lunes, 14 de mayo de 2012

Lalín, berce de “doutores do espírito” (II)


Verbo dalgunha das figuras relixiosas que ten dado esta terra, diciamos na entrega anterior deste Fillos ilustres que Lalín foi, e segue a ser, un lugar especialmente fecundo en materia de relixiosos egrexios; unha bisbarra que alumeou figuras senlleiras que sobresaíron tanto no plano espiritual coma no científico e intelectual. Se abondosas foron as figuras dos catro séculos percorridos, non o son menos as nacidas nos últimos cen anos.

Frei José Higinio Gómez González (Lalín, 1932 - † Lugo, 2008), o frade que chegou a bispo da súa diocese de nacemento, cargo que desempeñou entre 1980 e 2007. O padre Gómez ou frei José, como lle adoitaban dicir, cursou estudos en Lalín e Cea, e máis tarde cos franciscanos en Herbón e Ponteareas. Na súa orde ingresa en 1948. Estuda Filosofía en Ponteareas e Teoloxía en Santiago, onde é ordenado sacerdote en 1956. Un brillante expediente ábrelle as portas para estudar en Roma, primeiro no Pontificio Ateneo Antonianum, onde se licencia en Teoloxía, sección Moral, e en Dereito Canónigo, e logo na Pontificia Università Lateranense, onde obtén a licenciatura en Dereito Romano, para despois doutorarse en 1961.
Como membro da orde franciscana, é destinado como mestre a varios conventos. En Compostela imparte docencia en diversos centros, entre eles, a escola de ATS da Facultade de Medicina. Na provincia franciscana de Santiago desempeñou case todos os cargos de responsabilidade e destacou como un excepcional comunicador, tanto na sede relixiosa como a través dos medios de comunicación. Discípulo convencido do mandato recibido polo decreto Inter mirifica, que promovía o uso dos medios de difusión para a divulgación da mensaxe relixiosa, afirmou que estaba "firmemente convencido de que tanto la radio como otros medios de comunicación [...] –si se utilizan rectamente– proporcionan valiosas ayudas al género humano, puesto que contribuyen eficazmente a descansar y cultivar el espíritu y a propagar y fortalecer el Reino de Dios". Sen dúbida ningunha, pasará á historia como o mellor comunicador que deu a Igrexa en Galicia e o que máis fixo por que esta se abrise á comunicación social.

Impulsado tamén pola súa case febril actividade divulgativa, educativa e solidaria, no ano 1980 é nomeado bispo de Lugo. Neste posto destacou pola incorporación dos laicos á tarefa evanxelizadora, pola dinamización social e cultural das parroquias e pola recuperación de vocacións e do Seminario, así como polo pulo ó uso do galego na celebración da eucaristía. Fomentou a incorporación de institutos relixiosos en tarefas de axuda e apoio "civil", como ocorreu en 1989 coas Franciscanas del Rebaño de María para a atención da residencia de anciáns de Lalín.

Foi, co tempo, un lucense máis. Da cidade das murallas dixo unha vez: "Lugo é unha cidade fermosa, humana, entrañable. As súas xentes fanse admirar e déixanse querer. Descubrir e amar máis este tesouro está sempre no meu ánimo. Esta é a miña ilusión coma lucense. E cando deixe esta tan querida cidade, levarei sempre con orgullo ser un lucense máis. E voltarei ou traeranme. A capeliña de san Froilán, na Santa Igrexa Catedral, quero que sexa a meta da miña peregrinación na terra".

José García Oro. (Lalín, 1931). Este intelectual de grande altura, do que xa falaramos en profundidade nun artigo anterior, cursa estudos nos seminarios franciscanos de Herbón, Ponteareas e Santiago, e no ano 1949 ingresa na orde seráfica. Trasládase logo a Roma, onde cursa estudos superiores de Teoloxía na Pontificia Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Gregoriana, pertencentes ós Xesuítas. Retorna a Santiago de Compostela, onde realiza a titulación civil e as correspondentes convalidacións académicas, e licénciase en Filosofía e Letras. Dende 1983 até 2001, ano no que se xubila, exerce como catedrático de Paleografía e Diplomática na USC.

Escribiu máis de medio cento de libros e colaborou en incontables traballos impresos máis, moitos deles centrados na figura do cardeal Cisneros, na nobreza galega e naqueles que divulgan Galicia na baixa Idade Media.

Na actualidade reside e traballa no convento de San Francisco, onde está ó cargo do arquivo franciscano.

Padre Odilo González González (Donramiro, 1941). Padre pasionista e "peregrino da selva amazónica", coma él mesmo se define, é fillo de Claudio o do Empalme, coñecido por ter sido subdirector da Banda de Música de Lalín e director da Banda dos Veteranos, alá pola década dos setenta. En setembro do ano 1952 (data que coincide coas "súas" Festas do Montserrat, ás que acode sempre que pode) deixa o seu Empalme de Donramiro para marchar ó Mosteiro dos Picos, en Mondoñedo. Alí inicia os seus estudos eclesiásticos, que remata en 1964 no País Vasco, onde ademais profundiza nos estudos musicais (co tempo, e alén da tarefa pastoral e docente, chegará a dirixir corais como a de Catoira).

Con 70 anos ás súas costas, leva 22 desenvolvendo a súa tarefa pastoral na selva peruana, no Departamento de San Martín de Loreto, namorado das súas "xentes humildes e sinxelas". Dende a cidade de Tarapoto atende 27 comunidades que integran preto de 3.000 fieis, a maioría nenos e mozos.
O padre Odilo é un comunicador infatigable: autor de bolggs, presenta espazos radiofónicos e colabora con publicacións relixiosas e sociais do seu país de adopción. Non elude a crítica razoada cando é preciso. É o caso da feita recentemente ó presidente Alan García, logo do anuncio deste de erixir unha “monumental” cruz na honra do coñecido como Cristo do Pacífico. Daquela afirmou: "Lo que me sorprende es que la ocurrencia de erigir este gran Cristo haya surgido de un presidente cuyo Gobierno ha intentado juzgar, condenar y expulsar del país (aunque sin éxito) a misioneros de la Amazonia peruana, que vienen dando, desde hace décadas, lo mejor de sí mismos para implantar el reino de justicia y paz proclamado por el Cristo del Pacífico [...]".

O noso protagonista profesa un fondo cariño á vila de Lalín, á lingua galega e, particularmente, á súa parroquia de Donramiro. Cariño e afecto que non se resenten nin con algún plantón recibido das súas autoridades municipais, como a frustrada axuda municipal para contribuír á construción dunha capela e dun centro social na selva peruana. 

Andrés Ramos Castro (Lalín, 1962). Sacerdote e profesor, cun master en Doutrina Social, é un estudante permanente que, na actualidade, fai Xornalismo.

Cursa os estudos de primaria e o bacharelato na capital de Deza e coa maioría de idade trasládase a Santiago para estudar Filosofía e Teoloxía. O tamén lalinense frei José Higinio Gómez ordénao sacerdote en Lugo en 1987, ano no que comeza a súa carreira como profesor e sacerdote no Seminario Maior. Tres anos despois, en 1990, trasládase para exercer o sacerdocio en Navia de Suarna e de aí, a Madrid, cidade na que, a partir de 1993, desenvolve unha grande actividade, especialmente entre a xuventude, en varios colexios e parroquias, como coordinador da pastoral xuvenil da zona norte de Madrid.

Cos seus cincuenta anos, din os que saben disto, ten por diante unha "carreira" que apunta altas responsabilidades. Na actualidade exerce as súas funcións como sacerdote, secretario particular do bispo auxiliar Fidel Herráez e notario eclesiástico, ademais de ter a honra, segundo el mesmo di, de ser o capelán das Asociacións galegas en Madrid. Galego e lalinense dos pés á cabeza torna á terra sempre que pode e, mentres, cura a morriña entre paisanos na capital.

P.D.: Tiven a honra, na miña curta época de seminarista en Lugo, de coñecer un home (aínda non cumprira os dous anos de bispado lucense) que me impresionou: ós meus ollos nenos era un home normal (ós meus quince anos supuña que un bispo era algo irreal): bo, de verbo fácil, accesible a todos, comunicador infatigable e galego de fondas raíces. Home sinxelo, orgulloso das súas orixes lalinenses, excelente conversador, galego con maiúsculas... Alí espertou a miña afección pola radio, alí coñecín "de pasada" aquel señor de Lalín, coma min, que era un simple frade que chegou a bispo de Lugo. De frei José Gómez queda moito por coñecer e divulgar na súa vila de nacemento. Recibiu case todos os honores municipais posibles na súa vila de adopción, Lugo; aínda hoxe está presente na vida de moitos dos seus habitantes e é motivo de estudo e lembranza, os mesmos que lle faltan en Lalín... como ós demais protagonistas desta serie de "ilustres con sotana", a excepción de Ramón Aller, de quen está todo ou case todo escrito, agás no tocante ó seu labor relixioso.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario