Poucos lalinenses teñen
sido tan “internacionais” no desenvolvemento da súa actividade profesional como
o Matemático Rodríguez. A das matemáticas –foi o primeiro matemático galego de
relevancia–, a agronomía, a xeodesia e a mineraloxía son as facetas que marcaron
a súa vida. Este claro expoñente da Ilustración ten entre os seus méritos o traballo
desenvolto á fronte dunha cátedra na Universidade da cidade do Apóstolo e os
servizos prestados ós Gobernos de España, o Reino Unido, Francia e Rusia.
José Rodríguez González naceu
en Bermés en 1770 e finou en Compostela en 1824. Aprendeu a ler el só e foi o
cura da súa parroquia quen, consciente da súa mente privilexiada, o recomendou
para estudar, primeiro en Monforte e logo en Compostela, cos xesuítas. Bacharel
en Filosofía en 1790, pasa logo a realizar estudos de Teoloxía. En 1798 xa
imparte clases de matemáticas na facultade de Medicina e gaña a cátedra por
oposición no 1800. Non deixa de estudar e, durante os tres anos seguintes,
cursa Botánica, carreira que remata en 1803, antes de se trasladar a París para
realizar estudos de matemáticas e astronomía. Será na capital francesa onde coñeza
o científico Jean-Baptiste Biot, con quen manterá relacións profesionais no
futuro inmediato.
Con só 26 anos, José
Rodríguez González xa se ten feito un nome, froito do seu traballo como
catedrático e das aportacións que vai facendo durante a súa estadía en París.
Chegan a España boas a abundantes referencias ó goberno da nación que, dende
1806, o incorporará a numerosos traballos científicos internacionais,
principalmente relacionados con medicións de arcos meridianos. Son anos de liortas
con Inglaterra –o ano anterior librárase a batalla de Trafalgar–, anos de “afrancesamento
á forza” da sociedade española, que en 1808 verá a José Bonaparte coroado rei.
Nestes anos, outro lalinense vive en Madrid os últimos anos dunha gloriosa
carreira: Francisco Gil Taboada, que fora vicerrei do Perú e por esas datas era
capitán xeral da Real Armada de España –coa ocupación dos franceses foi o único
membro do Gabinete que se negou a seguir no “goberno títere” e na segunda
invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó “rei intruso”, José
Bonaparte–.
Pero volvamos a 1806. Nese
ano, o Goberno do Estado desígnao, con José Chaix, para un comisariado español que
se encargaría das medicións do arco meridiano, tarefa que desenvolve xunto ós
franceses François Arago e Jean-Baptiste Biot, co obxectivo de prolongar o arco
“francés” até a illa de Formentera; rematan este traballo pero non poden seguir
coa prolongación sur ante a situación política que se está a vivir en 1808. O
mesmo Rodríguez explica nunha carta que “las circunstancias políticas no
permitieron operaciones subsiguientes, como medio de comprobar los resultados,
por la medición de una base que fuese independiente de la obtenida antes en
Francia”. O feito histórico é que a primeira grande operación xeodésica do
século XIX foi a prolongación cara a España deste “meridiano de Francia”,
realizada anos antes por Mechain e Delambre. O encargo foi realizado polo Bureau
des Longitudes, e no traballo interviñeron, como xa apuntaramos, François J.
Dominique Arago e Jean-Baptiste Biot, por parte de Francia, e José Chaix e José
Rodríguez González, por parte de España.
Eminente astrónomo, físico
e xeodesta, Arago foi secretario do Bureau des Longitudes e director do Observatorio
de París, e colaborou con Biot na medida do índice de refracción do aire. Pola
súa banda, Biot, un dos máis relevantes físicos, astrónomos e matemáticos da historia
francesa, descubriu a xeración de campos magnéticos e a polarización da luz.
Como outro lalinense, Ramón Aller Ulloa, un cráter da Lúa leva o seu nome,
honra reservada a uns poucos científicos.
Rodríguez González chegará
tamén á Rusia dos zares para realizar diversos traballos xeodésicos por
iniciativa de Alejandro I, quen o invita a dirixilos logo de se facer
mundialmente coñecido pola súa participación, xunto a Biot e Arago, no enlace
das illas Baleares coa triangulación da Península.
Anos despois, o astrónomo
lalinense Ramón María Aller recollerá no libro que escribiu sobre Rodríguez
para o Seminario de Estudos Galegos que nas actas da Universidade de Santiago,
da que Rodríguez era catedrático, se pode ler: “Tuvo este Claustro la mayor
satisfacción al ver con cuantas instancias fue V. convidado pª que tomase a su
cargo el importante destino de la dirección del depósito geográfico del vasto Imperio
de todas las Rusias, que S.M.I. sabe grangearse la estimación de los sabios
atrayendo a sus dominios los de todas las naciones. Pero si bien este Cuerpo se
honra en que un catedrático suyo hubiese merecido tantas distinciones, no puede
menos que confesar cuanto se complace al ver que con firme y heroica resolución
supo V. preferir a estas ventajas el destino de Profesor de Astronomía en el
Museo de Ciencias Naturales y el encargo de la organización del Observatorio de
Madrid con que S.M. acaba de agraciarle”.
Finalmente, Rodríguez
González renuncia ós traballos xeodésicos en Rusia, que foron realmente iniciados
baixo a dirección de Frederick G. Struve, astrónomo alemán ó servizo do zar, e o
xeneral Tenner, que “observaron una cadea de 258 triángulos que cubrían un arco
de meridiano de 25º 20’ dende o Danubio até o norte, enlazada posteriormente coas
redes europeas”.
Se non a máis importante,
cando menos a máis coñecida faceta do noso lalinense ilustre foi a dos
traballos desenvoltos para a coroa británica. En 1809 o Goberno español encárgalle
que estude os establecementos e medios cos que conta Inglaterra para o estudo
da astronomía, así como as súas posibles aplicacións para a xeografía e a
navegación. Chega a formar parte do grupo de científicos que foron quen de
triangular o meridiano 0 (máis coñecido como de Greenwich, que na Península
pasa por Monte Perdido, nos Pirineos, e Denia, en Alacante), corrixindo un erro
que persistía na época. Durante a súa estadía inglesa, que remata en 1812,
publica os resultados do traballo realizado baixo o título Observations on the measurement of three degrees of the meridian,
que é presentado na Royal Society. Nel corrixe as conclusións tiradas das
observacións e cálculos realizados por William Mudge na medición do arco entre
Clifton e Dunnose, poñendo en evidencia os seus erros de observación. Contemporáneos
seus como Delambre ou Von Zarch conviñeron no axeitado das súas conclusións.
Volve á súa cátedra en
Compostela, aínda que un par de anos máis tarde collerá de novo as maletas
rumbo a Alemaña. A mineraloxía semella ser a principal razón para aceptar un
traballo, tamén “por encargo” gobernamental, que o levará a residir alí entre
1815 e 1817, onde é coñecido como Joseph ou Pedro Joseph. A súa primeira parada
é a Escola de Minas de Friburgo, na Saxonia, onde establecerá contactos con
Abraham Gottlab Werner, o pai da xeoloxía e mineraloxía modernas. Logo pasará
pola Universidade de Göttingen. Alí escribirá Ueber die Gröfsenverhältnisse
des Erd-Sphäroids, publicado
en 1817 na revista Zeitschrift für
Astronomie und verwandte Wissenschaften. Neste traballo aborda diversos
aspectos relacionados coa xeodesia e, nomeadamente, sobre as “proporcións do
esferoide terrestre”, analizando o “achatamento” do globo. José Rodríguez introduce
este traballo coa seguinte afirmación: “Pero,
se ben todas estas medicións conveñen en outorgarlle á Terra unha forma
elíptica, ensanchada no ecuador e achatada nos polos, non concordan o
suficiente entre elas como para poder deducir diso o valor do achatamento e
outras proporcións”.
De volta de Alemaña, unha
longa estadía en París sérvelle para entrar en contacto con René-Just Haüy, que
lle regalará unha colección dun milleiro de modelos cristalográficos,
depositada ó seu pasamento na Universidade de Santiago. Retorna a España logo
de aceptar a oferta do Museo de Ciencias Naturais para desenvolver a cátedra de
Astronomía do Observatorio de Madrid.
Ilustrado, liberal e
comprometido co seu tempo, exercerá como deputado por Galicia nas Cortes españolas
entre 1821 e a súa morte, en 1823. Del só se conservan, como documentos
escritos, os dous traballos citados, elaborados en Inglaterra e Alemaña, así
como os escritos ou rexistros de comunicacións epistolares coa Universidade de
Santiago. Estes últimos constitúen o centro do traballo desenvolto por Ramón
Aller Ulloa para o Seminario de Estudos Galegos sobre a vida e obra do seu
paisano e “colega” matemático.
P.D.: A biografía de José Rodríguez González aínda está por escribir. Quero
reflectir con esta afirmación o pouco que se ten profundizado na súa figura. É
un traballo por desenvolver o de “sacar á luz” a vida e obra dun fillo ilustre
cuxa figura non foi suficientemente analizada (nin no humano nin no científico)
até os recentes traballos de Víctor Naverro ou dos profesores Docobo e Iván
Fernández, do Observatorio Astronómico Ramón María Aller de Santiago. Se cadra,
unha maior divulgación nestes anos do traballo de Ramón Aller sobre o
Matemático de Bermés tería contribuído a paliar o descoñecemento desta figura.
Dun xeito especial, damos as grazas a Iván Fernández
Pérez pola súa colaboración, nomeadamente sobre a pouco coñecida etapa “alemá”(ver
Revista da Real Academia Galega das
Ciencias–2011) e, como lalinense, polo
traballo de difusión da figura do Matemático Rodríguez.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario