O pasado 10 de xuño publicabamos nestas mesmas
páxinas a primeira parte deste Fillos Ilustres dedicado a Laxeiro e Sucasas.
Aínda que inconscientemente, presumíase entón a proximidade dun fatal desenlace
ao reflectir a súa situación actual coa frase "de saúde delicada a estas
alturas". Apenas dúas semanas despois coñeciamos a nova do seu pasamento,
con 72 anos, na súa casa de Vila de Cruces. Alfonso Sucasas Guerra
(Goiás / Lalín, 1940 – Ferreirós / Vila de Cruces, 2012) deixa muller, moitos
amigos, máis admiradores da súa obra e, disque, dúas ducias de traballos "inacabados".
"Os cadros
están aí para que falen e punto". Estas palabras son súas e definen moi ben
o seu pensamento. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante
unha breve tempada, en Madrid, con dezaoito anos emigra a Venezuela. Para aló
marcha decepcionado tras suspender o exame de acceso a Belas Artes pero coa
intención firme de formarse artisticamente. Virá despois unha segunda etapa
marcada pola súa viaxe ó Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en
plenitude. En terras brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa
como publicista e decorador, até que regresa a Galicia en 1968, xa cunha
pequena e esperanzadora colección realizada. Dende entón, Santiago, Vigo e
Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. O retorno
a Galicia "resucita" as estampas de labregos, actividades agrarias, feiras,
festas, paisaxes rurais... que durante a súa etapa americana gardou na memoria.
Crea obras influído, máis que por outros pintores, pola situación social e
política de cada momento.
Ó contrario de
moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case que á marxe dos círculos
culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que non se poida falar del coma
un "pintor de etapas" segundo as influencias externas. Crea "libre",
coa figuración como referente, "clásico"... Nos oitenta é xa un
pintor "de éxito". A principios deste 2012, e sobre esta cuestión,
afirmaba: "A miña vinculación co mundo cultural durante os últimos anos
ten sido nada de nada de nada. Convertinme nese aspecto nun franciscano que foxe
do mundo para poder pintar o que a min me dá a gana. Non quero influenzas de fóra".
O profesor de
Historia da Arte Xerardo Fentanes, lalinense e amigo persoal de Sucasas, defíneo
coma "un home apaixonado da vida", que "pintou co corazón o que
levaba dentro, fóra de movementos e de diñeiro", e "a súa obra reflícteo".
O folleto dunha recente exposición de obras súas dicía ao respecto dun dos seus
cadros (Campesinas): "Sucasas, al igual que otros muchos pintores de fuerte arraigo a su tierra, encuentra en la realidad que lo rodea una fuente inagotable de inspiración. Su manera de interpretar la vida se traduce en las pinturas que buscan la memoria de la identidad, el sentido primitivista del mundo popular, los campesinos, las rotundas mujeres gallegas. La resolución, en estas tres campesinas, de unas formas subjetivadas e idealizadas, no implica la pérdida de la verdad que encierran. Las figuras conjugan rudeza e ingenuidad. Los colores se aplican espontáneamente. El carácter volumétrico de las figuras se refuerza con las gruesas u directas líneas de contornos, evidenciando un expresionismo de apariencia templada y esquemática". Probablemente, só probablemente, é unha descrición aplicable a moitas das súas obras e até a parte da súa vida artística.
Sucasas dicía ser
pintor "dende neno". Retratos, espidos e escenas costumistas suman a
maior parte da súa produción pictórica. A súa última exposición tivo lugar en
Vigo a principios de ano. As protagonistas eran 35 pezas que conformaban unha
retrospectiva na que se puideron ver mesmo traballos realizados durante a súa
estadía americana, onde experimentou co abstracto que, co tempo, quedaría só
para presumirse no interior das figuras que pintaba.
Obras súas colgan
hoxe nas paredes das máis importantes salas de exposicións, pero tamén en
moitas casas e empresas, do mesmo xeito ca nas principais institucións galegas,
como o Parlamento de Galicia, onde se poden admirar Antroido 1 e 2, e Follas.
Pasou os últimos
anos da súa vida na compaña da súa esposa María Espinosa Borrego, na vivenda
familiar e casa de turismo rural de Ferreirós, en Vila de Cruces, e os últimos
meses levando con suprema elegancia e discreción a enfermidade que acabou coa
súa vida. O ilustre pintor lalinense foi despedido por centos de veciños primeiro
na capela ardente instalada no Museo Municipal Ramón María Aller e despois, no
funeral. Pola súa banda, o Goberno municipal expresou a súa dó declarando dous
días de loito oficial.
P.D.: A creación dunha fundación que conserve,
divulgue e manteña o seu legado é agora algo máis ca unha posibilidade, é unha
obriga. Este era o desexo de Alfonso Sucasas. Será o mellor recoñecemento á
figura deste ilustre lalinense.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario