lunes, 14 de mayo de 2012

Lalín, berce de “doutores do espírito” (II)


Verbo dalgunha das figuras relixiosas que ten dado esta terra, diciamos na entrega anterior deste Fillos ilustres que Lalín foi, e segue a ser, un lugar especialmente fecundo en materia de relixiosos egrexios; unha bisbarra que alumeou figuras senlleiras que sobresaíron tanto no plano espiritual coma no científico e intelectual. Se abondosas foron as figuras dos catro séculos percorridos, non o son menos as nacidas nos últimos cen anos.

Frei José Higinio Gómez González (Lalín, 1932 - † Lugo, 2008), o frade que chegou a bispo da súa diocese de nacemento, cargo que desempeñou entre 1980 e 2007. O padre Gómez ou frei José, como lle adoitaban dicir, cursou estudos en Lalín e Cea, e máis tarde cos franciscanos en Herbón e Ponteareas. Na súa orde ingresa en 1948. Estuda Filosofía en Ponteareas e Teoloxía en Santiago, onde é ordenado sacerdote en 1956. Un brillante expediente ábrelle as portas para estudar en Roma, primeiro no Pontificio Ateneo Antonianum, onde se licencia en Teoloxía, sección Moral, e en Dereito Canónigo, e logo na Pontificia Università Lateranense, onde obtén a licenciatura en Dereito Romano, para despois doutorarse en 1961.
Como membro da orde franciscana, é destinado como mestre a varios conventos. En Compostela imparte docencia en diversos centros, entre eles, a escola de ATS da Facultade de Medicina. Na provincia franciscana de Santiago desempeñou case todos os cargos de responsabilidade e destacou como un excepcional comunicador, tanto na sede relixiosa como a través dos medios de comunicación. Discípulo convencido do mandato recibido polo decreto Inter mirifica, que promovía o uso dos medios de difusión para a divulgación da mensaxe relixiosa, afirmou que estaba "firmemente convencido de que tanto la radio como otros medios de comunicación [...] –si se utilizan rectamente– proporcionan valiosas ayudas al género humano, puesto que contribuyen eficazmente a descansar y cultivar el espíritu y a propagar y fortalecer el Reino de Dios". Sen dúbida ningunha, pasará á historia como o mellor comunicador que deu a Igrexa en Galicia e o que máis fixo por que esta se abrise á comunicación social.

Impulsado tamén pola súa case febril actividade divulgativa, educativa e solidaria, no ano 1980 é nomeado bispo de Lugo. Neste posto destacou pola incorporación dos laicos á tarefa evanxelizadora, pola dinamización social e cultural das parroquias e pola recuperación de vocacións e do Seminario, así como polo pulo ó uso do galego na celebración da eucaristía. Fomentou a incorporación de institutos relixiosos en tarefas de axuda e apoio "civil", como ocorreu en 1989 coas Franciscanas del Rebaño de María para a atención da residencia de anciáns de Lalín.

Foi, co tempo, un lucense máis. Da cidade das murallas dixo unha vez: "Lugo é unha cidade fermosa, humana, entrañable. As súas xentes fanse admirar e déixanse querer. Descubrir e amar máis este tesouro está sempre no meu ánimo. Esta é a miña ilusión coma lucense. E cando deixe esta tan querida cidade, levarei sempre con orgullo ser un lucense máis. E voltarei ou traeranme. A capeliña de san Froilán, na Santa Igrexa Catedral, quero que sexa a meta da miña peregrinación na terra".

José García Oro. (Lalín, 1931). Este intelectual de grande altura, do que xa falaramos en profundidade nun artigo anterior, cursa estudos nos seminarios franciscanos de Herbón, Ponteareas e Santiago, e no ano 1949 ingresa na orde seráfica. Trasládase logo a Roma, onde cursa estudos superiores de Teoloxía na Pontificia Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Gregoriana, pertencentes ós Xesuítas. Retorna a Santiago de Compostela, onde realiza a titulación civil e as correspondentes convalidacións académicas, e licénciase en Filosofía e Letras. Dende 1983 até 2001, ano no que se xubila, exerce como catedrático de Paleografía e Diplomática na USC.

Escribiu máis de medio cento de libros e colaborou en incontables traballos impresos máis, moitos deles centrados na figura do cardeal Cisneros, na nobreza galega e naqueles que divulgan Galicia na baixa Idade Media.

Na actualidade reside e traballa no convento de San Francisco, onde está ó cargo do arquivo franciscano.

Padre Odilo González González (Donramiro, 1941). Padre pasionista e "peregrino da selva amazónica", coma él mesmo se define, é fillo de Claudio o do Empalme, coñecido por ter sido subdirector da Banda de Música de Lalín e director da Banda dos Veteranos, alá pola década dos setenta. En setembro do ano 1952 (data que coincide coas "súas" Festas do Montserrat, ás que acode sempre que pode) deixa o seu Empalme de Donramiro para marchar ó Mosteiro dos Picos, en Mondoñedo. Alí inicia os seus estudos eclesiásticos, que remata en 1964 no País Vasco, onde ademais profundiza nos estudos musicais (co tempo, e alén da tarefa pastoral e docente, chegará a dirixir corais como a de Catoira).

Con 70 anos ás súas costas, leva 22 desenvolvendo a súa tarefa pastoral na selva peruana, no Departamento de San Martín de Loreto, namorado das súas "xentes humildes e sinxelas". Dende a cidade de Tarapoto atende 27 comunidades que integran preto de 3.000 fieis, a maioría nenos e mozos.
O padre Odilo é un comunicador infatigable: autor de bolggs, presenta espazos radiofónicos e colabora con publicacións relixiosas e sociais do seu país de adopción. Non elude a crítica razoada cando é preciso. É o caso da feita recentemente ó presidente Alan García, logo do anuncio deste de erixir unha “monumental” cruz na honra do coñecido como Cristo do Pacífico. Daquela afirmou: "Lo que me sorprende es que la ocurrencia de erigir este gran Cristo haya surgido de un presidente cuyo Gobierno ha intentado juzgar, condenar y expulsar del país (aunque sin éxito) a misioneros de la Amazonia peruana, que vienen dando, desde hace décadas, lo mejor de sí mismos para implantar el reino de justicia y paz proclamado por el Cristo del Pacífico [...]".

O noso protagonista profesa un fondo cariño á vila de Lalín, á lingua galega e, particularmente, á súa parroquia de Donramiro. Cariño e afecto que non se resenten nin con algún plantón recibido das súas autoridades municipais, como a frustrada axuda municipal para contribuír á construción dunha capela e dun centro social na selva peruana. 

Andrés Ramos Castro (Lalín, 1962). Sacerdote e profesor, cun master en Doutrina Social, é un estudante permanente que, na actualidade, fai Xornalismo.

Cursa os estudos de primaria e o bacharelato na capital de Deza e coa maioría de idade trasládase a Santiago para estudar Filosofía e Teoloxía. O tamén lalinense frei José Higinio Gómez ordénao sacerdote en Lugo en 1987, ano no que comeza a súa carreira como profesor e sacerdote no Seminario Maior. Tres anos despois, en 1990, trasládase para exercer o sacerdocio en Navia de Suarna e de aí, a Madrid, cidade na que, a partir de 1993, desenvolve unha grande actividade, especialmente entre a xuventude, en varios colexios e parroquias, como coordinador da pastoral xuvenil da zona norte de Madrid.

Cos seus cincuenta anos, din os que saben disto, ten por diante unha "carreira" que apunta altas responsabilidades. Na actualidade exerce as súas funcións como sacerdote, secretario particular do bispo auxiliar Fidel Herráez e notario eclesiástico, ademais de ter a honra, segundo el mesmo di, de ser o capelán das Asociacións galegas en Madrid. Galego e lalinense dos pés á cabeza torna á terra sempre que pode e, mentres, cura a morriña entre paisanos na capital.

P.D.: Tiven a honra, na miña curta época de seminarista en Lugo, de coñecer un home (aínda non cumprira os dous anos de bispado lucense) que me impresionou: ós meus ollos nenos era un home normal (ós meus quince anos supuña que un bispo era algo irreal): bo, de verbo fácil, accesible a todos, comunicador infatigable e galego de fondas raíces. Home sinxelo, orgulloso das súas orixes lalinenses, excelente conversador, galego con maiúsculas... Alí espertou a miña afección pola radio, alí coñecín "de pasada" aquel señor de Lalín, coma min, que era un simple frade que chegou a bispo de Lugo. De frei José Gómez queda moito por coñecer e divulgar na súa vila de nacemento. Recibiu case todos os honores municipais posibles na súa vila de adopción, Lugo; aínda hoxe está presente na vida de moitos dos seus habitantes e é motivo de estudo e lembranza, os mesmos que lle faltan en Lalín... como ós demais protagonistas desta serie de "ilustres con sotana", a excepción de Ramón Aller, de quen está todo ou case todo escrito, agás no tocante ó seu labor relixioso.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

Lalín, berce de “doutores do espírito” (I)


É Lalín terra de ilustres homes de relixión, moitos deles intelectuais de grande altura que teñen contribuído á mellora social e cultural desta terra. Paradoxalmente, hai quen pasou á historia pola súa faceta intelectual ou profesional, polas súas obras civís, pola súa achega ó desenvolvemento das ciencias e até das artes... máis que polo seu labor pastoral. Moitos dos que hoxe citamos mereceron xa reportaxes específicas sobre a súa vida e obra (foi o caso do padre Oro e, en vindeiras semanas, será o de Ramón Aller, entre outros). Desta volta, e aproveitando a Semana Santa que hoxe raia o seu fin, achegamos as figuras máis senlleiras da relixiosidade lalinense.

Felipe Antonio Gil Taboada (Bergazos, 1668 - † Sevilla, 1722). Fillo dos señores de Bergazos, logo de formarse cos xesuítas en Compostela, estudou Leis e Canons na Universidade de Santiago, da que logo sería catedrático.

Desenvolveu altos e importantes cargos civís e relixiosos ó longo da súa vida. Da man do inquisidor xeral Diego Sarmiento Valladares consegue a praza de fiscal da Inquisición en Canarias, posto que non chega a ocupar ó ser nomeado vicario eclesiástico de Madrid; despois foi presidente da Real Chancillería de Valladolid e comisario xeral da Santa Cruzada. Baixo o reinado de Felipe V foi ministro para os asuntos eclesiásticos e presidente do Consejo de Castilla. Logo da súa designación, en 1715, como bispo de Osma, en 1719 é nomeado arcebispo de Sevilla, cidade na que falece en 1722, sendo considerado unha das máis preclaras personalidades que deron as terras lalinenses.

A súa figura está fondamente unida á devoción pola Virxe do Rocío, da que se conserva un gravado na que o arcebispo Gil Taboada garante "40 días de yndulgencia a quien rezare vna salve delante de la milagrosa ymagen de Nuestra Señora del Rocío".

Nas súas últimas vontades dispuxo a reedificación da igrexa de Donsión, de estilo barroco, na que se atopan as sepulturas dos seus pais.

Cayetano Gil Taboada (Barcia, 1688 - 1751). Arcebispo de Santiago de Compostela e, antes, bispo de Lugo, estudou Filosofía en San Xerome e Xurisprudencia en Fonseca e Valladolid. Rematados os estudos, chegaría a reitor en 1713, só catro anos despois de doutorarse. Afillado de Felipe Antonio Gil Taboada, foi este un sólido apoio na súa carreira relixiosa.

Pertencentes ámbolos dous á poderosa familia dos Gil Taboada, en 1718 o seu tío noméao provisor e gobernador eclesiástico e no 1725, canónigo e inquisidor de Sevilla, función que máis tarde desenvolverá en Compostela, onde desempeñou ademais o cargo de administrador do Real Hospital.
En 1735 é nomeado bispo de Lugo, onde realizou grandes obras, como a do edificio do bispado, que exhibe os seus escudos en fachada e patio. En 1745 é presentado como arcebispo de Santiago, coincidindo o seu mandato coa construción da fachada do Obradoiro, na que se aprecia o seu escudo.

Juan Roque Gil Arias y Somoza (Palio, 1693 - †?). Fillo do escribán Fernando Gil, cursou estudos eclesiásticos. Con 22 años é nomeado presbítero e axudante do arcediago de Deza. Pasou a ser secretario do bispado de Lugo en 1734, cargo que conciliou co de arcediago de Deza até 1750.
Nos seus labores de inspección, propios do papel que desempeñaba en Lugo, contribúe a melloras importantes nalgúns dos centros de culto da comarca de Deza; mostra diso é o escrito que redacta logo dunha visita á igrexa de Moneixas, o 13 de xullo de 1730, no que informaba: "y respecto no tiene sachristia acosta de dhos alcances la mande hazer en la parte mas comoda q le pareciere y surta cha. Iglesia de lo mas necessario a su culto y dezencia". Exerceu parte do seu labor sendo bispo Cayetano Gil Taboada.

José María López Castro (Noceda, 1870 - † 1955). En diversos escritos cítaselle como veciño de Santa María de Barcia e presbítero. Cursou estudos eclesiásticos, licenciouse en Sagrada Teoloxía e ordenouse sacerdote en 1895. A súa carreira eclesiástica comeza deseguida, pois con 26 años xa ocupa o cargo de arcipreste de San Salvador de Dozón. En 1915 pasa a ser párroco de Lalín e, en 1942, arcipreste de Deza e consultor até o seu pasamento. Durante o seu período no cargo inaugurouse a actual igrexa parroquial de Lalín e outras obras, como o cemiterio (antigo). Foi, ademais, tesoureiro da Comisión promonumento a Loriga.

Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878 - † Lalín, 1966). Comenza os seus estudos en Lalín e cursa o bacharelato na Guarda cos xesuítas, que espertan a súa triple faciana intelectual: relixiosa, matemática e astronómica. Alá coñece o padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, a semente científica xa estaba instalada nel.

Nos seminarios de Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual, con só vinte anos, razón pola que se fai precisa unha dispensa. Xa doutor en Sagrada Teoloxía, nesta época a súa avoa Camila agasállao cun anteollo de 67 milímetros. Desprázase entón a Oviedo para estudar Ciencias Exactas e un ano despois de principiar esta carreira traslada a súa matrícula a Madrid, cidade na que a remata en 1904.

O teodólito T&S súmase ó anteollo e con estes dous instrumentos torna á casa familiar, onde sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá lugar á súa primeira publicación froito das observacións do cometa Johannesburgo en 1911. Por esas datas xa tiña feito numerosos seguimentos e anotacións de relevancia: o tránsito de Mercurio perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos de estrelas... Son anos nos que se traslada periodicamente a Castro Urdiales para facer uso dos excepcionais instrumentos con que estaba dotado o observatorio desa vila. Como matemático publicou importantes traballos, como Algorítmia, principios fundamentales de la ciencia de los números (1918) ou o texto completo Astronomía.

En 1917 constrúe no xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os dous equipos de observación dos que dispón e desenvolve ducias de traballos sobre astronomía e matemáticas, publicados polas revistas máis reputadas do momento. É o caso da Revista de la Sociedad Astronómica de España e América, Ibérica, a Revista Matemática Hispanoamericana, a alemá Astronomische Nachrichten, a francesa L'Astronomie...

Os seus parentes están detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así o refractor Steinheil de 120 milímetros e a modificación do observatorio, ó que se lle engade unha cúpula. Son os anos do descubrimento e das medidas de estrelas dobres (especialidade na que máis salientou), o exame de superficies planetarias e as observacións ocasionais froito das horas que botou sentando diante dos aparellos: eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros, auroras e cometas. En 1933 describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas e na mesma época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio Astronómico de Lalín".

Ó remate da Guerra Civil incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago como mestre de Xeometría Analítica e Análise Matemática e tres anos despois inaugúrase o observatorio do campus, ó que se trasladou o refractor, o teodólito e boa parte da súa biblioteca dende Lalín. Doutórase en 1943, con 65 anos.

Na súa biografía pública e publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das súas tarefas e relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos sacerdotais o padre Aller manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos relixiosos nin percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera desenvolver. No seu haber están 75 publicacións, 4 libros e 5 teses dirixidas... e, como non, as 4 estrelas descubertas e debidamente documentadas.

P.D.: A publicación desta miniserie (á que daremos continuidade na seguinte entrega) dos nosos "ilustres con sotana" evidencia a escasa altura de miras dalgúns que, apreciando e recoñecendo con todo o merecemento a uns, gardan no caixón do esquecemento outras figuras que marcaron unha época.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal




viernes, 11 de mayo de 2012

CESAR ORO GARCÍA


César Oro García foi o profesor de vocación tardía que lles aprendeu a falar galego (e castelán, e portugués...) a centos de mozos de raza negra americanos (afroamericanos, disque é a fórmula politicamente correcta) e a outros tantos mestizos, mulatos e a algún branco de procedencia hispana, nomeadamente caribeña. Dunha simple ollada, resultaba difícil entender o seu engado para o sexo feminino... mais cando se tiña ocasión de escoitalo, no momento en que facía uso da palabra cunha cadencia propia do catedrático experimentado que era, canto máis baixa a voz máis atención obtén do seu auditorio, o éxito era plausible.


Viviu os últimos anos alleo ó mundo por mor dun alzheimer que lle roubou a memoria, que lle invadiu un cerebro até hai poucos anos privilexiado e do que tiveron a oportunidade de gozar, durante varias décadas, na Universidade de Howard (que non Harvard, como adoita lerse en moitos perfís biográficos).

Naceu e morreu o mesmo día, un 16 de marzo, con 85 anos de diferencia (1928 - 2013) . Nace coa primavera na hoxe abandonada casa do Luís, na parroquia lalinense da Veiga, no seo dunha numerosa familia. Sendo aínda un rapaz deixa a aldea para comezar un longo periplo que lle permite formarse persoal e intelectualmente: pasantía en Monterroso, logo a Mondoñedo cos padres pasionistas, cos que completa a súa formación no País Vasco e, finalmente, en Melide. Unha peregrinaxe de máis de dez anos que semella non satisfacelo en demasía, sobre todo o período de estancia en terras vascas. A piques de rematar a carreira eclesiástica renuncia á sotana, á gola e ás parroquias e cumpre o servizo militar na Coruña. No ano 56 apadriña o seu curmán, o padre Oro, na súa ordenación sacerdotal e agasállao coas Obras completas de Rosalía de Castro.

Aproveita a súa estadía na cidade herculina para sacarse a titulación de Náutica. Logo de varios intentos por embarcar cun posto axeitado á súa cualificación profesional sen conseguilo, e debido á falla de perspectivas de futuro, decide marchar coa súa irmá Domitila á "nova Cuba", á que chega ó mesmo tempo que alí triúnfa a Revolución. Oro traballa e, ademais, estuda na Universidade de La Habana. Simpatiza abertamente coa incipiente Revolución e co seu líder, Fidel Castro; simpatiza tanto como a despreza xa ós poucos meses, tras ver en que se vai convertendo o réxime. Decepcionado, emprende o camiño cara ós Estados Unidos. Miami era o punto máis próximo e alí chega cunha man diante e outra detrás ó inicio dos anos 60 e xa camiño de cumprir os 40 anos. Traballa no que vai xurdindo, entre outras cousas, de taxista, pero non deixa de avanzar nos seus estudos, desta volta na Florida Atlantic University. Ó comezo da década dos setenta xa tiña rematados varios traballos de investigación, entre eles The Regulation of Spanish Irregular Verbs, publicado pola Florida A. U., Boca Ratón, 1970. Os contactos e recomendacións polo seu labor permítenlle ir conseguindo bolsas de estudos e, finalmente, marchar á Maryland University, unha das máis representativas do sector das universidades públicas dos Estados Unidos. Seica namorou definitivamente destas terras e niso influíron os seus territorios verdes e as vacas leiteiras, tan abundantes neste estado do noreste americano. É aquí onde, con 50 anos, remata a súa tese de doutoramento no ano 74, o que lle abre as portas da veciña Universidade de Howard, onde ingresa como docente e xa non abandonará até a súa xubilación salvo para dar conferencias e colaborar noutros centros.

Á Howard University coñéceselle como a Harvard negra, por ocupar os afroamericanos boa parte das cadeiras das distintas facultades e por ser na que máis mozos desta raza se gradúan nos Estados Unidos. Fundada en 1867, atópase en Washington D.C. e debe o seu nome ó ilustre xeneral Oliver Howard, que participou na súa creación e foi considerado como o gran artífice da integración na vida civil dos negros libertos logo da guerra civil, na que loitou contra a escravitude.

Na Howard University atópase o College of Arts and Sciences, unha das primeiras facultades coas que contou a institución e cuxos corredores, aulas e laboratorios viron pasar durante anos o abondoso bigote do profesor Oro García e as súas eternas lentes, que ían escurecendo conforme a intensidade da luz medraba. Na e para a centenaria institución compatibilizou as súas tarefas como profesor e como investigador do Departamento de Linguas Romances. Longos anos de esforzo convérteno nun dos máis importantes especialistas nos campos da literatura medieval española e galego-portuguesa, así como toda unha eminencia en lingüística.

Sobre estes temas publicou distintos traballos que tiveron gran repercusión nos ámbitos académicos de Galicia e Portugal: o xa citado The Regulation of Spanish Irregular Verb, La perífrasis verbal gallega, El romero engañado: una aproximación sintáctica, Fluctuaciones de los verbos gallegos en "-ar" al comienzo de los lexemas, Las formas del verbo galaico-portugués seer según los textos; siglos XII y XIII, En torno a una polémica: la normalización del gallego, Algunas consideraciones sobre las desinencias -an, -ano, -ao, en gallego actual e Fluctuaciones morfológicas en el gallego: verbos en "er". Foi membro de varias sociedades e colectivos profesionais e docentes, entre eles, a Sociedade Nacional Hispánica e The American Association of Teachers of Spanish and Portuguese (AATSP).
As súas viaxes a Galicia cóntanse por ducias co gallo de conferencias en Compostela e colaboracións coa Facultade de Filoloxía da USC (participou, entre outros, no Congreso Internacional sobre Rosalía celebrado en 1985 e no II Congreso de Estudos Galegos, que tivo lugar na Brown University en 1988). E moitas, moitas visitas a Lalín: á Veiga (onde tentou quedar coa casa na que nacera para rehabilitala), á súa afillada Hermelinda (á que seguía recoñecendo cando a enfermidade lle fixo esquecer outras cousas), ó piso que mercou e nunca estreou ou á casa do xastre de Donramiro (onde tiven, en repetidas ocasións, a honra e pracer da súa conversa ou de velo gozar dos tomates mollados en sal acabados de arrincar da rama).

Remata a década dos noventa...Pouco tempo atrás mercara un piso na rúa do Arenal para retornar a súa terra ó rematar o traballo, pero a enfermidade do esquecemento comeza a facerse visible na súa faciana. En 1998 deixa de pertencer á importante The American Association of Teachers of Spanish and Portuguese e a súa semente intelectual, en forma de alumnos, permite un relevo xeracional na universidade. Vén por última vez a Lalín en xullo de 2002, xa con mostras evidentes da doenza. Deixara resolta a súa atención persoal e médica, mais todo torna borroso, como o seu cerebro.

Pasou os útimos anos mentalmente anulado e fisicamente asistido por catro coidadoras no seu apartamento de Washington. O seu cerebro e o seu verbo seducían, convencían, ilustraban... Órgano e sentido, perdidos xa para sempre. Na súa última visita a Lalín díxolle á súa afillada Hermelinda, cando atopou a súa casa logo de terse perdido e ó bromear ela se aínda a entendía: "voume esquecendo de todo... pero o último do que me vou esquecer é do galego".

P.D.: Quen isto escribe ten coñecemento de que, entre as súas últimas vontades está a doazón da súa biblioteca e dos seus traballos á terra na que naceu e amou (previsiblemente a través da Facultade de Filoloxía de Santiago). Sería un bo momento para que o Concello que o viu nacer abrira, en colaboración coa USC e os seus "albaceas", un camiño para a recuperación desta figura e do seu traballo. Os seus apoderados e albaceas exercen aínda na universidade na que impartiron docencia con el. A súa intención era retornar a Galicia a “facerse vello”. Incumprida esta, sería importante que, logo das cinzas,  puidese regresar o que del queda para sempre: a súa obra.



NOTA: Cesar Oro faleceu un ano despois de escribirse este artigo, ver obituario en http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2013/05/morte-dun-dos-ultimos-fillos-ilustres.html



® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

JOSÉ GARCÍA ORO


José García Oro, o Padre ou o Profesor Oro como é máis coñecido este historiador e sacerdote franciscano, vive na actualidade felizmente retirado –o de retirado é un xeito de falar– dunha intensa vida académica e literaria no convento compostelán de San Francisco. Pasará á historia do país por saber dela, da Historia, tanto como os que máis –polo menos da medieval, dos Irmandiños, do cardeal Cisneros, da España do Renacemento...– por tela investigado até o esgotamento, explicado na súa cátedra e divulgado en centos de publicacións e outras tantas conferencias.

Os vellos de San Miguel de Goiás aínda recordan ben a súa afección pola lectura e o estudo, que o levarían a obter en Roma e Compostela tres carreiras cos seus doutoramentos. Nace un 5 de setembro no seo dunha familia labrega e moi cedo encamiña os seus pasos cara ó estudo e á relixión. Cursa nos seminarios franciscanos de Herbón, Ponteareas e Santiago. O 12 de agosto de 1949 ingresa definitivamente na orde franciscana. Trasládase logo a Roma, onde cursa estudos superiores de Teoloxía na Pontificia Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Gregoriana, pertencentes ós Xesuítas. Seis anos foron os que viviu no Vaticano, un tempo que non lle valeu só para sacar adiante as dúas titulacións; foi quen de pasar os ratos libres nos arquivos vaticanos, investigando e acrecentando a súa paixón pola análise de fitos e personaxes históricos, así como polo estudo crítico e científico de documentos, o que lle forneceu das primeiras experiencias para logo aprender ós seus alumnos na Facultade de Historia da USC a analizar e a estudar documentos. Desa data é a súa tese sobre Alexandre VI e a Igrexa, e a documentación dos outros moitos persoeiros sobre os que máis tarde traballaría, xa de volta en Galicia.

Retorna a Santiago de Compostela, onde realiza a titulación civil e as correspondentes convalidacións académicas, e licénciase en Filosofía e Letras. Suma así ó seu proceso formativo tres doutoramentos. É o intre no que a vocación do aínda mozo Padre Oro chama ás portas da Universidade, á que lle dedicou 45 anos dunha intensa vida: axudante de profesor, profesor, opositor á praza e, finalmente, catedrático dende 1983 até 2001, ano no que se xubila.

Como catedrático de Paleografía e Diplomática da USC, formou a centos de futuros historiadores, convertendo en accesible unha materia farragosa en principio. Por Paleografía enténdese a ciencia historiográfica que ten por obxecto de estudo a escrita en xeral e, en particular, a evolución no tempo das formas gráficas e o seu modo de execución, así como factores tecnolóxicos, económicos, sociais, culturais, políticos, estéticos, etc. Pola súa banda, a Diplomática é a ciencia que estuda a tradición, a forma e a elaboración dos documentos. En síntese, e a risco de simplificar, a especialidade permite descifrar e datar no tempo e na contorna un documento, xulgar a súa veracidade e extraer os contidos susceptibles de ser empregados polo historiador.

Durante estes anos escribiu máis de medio cento de libros e colaborou en incontables traballos impresos máis. Edita os seus primeiros traballos na revista estudiantil Liceo Franciscano, ós que sucede unha longa lista de libros –setenta e cinco–, colaboracións, artigos... Séntese especialmente orgulloso dos seus traballos sobre o cardeal Cisneros, sobre a nobreza galega e sobre aqueles que divulgan Galicia na baixa Idade Media.

Algunhas das investigacións do Profesor Oro forman parte das lecturas obrigadas: La provincia franciscana de Santiago y la Inmaculada (1954), La reforma de los religiosos españoles en tiempos de los Reyes Católicos (1969), Cisneros y la reforma del clero español (1971), Diego de Muros III y la cultura gallega del siglo XV (1976), Galicia en los siglos XIV y XV (1987), ), Don Fernando de Andrade, Conde de Vilalba (1993), Historia da Igrexa galega (1994), Bayona y el espacio urbano tudense en el siglo XVI: estudio histórico y colección diplomática (1995), Felipe II y el Patronato Real en Castilla (2000), Cisneros, el cardenal de España (2002)...

Agora, retirado das súas obrigas docentes, reside e traballa no convento de San Francisco onde, ademais de oficiar a misa diaria, está ó cargo do importante e espectacular arquivo franciscano, que reúne auténticas xoias dende tempos medievais. Este profesor, retirado só das tarefas oficiais, sobreleva con gallardía as oitenta primaveras cun estado de saúde máis que aceptable e cunha cabeza nun envexable estado de lucidez e capacidade. Fai real a expresión de que "a función fai o órgano", como dicía Lamark, o primeiro formulador dunha teoría evolucionista.

Co gallo da súa xubilación académica na USC, no libro homenaxe que se publicou dicíase que este era un recoñecemento "a su estilo humano y profesional y satisfecha –a Universidade– de su colaboración en la docencia y en la investigación". "Más que por nuestras palabras lo alaban sus obras...", sentenciaba.

Este erudito lalinense garda un cariño e amor pola que chama a "pequena cidade de Lalín", que visita con certa frecuencia para ver a familia e asistir ás "festas da parroquia". Nunca dixo non ás peticións de colaboración profesional que se lle teñen dirixido dende a súa terra.

José García Oro, o Padre, o Profesor... conserva, como os bos perfumes (gardado en bote pequeno), todas as esencias da calidade e do coñecemento. Estamos ante unha das figuras nacida en Lalín de maior talla intelectual da nosa historia. Recíbenos o día en que arranca a primavera en Compostela e guíanos polos claustros e dependencias do espectacular, e agora tamén Hotel / Monumento, Convento de San Francisco. Museo, salóns, arquivo e claustro vanse sucedendo da man do noso anfitrión, que fai doada a comprensión dos centos de anos de historia que agocha tan singular edificio. Co seu falar pousado, sempre en galego, axuda e anima a seguir descubrindo. Se as clases na facultade de Historia as impartía como as explicacións dadas –e seguro que así era–, non dubidamos un ápice da perfecta comprensión por parte dos centos de mozos que pasaron polas súas aulas.

Na súa ollada sosegada acende un brillo, remarcado por un aceno de tristura, cada vez que lle lembramos o parente ben querido ó que lle ten "perdido a pista e o contacto": o tamén lalinense e catedrático César Oro García (a quen dedicaremos o noso Sen acuse de recibo da vindeira semana). O alzheimer afastouno do mundo, da súa profesión e até dos que lle queren ben, como este ilustre lalinense, home bo e xeneroso, José García Oro.

P.D.: O seu arquivo persoal, de incalculable valor histórico, repousa agora no seu amado convento de San Francisco. Non estaría de máis que o seu Concello non deixase pasar a oportunidade de conservar na terra que o viu nacer un patrimonio documental dificilmente repetible ou comparable.
Home elegante, no fondo e na forma, considérase honrado e recoñecido. Opinión que, quen isto asina, non comparte, porque a realidade é a que é, ou a que os responsables municipais queren: unha rúa dunha urbanización case que virtual e non facer nada por evitar o descoñecemento da súa vida e obra na súa propia vila.

® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

ILUSTRE EN FEMININO


O Dicionario da RAE fixa ilustre como o adxectivo que outorga distinguida prosapia (ascendencia), pero tamén define a persoa insigne, célebre... cuxa vida e obra transcenden o momento que lle toca vivir. Nesta segunda entrega desta serie de Fillos Ilustres non podemos por menos que invocar o artigo feminino e non dar por bo o que a Historia nos parece querer contar (ou non contar) de a quen facemos merecedores de tales adxectivos. Unha sociedade machista durante séculos trouxo como consecuencia a ausencia de proxección das mulleres lalinenses na súa Historia. Se é certa a frase de que detrás de todo gran home sempre hai unha gran muller (algún di que o que hai é unha muller sorprendida), esta non debe servir como argumento para que non nos decatemos de que detrás dunha gran muller está ela mesma, e só o tempo que lle tocou vivir evitou, en moitos casos, o seu desenvolvemento persoal, profesional ou intelectual.

Dende a educación até a empresa, pasando polas artes, os movementos asociativos ou a política, Lalín foi, é, terreo fértil para non poucas féminas que merecen, como o que máis, un lugar entre os que o seu exemplo profesional ou persoal os sitúa como referente social desta terra.

Moitas teñen sido xa as mestras que deixaron a súa pegada intelectual nos e nas lalinenses de onte e hoxe, todas merecedoras dun recordo por un traballo e unha vocación. Unha figura podería "encarnar" a importancia deste colectivo: Maruja Gutiérrez, educadora e empresaria en tempos en que no primeiro campo se lle consentía e no segundo nin se lle esperaba.

Nacida en Lalín, un dezaseis de xuño de 1908, formouse en terras pontevedresas nas Doroteas e na "escola normal". Titulada en Maxisterio cando o reinado de Alfonso XIII tocaba a súa fin, desempeñou a súa tarefa en destinos da provincia de Ourense e nas "clases privadas", polas que teñen pasado centos de rapaces. A súa vocación docente, aderezada cun grande espírito emprendedor, levouna a fundar con Ramón Aller, no 39, o Colexio do Sagrado Corazón no "Hospitalillo" –o actual Instituto Laxeiro de Lalín–, cuxas pedras foron muda testemuña doutros vinte e cinco anos de formación de centos de veciños de toda a comarca, sementando neles un futuro ilustrado e, en moitas ocasións, unha profesión que moitos nin albiscaban na súa infancia.

Dela fica unha lembranza de persoa solidaria, cunha gran capacidade de sacrificio e traballo, de vocación incansable e sensible coas necesidades de formación da súa veciñanza. Morre en 2003 deixando unha fonda pegada.

No campo, a muller foi a mantedora dunha gran parte das explotacións gandeiras de Deza, cando os pais, os maridos e os fillos "desertaron do arado" para traballar na construción ou nas empresas de servizos das vilas e, en non poucos casos, emigrar por un tempo deixando terras, gando e até fillos a cargo de esposas e nais. Moitas, convertidas á forza en pequenas empresarias, tiveron ademais activa participación en procesos cooperativos. Anónimas nun sector anónimo e nunca recoñecido.

Na gastronomía, a capital de Deza ten unha materia pendente de recoñecemento en dúas mulleres, nai e filla, Amelia Vilar e Teresa, durante décadas á fronte de Casa Abeledo. Foi este o templo do cocido até que moitos restaurantes e casas de comidas "subiron" a un carro que para os de fóra tivo, durante moitos anos, neste establecemento a súa referencia. Casa Abeledo, na  época da case centenaria Amelia, foi parada e fonda de arrieiros que percorrían o camiño entre Ourense e Compostela. Eran os tempos, entre outros, do "estraperlo", que serviu para longas sobremesas na cociña na que moitos comensais recibiron auténticas leccións da boca da matriarca familiar, hoxe recordada como a súa filla, que, agora na intimidade familiar, segue "bordando" este singular prato digan o que digan as "receitas oficiais".

En contra do que puidera parecer, e a pesar da citada falla de proxección da muller en épocas pretéritas, ningún ámbito se pechou nin se pecha por completo a estas. Tampouco a pintura e as demais artes. Algún exemplo queda representado por Mª do Carmen Calviño Iglesias, pintora nacida na Xesta no 1938, de familia de mestres e afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos artísticos e realiza boa parte do seu traballo pictórico.

Luz Pichel González naceu en Anseán un 10 de xuño de 1947. Logo de estudar Filoloxía en Compostela, a partires de 1970 esta poeta galega fixa a súa vida en Madrid, onde exerce como catedrática de Lingua e Literatura nun Instituto de Alcobendas. A súa obra –El pájaro Mudo, La Marca de los Potros, Casa Pechada...– foi colleitando sucesivos premios de recoñecido prestixio literario: o Esquío de Poesía no 2006, o Ciudad de Santa Cruz en 1990 e o Juan Ramón Jiménez en 2004.

O binomio muller e letras, en Lalín, non ha ser un acontecemento pasaxeiro. Novas xeracións, como a de Alba Payo Froiz, veñen "xuntando palabras" con notable éxito e calidade.

A fame ou a falta de expectativas empurrou a moitos galegos que, como os irlandeses, non tendo máis terra polo oeste, fixeron, mar por medio, das Américas a patria de acollida. Foi o caso de dúas case descoñecidas: Manuela Vázquez López e María Saladina Failde Rodríguez, naturais de Lalín, traballadoras incansables no seo da Sociedade Hijos del Partido Judicial de Lalín en La Habana (entidade fundada por Cándido Lamas e José Fraiz Andón como presidente e secretario). Ámbalas dúas traballaron arreo pola difusión da cultura e pola recuperación das tradicións galegas entre a colectividade residente en Cuba no pasado século. Na actualidade, poucos lalinense de primeira xeración quedan neste colectivo que segue mantendo o nome de Lalín na "illa bonita". Actualmente, outra muller xa nacida alí preside o colectivo: Icelda Tamayo.

A política democrática deixa un nome escrito nas hemerotecas do Parlamento Español, Lucita Villar Jar. Primeira e única muller que representou a comarca como Deputada en Cortes, foi vogal da Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, vogal da Comisión Mixta de Relacións co Defensor del Pueblo e vogal da Comisión Mixta dos Dereitos da Muller. Máis aló de filias e fobias, ten un sitio na Historia pola exclusividade e relevancia das funcións desempeñadas. Naceu un 5 de setembro de 1941 en Lodeiro e foi concelleira de Lalín e deputada do Grupo Popular na sexta e sétima lexislatura, até o 20 de xaneiro de 2004. Villar Jar foi e segue a ser unha convencida promotora do movemento asociativo feminino en Galicia, especialmente no relativo ó rural.

Hoxe as mulleres seguen a empurrar social e economicamente estas terras do interior. A universidade está –leva así xa algunhas décadas– chea de futuras catedráticas, investigadoras, escritoras e empresarias que inscribirán sen complexos o seu nome entre os fillos e fillas ilustres do Lalín do século XXI.

Un dito recorda que "non están todas as que son"... pero con seguridade "son todas as que están" e moitas outras fillas da bisbarra, ilustres todas elas nunha sociedade matriarcal e, a pesares diso, machista e pouco igualitaria.


 P.D.: A presenza da muller na política lalinense segue a ser materia pendente, relegándoa a un segundo plano en funcións de apoio e xestión, materia á que pouco contribúen os actuais gobernantes, cun sistema político que –nomeadamente no plano municipal– pecha as portas a moitas ilustres, e porén descoñecidas, veciñas sobradamente preparadas. No que se refire á igualdade de oportunidades, non chega con falar, por moi multitudinario que sexa o acto no que se fai.

® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

lunes, 7 de mayo de 2012

FRANCISCO GIL DE TABOADA


Francisco Gil de Taboada Lemos y Villamarín pasa á historia militar española como Francisco Gil de Lemos ou Francisco Gil de Lemus. Con ámbolos dous nomes (e ocasionalmente co frei, pola súa pertenza a unha orde relixiosa na súa xuventude, por diante) aparecen narradas as súas xestas e honras nos arquivos militares da Armada e nos seus nomeamentos oficiais da época; el mesmo asina con ámbalas dúas formas nos escritos de intercesión polo tenente xeneral José de Córdoba ante o Rei, por quen intercede o 23/12/1805 e o 6/1/1806 para repoñer a súa honra, categoría militar e emolumentos. Orixinario do Pazo de Des, en Soutolongo (1733), logo dunha intensa carreira militar con ducias de cargos, batallas e viaxes de exploración no Mediterráneo e nas Américas, foi nomeado vicerrei de Nova Granada e logo do Perú e ocupou case todos os cargos de relevancia na Mariña de Guerra da época, na que ingresou en 1752.

A súa carreira militar comeza con só 16 anos, cando ingresa como cabaleiro da Orde de San Juan de Jerusalén, que lle abre as portas á súa incorporación como gardamariña en Cádiz. Varios ascensos consecutivos achéganlle ó grao de capitán de navío en 1776 e permítenlle retornar a Galicia logo de ser nomeado capitán da Compañía de Gardamariñas do Ferrol. A súa meteórica carreira militar achégao á categoría de xefe de escuadra no 82, cando, a instancia de Antonio Valdés, ministro de Indias, é nomeado vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Novo Reino de Granada, a finais de 1788, un territorio que abarcaba parte dos actuais Bogotá, Panamá, Colombia e Venezuela.

Non deberon ser poucos nin malos os seus servizos, pois no 89 ascende a tenente xeneral e con este grao pasa a desempeñar en 1790 o cargo de vicerrei do Perú, con competencia sobre amplos territorios do occidente, do centro e do sur de América.

Foi un impulsor decidido da educación, da atención hospitalaria e das institucións de caridade nos territorios por el administrados. Diso dan boa fe as súas memorias e os escritos que se conservan con ordes e instrucións para un correcto funcionamento, como o dirixido ós responsables do Hospital de la Caridad de Lima, no que lles dicía: "Últimamente ordeno y mando que el capellán de semana asista con frecuencia a la enfermería, y con el traje que corresponda a su estado, exhortando caritativamente a las próximas a su fallecimiento a la conformidad, explicándoles el terrible paso a la eternidad, sin que tenga parte ni intervención en que se varíen las medicinas que ordenare el medico y cirujano, ni que se deje de poner el Santo Christo quando estos lo manden; y en su semana no salga del hospital con ningún pretexto, sin que en esto haya dispensa, lo que será responsable en su conciencia..."

Claro expoñente da Ilustración, a súa tarefa foi moito máis aló da administración das colonias (no seu territorio contábanse 728 minas de prata, 69 de ouro, 4 de mercurio, 12 de chumbo e 4 de cobre): fundou os primeiros xornais de América, como Mercurio, e a Escola Naval de Perú, colaborou coa investigación xeográfica, potenciou a Universidade e, baixo o seu mandato, realizáronse censos de poboación nos que xa se distinguían sexo, raza... Foi contemporáneo dalgúns dos grandes ilustrados da nosa historia, que deron nome a unha época. O seu mentor como vicerrei, o ministro de Indias e Mariña Antonio Valdés, tamén o foi da Expedición Científica Malaespina, que recalou nos portos do occidente americano gobernados por Francisco Gil de Taboada y Lemus, ou Lemos, como tamén aparece nos documentos da época.

Regresa a España e sométese ó "Juicio de Residencia" que establecían as Leyes de Indias, unha sorte de "proba do algodón" que determinaba a limpeza na xestión dos recursos públicos en beneficio da nación e da Coroa. O 20 de abril de 1803 a Real Orde ditada no Palacio Real de Aranjuez ratifica o seu nomeamento como director xeneral da Armada e pouco despois asumirá de forma interina a Secretaría de Estado e a Secretaría do Departamento de Mariña. O mesmo ano 1805 acada o grao de capitán xeneral da Real Armada de España.

No exercicio destes e doutros cargos produciuse o Motín de Aranjuez e posterior abdicación de Carlos IV a prol de Fernando VII, coa ratificación de Francisco Gil Taboada como ministro. Del escribiu o influínte e poderoso Conde de Toreno: "Continuó al frente de la marina don Francisco Gil de Taboada y Lemos, anciano respetable, de carácter entero y firme". Coa invasión dos franceses foi o único ministro do Goberno de España que se negou a seguir no "goberno títere" e na segunda invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó "rei intruso" José Bonaparte. O seu patriótico e honroso papel queda certificado nos libros,  e incluso na novela histórica española... a máis recente "Un día de cólera" de Arturo Pérez-Reverte.

Falece en Madrid en 1809 e entre os seus descendentes americanos cóntanse dúas ramas, a chilena, que chega ós nosos días co escritor e xornalista Antonio Gregorio Gil Íñiguez, e a arxentina, que tivo como máximos expoñentes os caudillos e gobernadores de Santiago del Estero: Antonio e Manuel Taboada. Un neto seu, Antonio Taboada Zapatero, foi o contraalmirante e heroe da Mariña do Perú.

Coa seguridade que dan as datas e a historia escrita, moitas das moedas de ouro agora recuperadas por España tralo xuízo contra a empresa Odyssey en Florida (EE. UU.) foron acuñadas (1796, coa efixie do Rei Carlos IV) en Lima con ouro procedente, entre outros, dos territorios administrados por Gil Taboada (como virrei do Novo Reino de Granada, primeiro, e do Perú, logo, até o mesmo 1796, ano en que regresa a España). Gil Taboada era xa director xeneral da Armada en 1804, cando un 5 de outubro os ingleses afundían a fragata Mercedes e, con ela, toneladas de ouro agora recuperadas.

P.D.: Francisco Gil é, con seguridade histórica, o lalinense que máis alto chegou nas estruturas políticas e militares de España... Ilustrado, coherente coas súas responsabilidades e leal ó Estado ante o invasor francés até os seus últimos días. Descoñecido para os veciños da vila que o viu nacer e non recoñecido polos que teñen a obriga de poñer en valor a súa historia, dende as responsabilidades públicas.

® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal.

BENVIDA


O meu Sen acuse de recibo  (sección de opinión na edición de Deza de Faro de Vigo) de principios do ano 2012, arredor do centro xeográfico e o quilómetro 0, con citas ó noso "ilustre fillo" o Matemático Rodríguez, fixo que algúns lectores e veciños de Deza se dirixiran a min cunha suxestión: contribuír á recuperación da memoria de moitos cidadáns ilustres. 


Atendendo á proposta, e sen perder o espírito da devandita sección (seguimos mantendo a P.D. para deixar mensaxes "a quen corresponda"), recordaremos algún que outro "fillo ilustre". Concordo con algunha das apreciacións que se me fixeron no sentido de que se ten feito algo polo coñecemento pero pouco polo recoñecemento e divulgación da obra e legado dalgunhas figuras históricas e contemporáneas, tan merecedoras como outras ás que se lle ten feito.




En case todos os casos, como o do propio Matemático Rodríguez, non estaría de máis que as institucións fixesen algo por divulgar a súa obra... por institucionalizar, por exemplo, unha xornada anual en centros educativos que, ó estilo do Día das Letras Galegas, servise para recoñecer os nosos ancestros e, de camiño, dar a coñecer a súa vida e obra. Dedicar rúas sempre está ben, pero que a meirande parte dos veciños descoñeza a razón de tal homenaxe non é de recibo. Á espera dese momento, comprometemos este espazo durante os meses de marzo e abril e adicaremos esta cita semanal coas páxinas do Faro a achegarnos a algún "esquecido" ou "pouco recordado" da nosa historia.


O noso primeiro protagonista vai ser o veciño que máis alto chegou nas xerarquías política e militar en toda a historia e, seguramente, o menos recordado, coñecido e recoñecido: Francisco Gil Taboada y Lemos Villamarín, vicerrei (gobernador dunha colonia) de Nueva Granada, primeiro, e do Perú, despois, secretario de Estado e militar (chegou ó grao de capitán xeneral nunha das carreiras máis laureadas da Mariña Española). Moito do ouro que esta semana recuperaba España tralo xuízo gañado ós "piratas" do Odissey procedía das terras por el administradas.

Seguiralle o que a historia lembrará como o intelectual, hoxe afortunadamente vivo, de máis alto nivel que deu a nosa terra, o padre franciscano José García Oro, "tri-doutor", prolífico escritor e catedrático; mente privilexiada coma un curmán seu, César Oro García, hoxe "morto en vida", cousas do Alzeimer que lle veu visitar na súa Universidade de Harvard, onde moitos aprenderon a falar a lingua de Rosalía e outras que evolucionaron dende o latín. E mentes privilexiadas como Benito Varela Jácome, a súa memoria aínda está fresca nas rúas da "súa" Compostela. Homes xenerosos como o padre Odilo González, incansable na axuda ós nenos peruanos. Moitos homes de fe, entre eles dous bispos: Caetano Gil Taboada e Francisco José Gómez. Estudosos como Francisco Javier Rodríguez, sobriño do matemático. Inconformistas sociais como Felipe Antonio Gil Taboada. Todos eles, nomes que se unen ós máis coñecidos e recoñecidos: José Otero "Laxeiro", Antón Lamazares, Ramón Aller, Joaquín Loriga, Xosé "o matemático" Rodríguez ou Sucasas, dos que tentaremos sacar á luz algunha das súas facetas menos "públicas". E, por suposto, "adoptados" como Varela Buxán. Estes e outros serán os nosos protagonistas no Sen acuse de recibo, non con vocación de poñer ou quitar, nin de descubrir merecedores ou non de tal consideración, só coa intención de coñecer algún deles un pouco mellor. E nomeadamente daqueles que ademais da súa importancia, maior ou menor en vida, legaron algo para as xeracións futuras: coñecemento, arte...


Esta terra deu e dá algo máis que artistas. Lalín é terra de bos e xenerosos. Esta terra ten dado moitos bos, xenerosos e pouco recoñecidos fillos.

P.D.: Ben está que nos sintamos orgullosos de ser os que máis vacas temos, os que máis chourizos comercializamos, os que menos paro feminino tiñamos (eran outras épocas)... pero non estaría de máis que nunha parte do noso orgullo lalinense estivera o coñecemento da valía e da aportación dos nosos Fillos Ilustres, moitos ademais Fillos Ilustrados.

® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal.