É Lalín terra de
ilustres homes de relixión, moitos deles intelectuais de grande altura que
teñen contribuído á mellora social e cultural desta terra. Paradoxalmente, hai
quen pasou á historia pola súa faceta intelectual ou profesional, polas súas
obras civís, pola súa achega ó desenvolvemento das ciencias e até das artes...
máis que polo seu labor pastoral. Moitos dos que hoxe citamos mereceron xa
reportaxes específicas sobre a súa vida e obra (foi o caso do padre Oro e, en
vindeiras semanas, será o de Ramón Aller, entre outros). Desta volta, e
aproveitando a Semana Santa que hoxe raia o seu fin, achegamos as figuras máis
senlleiras da relixiosidade lalinense.
Felipe Antonio Gil Taboada (Bergazos, 1668 - † Sevilla, 1722). Fillo dos señores de
Bergazos, logo de formarse cos xesuítas en Compostela, estudou Leis e Canons na
Universidade de Santiago, da que logo sería catedrático.
Desenvolveu altos e
importantes cargos civís e relixiosos ó longo da súa vida. Da man do inquisidor
xeral Diego Sarmiento Valladares consegue a praza de fiscal da Inquisición en
Canarias, posto que non chega a ocupar ó ser nomeado vicario eclesiástico de
Madrid; despois foi presidente da Real Chancillería de Valladolid e comisario
xeral da Santa Cruzada. Baixo o reinado de Felipe V foi ministro para os
asuntos eclesiásticos e presidente do Consejo de Castilla. Logo da súa designación,
en 1715, como bispo de Osma, en 1719 é nomeado arcebispo de Sevilla, cidade na
que falece en 1722, sendo considerado unha das máis preclaras personalidades que
deron as terras lalinenses.
A súa figura está
fondamente unida á devoción pola Virxe do Rocío, da que se conserva un gravado
na que o arcebispo Gil Taboada garante "40 días de yndulgencia a quien rezare
vna salve delante de la milagrosa ymagen de Nuestra Señora del Rocío".
Nas súas últimas
vontades dispuxo a reedificación da igrexa de Donsión, de estilo barroco, na
que se atopan as sepulturas dos seus pais.
Cayetano Gil Taboada (Barcia, 1688 - † 1751).
Arcebispo de Santiago de Compostela e, antes, bispo de Lugo, estudou Filosofía
en San Xerome e Xurisprudencia en Fonseca e Valladolid. Rematados os estudos,
chegaría a reitor en 1713, só catro anos despois de doutorarse. Afillado de
Felipe Antonio Gil Taboada, foi este un sólido apoio na súa carreira relixiosa.
Pertencentes ámbolos dous á poderosa familia dos Gil Taboada, en 1718 o seu
tío noméao provisor e gobernador eclesiástico e no 1725, canónigo e inquisidor
de Sevilla, función que máis tarde desenvolverá en Compostela, onde desempeñou
ademais o cargo de administrador do Real Hospital.
En 1735 é nomeado bispo de Lugo,
onde realizou grandes obras, como a do edificio do bispado, que exhibe os seus
escudos en fachada e patio. En 1745 é presentado como arcebispo de Santiago,
coincidindo o seu mandato coa construción da fachada do Obradoiro, na que se
aprecia o seu escudo.
Juan Roque Gil Arias y Somoza (Palio, 1693 - †?). Fillo do escribán Fernando Gil,
cursou estudos eclesiásticos. Con 22 años é nomeado presbítero e axudante do arcediago
de Deza. Pasou a ser secretario do bispado de Lugo en 1734, cargo que conciliou
co de arcediago de Deza até 1750.
Nos seus labores de
inspección, propios do papel que desempeñaba en Lugo, contribúe a melloras
importantes nalgúns dos centros de culto da comarca de Deza; mostra diso é o
escrito que redacta logo dunha visita á igrexa de Moneixas, o 13 de xullo de
1730, no que informaba: "y respecto no tiene sachristia acosta de dhos alcances
la mande hazer en la parte mas comoda q le pareciere y surta cha. Iglesia de lo
mas necessario a su culto y dezencia". Exerceu parte do seu labor sendo bispo
Cayetano Gil Taboada.
José María López Castro (Noceda, 1870 - † 1955). En diversos escritos cítaselle
como veciño de Santa María de Barcia e presbítero. Cursou estudos eclesiásticos,
licenciouse en Sagrada Teoloxía e ordenouse sacerdote en 1895. A súa carreira
eclesiástica comeza deseguida, pois con 26 años xa ocupa o cargo de arcipreste
de San Salvador de Dozón. En 1915 pasa a ser párroco de Lalín e, en 1942, arcipreste
de Deza e consultor até o seu pasamento. Durante o seu período no cargo
inaugurouse a actual igrexa parroquial de Lalín e outras obras, como o cemiterio
(antigo). Foi, ademais, tesoureiro da Comisión promonumento a Loriga.
Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878 - † Lalín, 1966). Comenza os seus
estudos en Lalín e cursa o bacharelato na Guarda cos xesuítas, que espertan a
súa triple faciana intelectual: relixiosa, matemática e astronómica. Alá coñece
o padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico
de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, a semente
científica xa estaba instalada nel.
Nos seminarios de
Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira
sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual, con só vinte anos, razón
pola que se fai precisa unha dispensa. Xa doutor en Sagrada Teoloxía, nesta
época a súa avoa Camila agasállao cun anteollo de 67 milímetros. Desprázase entón
a Oviedo para estudar Ciencias Exactas e un ano despois de principiar esta
carreira traslada a súa matrícula a Madrid, cidade na que a remata en 1904.
O teodólito T&S
súmase ó anteollo e con estes dous instrumentos torna á casa familiar, onde
sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá lugar á súa primeira publicación
froito das observacións do cometa Johannesburgo en 1911. Por esas datas xa tiña
feito numerosos seguimentos e anotacións de relevancia: o tránsito de Mercurio
perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos de estrelas... Son anos nos que
se traslada periodicamente a Castro Urdiales para facer uso dos excepcionais
instrumentos con que estaba dotado o observatorio desa vila. Como matemático
publicou importantes traballos, como Algorítmia,
principios fundamentales de la ciencia de los números (1918) ou o texto
completo Astronomía.
En 1917 constrúe no
xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os dous equipos de observación
dos que dispón e desenvolve ducias de traballos sobre astronomía e matemáticas,
publicados polas revistas máis reputadas do momento. É o caso da Revista de la Sociedad Astronómica de España
e América, Ibérica, a Revista Matemática Hispanoamericana, a
alemá Astronomische Nachrichten, a
francesa L'Astronomie...
Os seus parentes
están detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de
Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así
o refractor Steinheil de 120 milímetros e a modificación do observatorio, ó que
se lle engade unha cúpula. Son os anos do descubrimento e das medidas de
estrelas dobres (especialidade na que máis salientou), o exame de superficies
planetarias e as observacións ocasionais froito das horas que botou sentando
diante dos aparellos: eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros,
auroras e cometas. En 1933 describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas e na
mesma época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio
Astronómico de Lalín".
Ó remate da Guerra
Civil incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago como mestre de Xeometría
Analítica e Análise Matemática e tres anos despois inaugúrase o observatorio do
campus, ó que se trasladou o refractor, o teodólito e boa parte da súa
biblioteca dende Lalín. Doutórase en 1943, con 65 anos.
Na súa biografía
pública e publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das súas tarefas
e relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos
sacerdotais o padre Aller manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos
relixiosos nin percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera
desenvolver. No seu haber están 75 publicacións, 4 libros e 5 teses dirixidas...
e, como non, as 4 estrelas descubertas e debidamente documentadas.
P.D.: A publicación desta miniserie (á que daremos
continuidade na seguinte entrega) dos nosos "ilustres con sotana" evidencia a
escasa altura de miras dalgúns que, apreciando e recoñecendo con todo o
merecemento a uns, gardan no caixón do esquecemento outras figuras que marcaron
unha época.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario