O Dicionario da RAE fixa ilustre como o adxectivo que outorga distinguida
prosapia (ascendencia), pero tamén define a persoa insigne, célebre... cuxa
vida e obra transcenden o momento que lle toca vivir. Nesta segunda entrega
desta serie de Fillos Ilustres non podemos por menos que invocar o artigo
feminino e non dar por bo o que a Historia nos parece querer contar (ou non
contar) de a quen facemos merecedores de tales adxectivos. Unha sociedade
machista durante séculos trouxo como consecuencia a ausencia de proxección das
mulleres lalinenses na súa Historia. Se é certa a frase de que detrás de todo
gran home sempre hai unha gran muller (algún di que o que hai é unha muller
sorprendida), esta non debe servir como argumento para que non nos decatemos de
que detrás dunha gran muller está ela mesma, e só o tempo que lle tocou vivir
evitou, en moitos casos, o seu desenvolvemento persoal, profesional ou
intelectual.
Dende a educación até a empresa, pasando polas artes, os movementos
asociativos ou a política, Lalín foi, é, terreo fértil para non poucas féminas que merecen, como o que máis, un
lugar entre os que o seu exemplo profesional ou persoal os sitúa como referente
social desta terra.
Moitas teñen sido xa as mestras que deixaron a súa pegada intelectual nos e
nas lalinenses de onte e hoxe, todas merecedoras dun recordo por un traballo e
unha vocación. Unha figura podería "encarnar" a importancia deste colectivo: Maruja Gutiérrez, educadora e
empresaria en tempos en que no primeiro campo se lle consentía e no segundo nin se lle
esperaba.
Nacida en Lalín, un dezaseis de xuño de 1908, formouse en terras
pontevedresas nas Doroteas e na "escola normal". Titulada en Maxisterio cando o
reinado de Alfonso XIII tocaba a súa fin, desempeñou a súa tarefa en destinos
da provincia de Ourense e nas "clases privadas", polas que teñen pasado centos
de rapaces. A súa vocación docente, aderezada cun grande espírito emprendedor,
levouna a fundar con Ramón Aller, no 39, o Colexio do Sagrado Corazón no "Hospitalillo" –o actual Instituto Laxeiro de Lalín–, cuxas pedras foron muda
testemuña doutros vinte e cinco anos de formación de centos de veciños de toda
a comarca, sementando neles un futuro ilustrado e, en moitas ocasións, unha
profesión que moitos nin albiscaban na súa infancia.
Dela fica unha lembranza de persoa solidaria, cunha gran capacidade de
sacrificio e traballo, de vocación incansable e sensible coas necesidades de formación
da súa veciñanza. Morre en 2003 deixando unha fonda pegada.
No campo, a muller foi a mantedora dunha gran parte das explotacións
gandeiras de Deza, cando os pais, os maridos e os fillos "desertaron do arado" para traballar na construción ou nas empresas de servizos das vilas e, en non
poucos casos, emigrar por un tempo deixando terras, gando e até fillos a cargo
de esposas e nais. Moitas, convertidas á forza en pequenas empresarias, tiveron
ademais activa participación en procesos cooperativos. Anónimas nun sector
anónimo e nunca recoñecido.
Na gastronomía, a capital de Deza ten unha materia pendente de
recoñecemento en dúas mulleres, nai e filla, Amelia Vilar e Teresa, durante décadas á fronte de Casa Abeledo. Foi este o templo do
cocido até que moitos restaurantes e casas de comidas "subiron" a un carro que
para os de fóra tivo, durante moitos anos, neste establecemento a súa
referencia. Casa Abeledo, na época da
case centenaria Amelia, foi parada e fonda de arrieiros que percorrían o camiño
entre Ourense e Compostela. Eran os tempos, entre outros, do "estraperlo", que
serviu para longas sobremesas na cociña na que moitos comensais recibiron
auténticas leccións da boca da matriarca familiar, hoxe recordada como a súa
filla, que, agora na intimidade familiar, segue "bordando" este singular prato
digan o que digan as "receitas oficiais".
En contra do que puidera parecer, e a pesar da citada falla de proxección
da muller en épocas pretéritas, ningún ámbito se pechou nin se pecha por completo
a estas. Tampouco a pintura e as demais artes. Algún exemplo queda representado
por Mª do Carmen Calviño Iglesias, pintora nacida na Xesta no 1938, de familia
de mestres e afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos
artísticos e realiza boa parte do seu traballo pictórico.
Luz Pichel González naceu en Anseán un 10 de xuño de 1947.
Logo de estudar Filoloxía en Compostela, a partires de 1970 esta poeta galega
fixa a súa vida en Madrid, onde exerce como catedrática de Lingua e Literatura
nun Instituto de Alcobendas. A súa obra –El
pájaro Mudo, La Marca de los Potros,
Casa Pechada...– foi colleitando sucesivos
premios de recoñecido prestixio literario: o Esquío de Poesía no 2006, o Ciudad de
Santa Cruz en 1990 e o Juan Ramón Jiménez en 2004.
O binomio muller e letras, en Lalín, non ha ser un acontecemento pasaxeiro.
Novas xeracións, como a de Alba Payo
Froiz, veñen "xuntando palabras" con notable éxito e calidade.
A fame ou a falta de expectativas empurrou a moitos galegos que, como os
irlandeses, non tendo máis terra polo oeste, fixeron, mar por medio, das Américas
a patria de acollida. Foi o caso de dúas
case descoñecidas: Manuela Vázquez López
e María Saladina Failde Rodríguez,
naturais de Lalín, traballadoras incansables no seo da Sociedade Hijos del
Partido Judicial de Lalín en La Habana (entidade fundada por Cándido Lamas e
José Fraiz Andón como presidente e secretario). Ámbalas dúas traballaron arreo
pola difusión da cultura e pola recuperación das tradicións galegas entre a
colectividade residente en Cuba no pasado século. Na actualidade, poucos
lalinense de primeira xeración quedan neste colectivo que segue mantendo o nome
de Lalín na "illa bonita". Actualmente, outra muller xa nacida alí preside o
colectivo: Icelda Tamayo.
A política democrática deixa un nome escrito nas hemerotecas do Parlamento
Español, Lucita Villar Jar. Primeira
e única muller que representou a comarca como Deputada en Cortes, foi vogal da
Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, vogal da Comisión
Mixta de Relacións co Defensor del Pueblo e vogal da Comisión Mixta dos
Dereitos da Muller. Máis aló de filias e fobias, ten un sitio na Historia pola
exclusividade e relevancia das funcións desempeñadas. Naceu un 5 de setembro de
1941 en Lodeiro e foi concelleira de Lalín e deputada do Grupo Popular na sexta
e sétima lexislatura, até o 20 de xaneiro de 2004. Villar Jar foi e segue a ser
unha convencida promotora do movemento asociativo feminino en Galicia,
especialmente no relativo ó rural.
Hoxe as mulleres seguen a empurrar social e economicamente
estas terras do interior. A universidade está –leva así xa algunhas décadas– chea
de futuras catedráticas, investigadoras, escritoras e empresarias que
inscribirán sen complexos o seu nome entre os fillos e fillas ilustres do Lalín
do século XXI.
Un dito recorda que "non están todas as que son"...
pero con seguridade "son todas as que están" e moitas outras fillas da bisbarra,
ilustres todas elas nunha sociedade matriarcal e, a pesares diso, machista e
pouco igualitaria.
P.D.:
A presenza da muller na política lalinense segue a ser materia pendente,
relegándoa a un segundo plano en funcións de apoio e xestión, materia á que
pouco contribúen os actuais gobernantes, cun sistema político que –nomeadamente
no plano municipal– pecha as portas a moitas ilustres, e porén descoñecidas, veciñas
sobradamente preparadas. No que se refire á igualdade de oportunidades, non
chega con falar, por moi multitudinario que sexa o acto no que se fai.
® Benito García / Faro
de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario