Francisco Gil de
Taboada Lemos y Villamarín pasa á historia militar española como Francisco Gil
de Lemos ou Francisco Gil de Lemus. Con ámbolos dous nomes (e ocasionalmente co frei, pola súa pertenza a unha orde relixiosa na súa xuventude, por diante) aparecen
narradas as súas xestas e honras nos arquivos militares da Armada e nos seus
nomeamentos oficiais da época; el mesmo asina con ámbalas dúas formas nos
escritos de intercesión polo tenente xeneral José de Córdoba ante o Rei, por
quen intercede o 23/12/1805 e o 6/1/1806 para repoñer a súa honra, categoría
militar e emolumentos. Orixinario do Pazo de Des, en Soutolongo (1733), logo
dunha intensa carreira militar con ducias de cargos, batallas e viaxes de exploración
no Mediterráneo e nas Américas, foi nomeado vicerrei de Nova Granada e logo do
Perú e ocupou case todos os cargos de relevancia na Mariña de Guerra da época,
na que ingresou en 1752.
A súa carreira
militar comeza con só 16 anos, cando ingresa como cabaleiro da Orde de San Juan
de Jerusalén, que lle abre as portas á súa incorporación como gardamariña en Cádiz.
Varios ascensos consecutivos achéganlle ó grao de capitán de navío en 1776 e permítenlle
retornar a Galicia logo de ser nomeado capitán da Compañía de Gardamariñas do
Ferrol. A súa meteórica carreira militar achégao á categoría de xefe de
escuadra no 82, cando, a instancia de Antonio Valdés, ministro de Indias, é
nomeado vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Novo Reino de Granada, a finais
de 1788, un territorio que abarcaba parte dos actuais Bogotá, Panamá, Colombia
e Venezuela.
Non deberon ser
poucos nin malos os seus servizos, pois no 89 ascende a tenente xeneral e con
este grao pasa a desempeñar en 1790 o cargo de vicerrei do Perú, con competencia sobre
amplos territorios do occidente, do centro e do sur de América.

Claro expoñente da
Ilustración, a súa tarefa foi moito máis aló da administración das colonias (no seu territorio contábanse 728 minas de prata, 69 de ouro, 4 de mercurio, 12
de chumbo e 4 de cobre): fundou os primeiros xornais de América, como Mercurio, e a Escola Naval de Perú, colaborou
coa investigación xeográfica, potenciou a Universidade e, baixo o seu mandato, realizáronse
censos de poboación nos que xa se distinguían sexo, raza... Foi contemporáneo
dalgúns dos grandes ilustrados da nosa historia, que deron nome a unha época. O
seu mentor como vicerrei, o ministro de Indias e Mariña Antonio Valdés, tamén o
foi da Expedición Científica Malaespina, que recalou nos portos do occidente
americano gobernados por Francisco Gil de Taboada y Lemus, ou Lemos, como tamén
aparece nos documentos da época.
Regresa a España
e sométese ó "Juicio de Residencia" que establecían as Leyes de Indias, unha
sorte de "proba do algodón" que determinaba a limpeza na xestión dos recursos
públicos en beneficio da nación e da Coroa. O 20 de abril de 1803 a Real Orde ditada
no Palacio Real de Aranjuez ratifica o seu nomeamento como director xeneral da
Armada e pouco despois asumirá de forma interina a Secretaría de Estado e a
Secretaría do Departamento de Mariña. O mesmo ano 1805 acada o grao de capitán xeneral
da Real Armada de España.
No exercicio
destes e doutros cargos produciuse o Motín de Aranjuez e posterior abdicación de
Carlos IV a prol de Fernando VII, coa ratificación de Francisco Gil Taboada
como ministro. Del escribiu o influínte e poderoso Conde de Toreno: "Continuó
al frente de la marina don Francisco Gil de Taboada y Lemos, anciano
respetable, de carácter entero y firme". Coa invasión dos franceses foi o único
ministro do Goberno de España que se negou a seguir no "goberno títere" e na
segunda invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó "rei intruso"
José Bonaparte. O seu patriótico e honroso papel queda certificado nos libros, e incluso na novela histórica española... a máis recente "Un día de cólera" de Arturo Pérez-Reverte.
Falece en Madrid
en 1809 e entre os seus descendentes americanos cóntanse dúas ramas, a chilena,
que chega ós nosos días co escritor e xornalista Antonio Gregorio Gil Íñiguez,
e a arxentina, que tivo como máximos expoñentes os caudillos e gobernadores de
Santiago del Estero: Antonio e Manuel Taboada. Un neto seu, Antonio Taboada
Zapatero, foi o contraalmirante e heroe da Mariña do Perú.

P.D.: Francisco Gil é, con seguridade histórica, o lalinense que máis alto chegou nas estruturas políticas e militares de España... Ilustrado, coherente coas súas responsabilidades e leal ó Estado ante o invasor francés até os seus últimos días. Descoñecido para os veciños da vila que o viu nacer e non recoñecido polos que teñen a obriga de poñer en valor a súa historia, dende as responsabilidades públicas.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario