José García Oro, o Padre
ou o Profesor Oro como é máis coñecido este historiador e sacerdote franciscano,
vive na actualidade felizmente retirado –o de retirado é un xeito de falar– dunha
intensa vida académica e literaria no convento compostelán de San Francisco.
Pasará á historia do país por saber dela, da Historia, tanto como os que máis –polo
menos da medieval, dos Irmandiños, do cardeal Cisneros,
da España do Renacemento...– por tela investigado até o esgotamento, explicado
na súa cátedra e divulgado en centos de publicacións e outras tantas
conferencias.
Os vellos de San
Miguel de Goiás aínda recordan ben a súa afección pola lectura e o estudo, que
o levarían a obter en Roma e Compostela tres carreiras cos seus doutoramentos.
Nace un 5 de setembro no seo dunha familia labrega e moi cedo encamiña os seus
pasos cara ó estudo e á relixión. Cursa nos seminarios franciscanos de Herbón,
Ponteareas e Santiago. O 12 de agosto de 1949 ingresa definitivamente na orde franciscana.
Trasládase logo a Roma, onde cursa estudos superiores de Teoloxía na Pontificia
Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Gregoriana, pertencentes ós Xesuítas.
Seis anos foron os que viviu no Vaticano, un tempo que non lle valeu só para
sacar adiante as dúas titulacións; foi quen de pasar os ratos libres nos arquivos vaticanos, investigando e acrecentando a súa
paixón pola análise de fitos e personaxes históricos, así como polo estudo
crítico e científico de documentos, o que lle forneceu das primeiras
experiencias para logo aprender ós seus alumnos na Facultade de Historia da USC
a analizar e a estudar documentos. Desa data é a súa tese sobre Alexandre VI e
a Igrexa, e a documentación dos outros moitos persoeiros sobre os que máis
tarde traballaría, xa de volta en Galicia.
Retorna a Santiago
de Compostela, onde realiza a titulación civil e as correspondentes
convalidacións académicas, e licénciase en Filosofía e Letras. Suma así ó seu proceso
formativo tres doutoramentos. É o intre no que a vocación do aínda mozo Padre
Oro chama ás portas da Universidade, á que lle dedicou 45 anos dunha intensa vida:
axudante de profesor, profesor, opositor á praza e, finalmente, catedrático dende
1983 até 2001, ano no que se xubila.
Como catedrático de
Paleografía e Diplomática da USC, formou a centos de futuros historiadores, convertendo
en accesible unha materia farragosa
en principio. Por Paleografía enténdese a ciencia historiográfica que ten por
obxecto de estudo a escrita en xeral e, en particular, a evolución no tempo das
formas gráficas e o seu modo de execución, así como factores tecnolóxicos,
económicos, sociais, culturais, políticos, estéticos, etc. Pola súa banda, a
Diplomática é a ciencia que estuda a tradición, a forma e a elaboración dos
documentos. En síntese, e a risco de simplificar, a especialidade permite
descifrar e datar no tempo e na contorna un documento, xulgar a súa veracidade
e extraer os contidos susceptibles de ser empregados polo historiador.
Durante estes anos
escribiu máis de medio cento de libros e colaborou en incontables traballos
impresos máis. Edita os seus primeiros traballos na revista estudiantil Liceo Franciscano, ós que sucede unha
longa lista de libros –setenta e cinco–, colaboracións, artigos... Séntese
especialmente orgulloso dos seus traballos sobre o cardeal Cisneros, sobre a
nobreza galega e sobre aqueles que divulgan Galicia na baixa Idade Media.
Algunhas das investigacións
do Profesor Oro forman parte das lecturas obrigadas: La provincia
franciscana de Santiago y la Inmaculada (1954), La reforma de
los religiosos españoles en tiempos de los Reyes Católicos (1969), Cisneros
y la reforma del clero español (1971), Diego de Muros III y la cultura
gallega del siglo XV (1976), Galicia en los siglos XIV y XV (1987), ),
Don Fernando de Andrade, Conde de Vilalba
(1993), Historia da Igrexa galega (1994), Bayona y el espacio urbano
tudense en el siglo XVI: estudio histórico y colección diplomática (1995), Felipe
II y el Patronato Real en Castilla (2000), Cisneros, el cardenal de
España (2002)...
Agora, retirado das
súas obrigas docentes, reside e traballa no convento de San Francisco onde,
ademais de oficiar a misa diaria, está ó cargo do importante e espectacular
arquivo franciscano, que reúne auténticas xoias dende tempos medievais. Este profesor,
retirado só das tarefas oficiais, sobreleva con gallardía as oitenta primaveras
cun estado de saúde máis que aceptable e cunha cabeza nun envexable estado de
lucidez e capacidade. Fai real a expresión de que "a función fai o órgano", como
dicía Lamark, o primeiro formulador dunha teoría evolucionista.
Co gallo da súa
xubilación académica na USC, no libro homenaxe que se publicou dicíase que este
era un recoñecemento "a su estilo humano y profesional y satisfecha –a
Universidade– de su colaboración en la docencia y en la investigación". "Más
que por nuestras palabras lo alaban sus obras...", sentenciaba.
Este erudito
lalinense garda un cariño e amor pola que chama a "pequena cidade de Lalín",
que visita con certa frecuencia para ver a familia e asistir ás "festas da
parroquia". Nunca dixo non ás peticións de colaboración profesional que se lle
teñen dirixido dende a súa terra.
José García Oro, o
Padre, o Profesor... conserva, como os bos perfumes (gardado en bote pequeno), todas
as esencias da calidade e do coñecemento. Estamos ante unha das figuras nacida
en Lalín de maior talla intelectual da nosa historia. Recíbenos o día en que
arranca a primavera en Compostela e guíanos polos claustros e dependencias do
espectacular, e agora tamén Hotel / Monumento, Convento de San Francisco.
Museo, salóns, arquivo e claustro vanse sucedendo da man do noso anfitrión, que
fai doada a comprensión dos centos de anos de historia que agocha tan singular
edificio. Co seu falar pousado, sempre en galego, axuda e anima a seguir
descubrindo. Se as clases na facultade de Historia as impartía como as
explicacións dadas –e seguro que así era–, non dubidamos un ápice da perfecta
comprensión por parte dos centos de mozos que pasaron polas súas aulas.
Na súa ollada sosegada
acende un brillo, remarcado por un aceno de tristura, cada vez que lle lembramos
o parente ben querido ó que lle ten "perdido a pista e o contacto": o tamén
lalinense e catedrático César Oro García (a quen dedicaremos o noso Sen acuse de recibo da vindeira semana).
O alzheimer afastouno do mundo, da súa profesión e até dos que lle queren ben,
como este ilustre lalinense, home bo e xeneroso, José García Oro.
P.D.: O seu arquivo persoal, de incalculable valor
histórico, repousa agora no seu amado convento de San Francisco. Non estaría de
máis que o seu Concello non deixase pasar a oportunidade de conservar na terra
que o viu nacer un patrimonio documental dificilmente repetible ou comparable.
Home elegante, no fondo e na forma, considérase honrado e
recoñecido. Opinión que, quen isto asina, non comparte, porque a realidade é a
que é, ou a que os responsables municipais queren: unha rúa dunha urbanización case
que virtual e non facer nada por evitar o descoñecemento da súa vida e obra na súa
propia vila.
® Benito García / Faro
de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario