José Otero Abeledo,
Laxeiro, Alfonso Sucasas, Antón Lamazares e Guilermo Aymerich son as catro
patas que sustentan o banco (o cabalete de pintor, deberiamos dicir) da
expresión pictórica da capital de Deza. Catro nomes que, pola súa
"contundencia" artística, deixan pequenos, aínda que sen lle restar
mérito ningún, a outras ducias de artistas plásticos xurdidos nesta fértil
terra, sendo merecentes de recoñecemento e recordo.
Se por algo destaca Lalín nos últimos 100 anos é pola extensa colleita de
artistas de primeiro nivel que ten dado. Moitos deles acadaron relevancia
internacional, pero todos ficaron cun pé na terra na que abrollaron, coma se
dela chuchasen a enerxía precisa para seguir creando.
José Otero Abeledo -
Laxeiro: Nace en 1908 na cerna da parroquia lalinense de Donramiro, ao carón da
escola e do edificio que fora concello. Morre en Vigo en 1996. Os primeiros
anos discorren no seo dunha familia de sete irmáns –el era o maior– que pronto
emigra a Cuba, onde o luso Moreiras, mestre seu, marcará a súa vocación
artística e o interese pola vida cultural da Habana. Volve adolescente para
Lalín, onde reparte o seu tempo entre a pintura e a profesión de barbeiro, coa
que percorre as feiras e vive escenas que logo reflectirá nos seus debuxos.
Nace así o gran retratista que analiza con suma precisión a tipoloxía do
campesiñado galego.
Sucesivas axudas públicas permítenlle formarse e viaxar
acotío a Madrid, onde comeza a frecuentar faladoiros e a compartir xuntanzas de
intelectuais galegos, entre os que se atopaban Vicente Risco, Castelao, Suárez
Picallo ou Otero Pedrayo, e, de camiño a elas, visitas e máis visitas ó Museo
do Prado. De volta a Galicia é xa un pintor "consolidado". Casa entón
con Luisa Villamarín e, froito da relación, nace Mari Cruz Otero. Frecuenta os
cenáculos artísticos de Compostela como xa fixera antes da súa estadía
madrileña e, logo dunha breve tempada na capital provincial, fixa a súa
residencia en Vigo, que, xunto con Lalín, van ser "domicilio
recorrente" para Laxeiro.
É un dos máis claros representantes do que se
deu en chamar "vangarda histórica galega", un grupo de renovadores
que sitúan Galicia no mapa mundial da plástica. Coma "un fabulador
plástico", así se pode resumir o seu perfil artístico, botando man dunha
das terminoloxías que se teñen empregado para definir a súa obra. Se falamos de
influencias, Laxeiro bebe do Románico e do Barroco galego, do Picasso
neoclásico, do expresionismo europeo ou do Goya máis negro. Gran debuxante, ten
deixado centos de traballos espallados polo mundo, moitos en panos de mesa,
manteis ou simples cuartillas.
Nos primeiros anos foi considerado un escultor
da pintura –"estética granítica", seica lle chaman os que disto
"entenden"–, por tomar da escultura en pedra de Galicia a
inspiración. Negros e ocres, e lenzos con escaso "aire", saturados as
máis das veces, danlle continuidade ó seu traballo, até chegar á época máis
influenciada por Goya. Eran os tempos en que escenas tradicionais da terra,
ritos, celebracións... tomaban protagonismo.
Corren os anos 50 e Laxeiro cruza
de novo o Atlántico, desta volta cara a Bos Aires. Na capital arxentina
permanece vinte anos nos que, paradoxalmente, é influenciado polos artistas
europeos do momento, nomeadamente franceses, cun expresionismo un tanto irreal
ás veces. A súa pintura tórnase máis sinxela, menos cargada que no período
precedente pero sen conceder aínda grandes espazos "baleiros" ó
lenzo, que gaña en color.
En 1972, xa de volta en España, Madrid, Lalín e Vigo
son lugares de longas estadías que vai alternando sen fin, situándose á cabeza
do coñecido como movemento Atlántica. Os oitenta e os noventa son anos dun
especial recoñecemento en vida da súa obra: organízanse máis de medio cento de
mostras individuais, Vigo dedícalle un museo, recibe a Medalla de Lalín, o
Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro do Concello de Vigo e a
Medalla Curros Enríquez, e institúese a Bienal Laxeiro de Lalín.
Alfonso
Sucasas Guerra (Goiás, 1940): "Os cadros están aí para que falen e
punto". A frase é súa e define moi ben o seu pensamento. Logo de formarse
na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante unha breve tempada, en Madrid,
con dezaoito anos emigra a Venezuela xa coa intención de formarse
artisticamente. Virá despois unha segunda etapa marcada pola súa viaxe ó
Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en plenitude. En terras
brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa como publicista e
decorador, até que regresa a Galicia en 1968. Dende entón, Santiago, Vigo e
Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. Crea obras
influído, máis que por outros pintores, pola situación social e até política de
cada momento. Ó contrario de moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case
que á marxe dos círculos culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que
non se poda falar del como un "pintor de etapas" segundo as
influencias externas.
De saúde delicada a estas alturas, Sucasas di ser pintor
"dende neno". Retratos, desnudos e escenas costumistas suman a maior
parte da súa produción pictórica.
NOTA: Sucasas falecería poucos días despois de escribirse este artigo, ver obituario: http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/07/unha-fundacion-para-alfonso-sucasas.html
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
NOTA: Sucasas falecería poucos días despois de escribirse este artigo, ver obituario: http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/07/unha-fundacion-para-alfonso-sucasas.html
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario