosofía, e iso
marcaría parte da súa carreira política, estivo o cada vez maior e máis
poderoso sector "urbanita", no que funcionarios, mestres
universitarios e profesionais liberais eran maioría. Ós primeiros,
representados por Cuiña (tamén por Baltar, Cacharro...), e ós segundos,
habilmente "xestionados" onte e hoxe por José Manuel Romay e o seu avantaxado
alumno político Mariano Rajoy, recoñécenselles como "os da boina e o
birrete", unha frase simbólica na que quedan recollidas as dúas
sensibilidades.
A súa traxectoria
empresarial está vinculada á empresa Inasus, orixe do que, co tempo, se
converteu en grupo empresarial familiar. Os seus intereses empresariais
estiveron intimamente ligados ós conflitos políticos dos que foi protagonista e
á súa "caída en desgraza" e dimisión do Goberno de Manuel Fraga, logo
dunhas compras de material feitas pola Xunta a unha empresa a el vencellada para
traballos de loita contra a vertedura do Prestige.
Unha adquisición que tivera que ver máis coa urxencia e necesidade de dispoñer do
material, pois non mediara beneficio ningún, nin sequera simbólico, como
demostrou unha comisión de investigación parlamentaria… Pero a ocasión foi
planificada e executada "en clave de sucesión" dende dentro do propio
partido, forzando unha dimisión que tivo máis de desgaste que doutra cousa e
desenmascarando un bo número de "membros da boina" que mudaron de
bando e situaron á fin a Núñez Feijóo na sucesión política, primeiro, e logo institucional de Manuel Fraga en
Galicia.
Xosé Cuiña nace
no seo dunha modesta familia un 25 de febreiro de 1950. Fórmase nos institutos
de Lalín e Vilagarcía de Arousa e cursa Bioloxía até cuarto, con algunhas materias
pendentes de anos anteriores. Cazador, xa de novo preside a Sociedade de Caza
de Lalín, o seu primeiro trampolín político. Casa con María do Carme Aparicio,
con quen ten dous fillos, Rafael e María. Incorporado por Luís González Taboada,
Licho, á corporación municipal; dende
1973 é concelleiro polo "tercio familiar" (durante a ditadura, este
grupo de concelleiros constituíase por elección entre os veciños cabeza de
familia, xunto co tercio sindical e os propostos polo gobernador civil, abrindo
as portas a persoas non vinculadas ó réxime franquista) e seis anos máis tarde preséntase
á alcaldía como independente nas primeiras eleccións democráticas, en abril de
1979.
O 14 de agosto de
1987, logo das municipais, substitúe a Fernando García del Valle na Deputación
de Pontevedra como presidente, cargo que deixará xunto coa alcaldía de Lalín o
3 de febreiro de 1990, trala vitoria do Partido Popular nas eleccións
autonómicas. Faino para asumir a carteira de Obras Públicas, con Manuel Fraga
como presidente.
Como alcalde de
Lalín artellou unha vila que fora medrando desordeadamente arredor do
cruzamento das estradas Vigo-Lugo e Ourense-Santiago, abrindo novas rúas que permitiron
a construción de centos de novos edificios e impulsando así o seu crecemento
urbano. Neste tempo creáronse numerosas infraestruturas de servizos sociais,
lúdicos e deportivos. Lalín tomou forza como centro de produción téxtil e de produtos
para o agro e a gandaría, o que motivou a creación de postos de traballo que a transformaron
no eixo de servizos da zona centro de Galicia. Foi a época das obras útiles e
prácticas.
Como presidente
da Deputación de Pontevedra destacou polo
seu esforzo descentralizador, tanto nas decisións como nas inversións. Coma el mesmo
subliñou no seu día, era "o primeiro presidente en 150 anos de historia da
institución, non residente nas cidades (Vigo ou Pontevedra)". Acadou un
alto grao de popularidade no seu contorno político por esa visión do territorio
e as súas necesidades, axudado dunha razoable situación económica que permitiu
milleiros de "pequenas obras" e o crecemento doutras tantas aldeas,
barrios ou vilas da provincia. Non esquecer a cultura e a importancia das
actividades agro-gandeiras e as súas necesidades foi outro dos seus acertos.
O seu labor
institucional e a súa habilidade persoal facilítanlle "penetrar" no
tecido social e político de cada vila e tecer lazos de amizade, principalmente
coas provincias de Lugo e Ourense, que o situarán nun plano de relevancia cando
se articula a operación retorno de Fraga a Galicia como candidato á Xunta, na
que Romay Becaría actuaría de principal cicerone, pero na que Cuiña xogaría un
papel fundamental en aspectos relacionados coa mobilización popular e co
financiamento da campaña.
Como conselleiro
de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (dende o 6 de febreiro de 1990
ó 18 de xaneiro de 2003), deulles pulo ás entón coñecidas como vías rápidas, ás
varias autovías e autoestradas e á creación dunha ampla rede de parques empresariais
(entre eles o de Lalín). Puxo en marcha o proxecto da autovía central Santiago-Lalín-Ourense
e mantivo unha permanente actitude reivindicativa ante o Goberno central en
asuntos como os portos, o AVE e as autovías de conexión co resto da Península.
Puxo en marcha a
Lei de ordenación do territorio de Galicia e a Lei de ordenación urbanística e
protección do medio rural. En materia de vivenda experimentouse un desenvolvemento
exponencial co arranque de programas de fomento da rehabilitación e da construción
de vivenda protexida, que arredaron a centos de galegos da infravivenda e do
chabolismo. Dimite o 13 de xaneiro de 2003, logo de filtrarse dende "entornos
cercanos" ó PPdeG a compra por parte da Xunta de material para traballos
de limpeza da vertedura do Prestige a
unha empresa a el vinculada.
Paralelamente ó
desempeño das súas función institucionais, foi crecendo o seu poder político.
Durante a década dos 90 foi o secretario xeral do Partido Popular de Galicia e,
dende a chegada ó poder de Manuel Fraga até o seu pasamento, parlamentario
galego. No plano estritamente político foi acentuando o seu perfil galeguista,
con amplas coincidencias con Manuel Fraga pero distanciado dos "valores
emerxentes" do partido, como Núñez Feijóo. Desta etapa é o outro "título"
que lle foi atribuído e do que non se molestaba en fuxir: "delfín",
que refería a súa posición privilexiada na sucesión de Manuel Fraga, con quen "cociñou"
conceptos como os de autoidentificación ou administración única, como fórmula
para contrarrestar o de autodeterminación, defendido polos nacionalistas.
No congreso de
2005 non foi quen de se facer cos apoios precisos para o seu nomeamento como
sucesor de Manuel Fraga na candidatura á Xunta polo PPdeG, e retirouse da
primeira liña política, agás no seu papel como deputado. Non foi, a pesares de
que moitos o quixeron presentar así, o cuarto "fillo devorado polo Deus
Fraga", despois de Verstrynge, Mancha e Barreiro. Pola contra, foi leal a
un home cando este lle pediu que deixara os seus cargos polo ben dunha
reelección nas autonómicas que non se chegaría a producir.
En xuño de 2003,
meses despois da súa dimisión, xuntaba a representantes de varios medios de
comunicación para lles comunicar o seu "retorno" á actualidade
política. Facíao no seu muíño de Prado, o mesmo marco que unhas semana antes
elixira para manter un reencontro a soas con Manuel Fraga. Alí lembraba: "Teño
vocación política e non vou renunciar a ela en ningunha circunstancia. Pero
tamén se pode exercer esa vocación como militante, defendendo unha lingua, unha
cultura e unha idea como pobo e animando a outros a facer o mesmo. Eso tamén é
facer política". E esta podería ser unha das frases que mellor definan o
seu “legado” político.
Unha enfermidade
impídelle a "resurrección política" que moitos esperaban, boa parte
destes con máis temor que outra cousa. Falece en Compostela ós 57 anos o 28 de
Nadal de 2007. Ese día dos Inocentes finaba o que podemos considerar último
Fillo Ilustre de Lalín.
P.D.: Na miña tarefa como xornalista, na COPE e na
TVG en Compostela, vivín os seus primeiros anos como conselleiro de Política
Territorial (Obras Públicas primeiro). "Sufrino" como xestor na miña
etapa como xefe do gabinete de prensa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, do
que el era presidente, en calidade de conselleiro do ramo. Fóra de reflexións
persoais, de ámbalas etapas quedoume o convencemento de que se trataba dun home
chamado a deixar unha pegada na historia de Galicia ("obras son amores,
que no buenas razones", di o refraneiro español) e que mantivo sempre a
súa condición de lalinense por riba de moitas outras consideracións, e ese "lalinesismo"
foi utilizado en contra del, en moitas ocasións dun xeito insidioso.
Pouco
se parece o PPdeG de hoxe ó que "pilotou" Xosé Cuiña durante unha
década, o mesmo tempo que o partido empregou para conseguir borrar case por
completo a figura deste lalinense da súa historia oficial: a sección Historia
do Partido Popular da web do PPdeG resume en liña e media esta longa etapa
política, fronte ás abondosas referencias institucionais feitas ó resto dos
"protagonistas", e só cita ó entón secretario xeral nunha ocasión, e
obviando o seu nome.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
Unha fundación para Alfonso Sucasas
O pasado 10 de xuño publicabamos nestas mesmas
páxinas a primeira parte deste Fillos Ilustres dedicado a Laxeiro e Sucasas.
Aínda que inconscientemente, presumíase entón a proximidade dun fatal desenlace
ao reflectir a súa situación actual coa frase "de saúde delicada a estas
alturas". Apenas dúas semanas despois coñeciamos a nova do seu pasamento,
con 72 anos, na súa casa de Vila de Cruces. Alfonso Sucasas Guerra
(Goiás / Lalín, 1940 – Ferreirós / Vila de Cruces, 2012) deixa muller, moitos
amigos, máis admiradores da súa obra e, disque, dúas ducias de traballos "inacabados".
"Os cadros
están aí para que falen e punto". Estas palabras son súas e definen moi ben
o seu pensamento. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante
unha breve tempada, en Madrid, con dezaoito anos emigra a Venezuela. Para aló
marcha decepcionado tras suspender o exame de acceso a Belas Artes pero coa
intención firme de formarse artisticamente. Virá despois unha segunda etapa
marcada pola súa viaxe ó Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en
plenitude. En terras brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa
como publicista e decorador, até que regresa a Galicia en 1968, xa cunha
pequena e esperanzadora colección realizada. Dende entón, Santiago, Vigo e
Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. O retorno
a Galicia "resucita" as estampas de labregos, actividades agrarias, feiras,
festas, paisaxes rurais... que durante a súa etapa americana gardou na memoria.
Crea obras influído, máis que por outros pintores, pola situación social e
política de cada momento.
Ó contrario de
moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case que á marxe dos círculos
culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que non se poida falar del coma
un "pintor de etapas" segundo as influencias externas. Crea "libre",
coa figuración como referente, "clásico"... Nos oitenta é xa un
pintor "de éxito". A principios deste 2012, e sobre esta cuestión,
afirmaba: "A miña vinculación co mundo cultural durante os últimos anos
ten sido nada de nada de nada. Convertinme nese aspecto nun franciscano que foxe
do mundo para poder pintar o que a min me dá a gana. Non quero influenzas de fóra".
O profesor de
Historia da Arte Xerardo Fentanes, lalinense e amigo persoal de Sucasas, defíneo
coma "un home apaixonado da vida", que "pintou co corazón o que
levaba dentro, fóra de movementos e de diñeiro", e "a súa obra reflícteo".
O folleto dunha recente exposición de obras súas dicía ao respecto dun dos seus
cadros (Campesinas): "Sucasas, al igual que otros muchos pintores de fuerte arraigo a su tierra, encuentra en la realidad que lo rodea una fuente inagotable de inspiración. Su manera de interpretar la vida se traduce en las pinturas que buscan la memoria de la identidad, el sentido primitivista del mundo popular, los campesinos, las rotundas mujeres gallegas. La resolución, en estas tres campesinas, de unas formas subjetivadas e idealizadas, no implica la pérdida de la verdad que encierran. Las figuras conjugan rudeza e ingenuidad. Los colores se aplican espontáneamente. El carácter volumétrico de las figuras se refuerza con las gruesas u directas líneas de contornos, evidenciando un expresionismo de apariencia templada y esquemática". Probablemente, só probablemente, é unha descrición aplicable a moitas das súas obras e até a parte da súa vida artística.
Sucasas dicía ser
pintor "dende neno". Retratos, espidos e escenas costumistas suman a
maior parte da súa produción pictórica. A súa última exposición tivo lugar en
Vigo a principios de ano. As protagonistas eran 35 pezas que conformaban unha
retrospectiva na que se puideron ver mesmo traballos realizados durante a súa
estadía americana, onde experimentou co abstracto que, co tempo, quedaría só
para presumirse no interior das figuras que pintaba.
Obras súas colgan
hoxe nas paredes das máis importantes salas de exposicións, pero tamén en
moitas casas e empresas, do mesmo xeito ca nas principais institucións galegas,
como o Parlamento de Galicia, onde se poden admirar Antroido 1 e 2, e Follas.
Pasou os últimos
anos da súa vida na compaña da súa esposa María Espinosa Borrego, na vivenda
familiar e casa de turismo rural de Ferreirós, en Vila de Cruces, e os últimos
meses levando con suprema elegancia e discreción a enfermidade que acabou coa
súa vida. O ilustre pintor lalinense foi despedido por centos de veciños primeiro
na capela ardente instalada no Museo Municipal Ramón María Aller e despois, no
funeral. Pola súa banda, o Goberno municipal expresou a súa dó declarando dous
días de loito oficial.
P.D.: A creación dunha fundación que conserve,
divulgue e manteña o seu legado é agora algo máis ca unha posibilidade, é unha
obriga. Este era o desexo de Alfonso Sucasas. Será o mellor recoñecemento á
figura deste ilustre lalinense.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
Os nosos artistas (II)
A excepción de Ramón Aller e Loriga Taboada, son os pintores os únicos "ilustres
lalinenses" aceptablemente coñecidos polos seus veciños e, con Ramón
Aller, os únicos habitantes desta vila amplamente distinguidos fóra dela. Esa é
a razón pola que esta entrega está dedicada de xeito conxunto ós pintores que
deu Lalín e que, co seu traballo, honran tamén a terra que os viu nacer. Catro
son os nomes que destacan: Laxeiro, Sucasas (ós que dedicamos a primeira
entrega), Lamazares e Aymerich.
Antón Lamazares (Maceira, 1954): París, Nova York, Madrid,
Berlín...
A aldea marcou os
seus primeiros anos de vida: as tarefas agrarias, as paisaxes, a pequena
escola... Pasa parte dos anos sesenta interno no Convento franciscano de
Herbón, onde esperta o seu interese por ler e escribir poesía, e se volve un
devorador de libros clásico.
Autodidacta, a
Lamazares atópanselle influencias de Laxeiro, pero tamén de artistas dos que
vai coñecendo a súa obra en viaxes e visitas a museos e exposicións: Tàpies,
Miró, Francis Bacon, Van Gogh...
Co comenzo dos
setenta, e despois dunha longa viaxe por Europa, fixa a súa residencia en
Barcelona, onde chega a traballar como obreiro na construción para poder
sufragar os custos dos estudos de arte. Na cidade condal mergúllase nos museos
e salas de exposicións e é alí tamén onde a súa afección pola poesía rexorde.
A finais dos
setenta trasládase a Madrid, onde vive con intensidade a vida cultural da
capital e o inicio dunha fonda actividade pictórica que se prolongará durante
as dúas décadas seguintes, período no que comeza a residir longas tempadas en
Bruxelas, Nova York, Barcelona, Salamanca, París... con numerosas viaxes a
outras cidades de Europa, América e Asia. Así até descubrir o feitizo de
Berlín, onde reside dende 2004. Son anos nos que as súas exposicións se suceden
e multiplican case sen interrupción e nos que vai sumando numerosos
recoñecementos, entre eles, o Premio Laxeiro á traxectoria artística, a
Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e a Medalla Castelao.
Din del que
"é un pintor de series" máis que de etapas. A elas refírese con nomes
tan suxestivos como Lugar Donsión, Pol en Adelán ou E fai frío no lume, esta última marcada pola morte do seu pai. Pero
de Lamazares non convén perder de vista os seus gravados ou os seus traballos
en papel e, por suposto, os seus poemas.
O éxito co que
recollen as crónicas o máis dun cento de exposicións individuais e o dobre de
colectivas dan exemplo do interese que esperta a obra de Lamazares por todo o
mundo.
Guillermo Aymerich Goyanes. Lalinense, di que
naceu "por casualidade" en Santiago, en 1964. Logo da súa estancia
xuvenil en Porto Rico, viaxa a Valencia para estudar, primeiro, e doutorarse,
despois, en Belas Artes pola súa Universidade Politécnica. Profesor
(esporádico) desta institución e, sobre todo, artista e viaxeiro impenitente, neses
anos é un habitual da Algarabía e a Foliada do recordado Luís Areán. A música,
nomeadamente a de "valores lalinenses", como a do propio Areán ou a
do Xocas, é unha constante na súa vida, como o Lalín ó que regresa
periodicamente. "O retorno sempre vén ben para entender mellor isto e
valoralo máis. E a comida", afirma.
Cualifícase a si
mesmo coma un "pintor picante" (o marketing
tamén é cousa das artes) e defínese como "pintor, viaxeiro, rastafari e
pangalaico que se mestura en distintos puntos do globo". Ten exposto e
espalladas obras polo mundo enteiro –25 exposicións individuais, máis de 200
colectivas e obras expostas en 30 museos dos cinco continentes–. Froito da súa
peripecia vital, Europa e China son referencias periódicas para a súa residencia
e para o seu traballo. Ó "país roxo" únelle, ademais do profesional,
a súa parella Wifi, modelo e cantante, un motivo máis para alongar a súa actual
estadía en Pequín.
Xustifica o seu
espírito viaxeiro e a influencia de cada lugar no seu traballo comparando a
pintura coa cociña: "Non te podes limitar a unha despensa local".
Cada estada xera unha serie, unha colección, unha obra...
P.D.: A lista de artistas lalinenses é ben máis
longa. Como recordabamos no capítulo En feminino, lembramos a Mª do Carme Calviño
Iglesias, pintora nada na Xesta no ano 1938, de familia de mestres e
afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos artísticos e
realiza boa parte do seu traballo pictórico. Tamén é de salientar o traballo do
tristemente desaparecido Willy, pois
moitas das súas obras (e até algunha reprodución) dan vida a moitos lugares da
súa vila. E novos valores como Álvaro
Negro, Miguel Calvo –Misha Bies
Golas– ou os Payo... Homes e
mulleres que dotan esta terra desa sensibilidade que a distingue doutras.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
Os nosos artistas (I)
José Otero Abeledo,
Laxeiro, Alfonso Sucasas, Antón Lamazares e Guilermo Aymerich son as catro
patas que sustentan o banco (o cabalete de pintor, deberiamos dicir) da
expresión pictórica da capital de Deza. Catro nomes que, pola súa
"contundencia" artística, deixan pequenos, aínda que sen lle restar
mérito ningún, a outras ducias de artistas plásticos xurdidos nesta fértil
terra, sendo merecentes de recoñecemento e recordo.
Se por algo destaca Lalín nos últimos 100 anos é pola extensa colleita de
artistas de primeiro nivel que ten dado. Moitos deles acadaron relevancia
internacional, pero todos ficaron cun pé na terra na que abrollaron, coma se
dela chuchasen a enerxía precisa para seguir creando.
José Otero Abeledo -
Laxeiro: Nace en 1908 na cerna da parroquia lalinense de Donramiro, ao carón da
escola e do edificio que fora concello. Morre en Vigo en 1996. Os primeiros
anos discorren no seo dunha familia de sete irmáns –el era o maior– que pronto
emigra a Cuba, onde o luso Moreiras, mestre seu, marcará a súa vocación
artística e o interese pola vida cultural da Habana. Volve adolescente para
Lalín, onde reparte o seu tempo entre a pintura e a profesión de barbeiro, coa
que percorre as feiras e vive escenas que logo reflectirá nos seus debuxos.
Nace así o gran retratista que analiza con suma precisión a tipoloxía do
campesiñado galego.
Sucesivas axudas públicas permítenlle formarse e viaxar
acotío a Madrid, onde comeza a frecuentar faladoiros e a compartir xuntanzas de
intelectuais galegos, entre os que se atopaban Vicente Risco, Castelao, Suárez
Picallo ou Otero Pedrayo, e, de camiño a elas, visitas e máis visitas ó Museo
do Prado. De volta a Galicia é xa un pintor "consolidado". Casa entón
con Luisa Villamarín e, froito da relación, nace Mari Cruz Otero. Frecuenta os
cenáculos artísticos de Compostela como xa fixera antes da súa estadía
madrileña e, logo dunha breve tempada na capital provincial, fixa a súa
residencia en Vigo, que, xunto con Lalín, van ser "domicilio
recorrente" para Laxeiro.
É un dos máis claros representantes do que se
deu en chamar "vangarda histórica galega", un grupo de renovadores
que sitúan Galicia no mapa mundial da plástica. Coma "un fabulador
plástico", así se pode resumir o seu perfil artístico, botando man dunha
das terminoloxías que se teñen empregado para definir a súa obra. Se falamos de
influencias, Laxeiro bebe do Románico e do Barroco galego, do Picasso
neoclásico, do expresionismo europeo ou do Goya máis negro. Gran debuxante, ten
deixado centos de traballos espallados polo mundo, moitos en panos de mesa,
manteis ou simples cuartillas.
Nos primeiros anos foi considerado un escultor
da pintura –"estética granítica", seica lle chaman os que disto
"entenden"–, por tomar da escultura en pedra de Galicia a
inspiración. Negros e ocres, e lenzos con escaso "aire", saturados as
máis das veces, danlle continuidade ó seu traballo, até chegar á época máis
influenciada por Goya. Eran os tempos en que escenas tradicionais da terra,
ritos, celebracións... tomaban protagonismo.
Corren os anos 50 e Laxeiro cruza
de novo o Atlántico, desta volta cara a Bos Aires. Na capital arxentina
permanece vinte anos nos que, paradoxalmente, é influenciado polos artistas
europeos do momento, nomeadamente franceses, cun expresionismo un tanto irreal
ás veces. A súa pintura tórnase máis sinxela, menos cargada que no período
precedente pero sen conceder aínda grandes espazos "baleiros" ó
lenzo, que gaña en color.
En 1972, xa de volta en España, Madrid, Lalín e Vigo
son lugares de longas estadías que vai alternando sen fin, situándose á cabeza
do coñecido como movemento Atlántica. Os oitenta e os noventa son anos dun
especial recoñecemento en vida da súa obra: organízanse máis de medio cento de
mostras individuais, Vigo dedícalle un museo, recibe a Medalla de Lalín, o
Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro do Concello de Vigo e a
Medalla Curros Enríquez, e institúese a Bienal Laxeiro de Lalín.
Alfonso
Sucasas Guerra (Goiás, 1940): "Os cadros están aí para que falen e
punto". A frase é súa e define moi ben o seu pensamento. Logo de formarse
na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante unha breve tempada, en Madrid,
con dezaoito anos emigra a Venezuela xa coa intención de formarse
artisticamente. Virá despois unha segunda etapa marcada pola súa viaxe ó
Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en plenitude. En terras
brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa como publicista e
decorador, até que regresa a Galicia en 1968. Dende entón, Santiago, Vigo e
Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. Crea obras
influído, máis que por outros pintores, pola situación social e até política de
cada momento. Ó contrario de moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case
que á marxe dos círculos culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que
non se poda falar del como un "pintor de etapas" segundo as
influencias externas.
De saúde delicada a estas alturas, Sucasas di ser pintor
"dende neno". Retratos, desnudos e escenas costumistas suman a maior
parte da súa produción pictórica.
NOTA: Sucasas falecería poucos días despois de escribirse este artigo, ver obituario: http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/07/unha-fundacion-para-alfonso-sucasas.html
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
NOTA: Sucasas falecería poucos días despois de escribirse este artigo, ver obituario: http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/07/unha-fundacion-para-alfonso-sucasas.html
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
Suscribirse a:
Entradas (Atom)