Os estudos eclesiásticos
teñen sido, para unha gran parte dos ilustres cidadáns que nos deixa a historia,
unha porta aberta ó coñecemento e até ó espertar de vocacións científicas e
investigadoras. Cúmprese este principio en boa parte dos nosos Fillos Ilustres,
aínda que por distintas circunstancias. Nalgún caso, a Igrexa foi a vía de
escape que lles permitiu a moitas persoas sen recursos acadar os niveis máis
altos de formación. Non parece ter sido este o caso de Ramón Aller. A súa pertenza
a unha familia patricia, ben acomodada, que mantivo certa oposición ó seu
ingreso na vida sacerdotal, sitúao nunha órbita ben achegada ó vocacional, aínda
que esta vocación relixiosa espertara co tempo e co tempo quedara relegada (que
non afastada) a un segundo plano ante o empurrón dos seus intereses científicos.
Home humilde, modesto e adicado
ós demais son cualidades reiteradamente recoñecidas a Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878 - † Lalín, 1966). Bautízano
o 4 de febreiro (nacera ás 00:30 horas do día 3) en Santa María de Donramiro. O
nome, o do padriño, e os apelidos contan cunha longa historia: o Aller vén das
terras das Mariñas coruñesas e o Ulloa, da mesma parroquia de Donramiro. No pazo
de Filgueiroa viña de nacer un humilde de casa nobre. Até as anécdotas reforzan
esa imaxe: na acta correspondente, testemuñan o seu nacemento dous humildes labregos,
José Lalín e Ventura Portas. No pazo, as xentes e a súa nai falaban galego e o
galego foi a lingua da casa, das ensinanzas e dos agarimos da infancia.
Ós sete anos vai vivir e
estudar a Lalín e con once marcha interno á Guarda para cursar bacharelato cos xesuítas,
que espertan a súa tripla faciana: relixiosa, matemática e astronómica. Aquí
coñece ó padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico
de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, xa sementara nel
o inzo científico, que cultivou con numerosos traballos sobre meteoroloxía e
botánica. Nesta época revélase ademais como excelente pintor e mellor
debuxante, algo que lle será de gran proveito no futuro, cando comece a deseñar
aparellos de observación.
Dende 1894, nos seminarios
de Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira
sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual. Con só vinte anos, razón pola
que se fai precisa unha dispensa, logo do acurtamento do período formativo, xa
é licenciado e doutor en Sagrada Teoloxía. Durante a súa estadía no seminario,
a súa avoa Camila xa lle regalara un anteollo de 67 milímetros. Matricúlase,
por libre, en Oviedo para estudar Ciencias Exactas e, ó ano seguinte, traslada
a matrícula a Madrid, onde remata a carreira en 1904. Non consegue o título até
1916, pois no camiño crúzaselle un exame sobre Astronomía que suspende logo de
ter a ousadía de levarlle a contra ó catedrático con puntos de vista distintos.
O teodólito Troughton &
Simms súmase ó anteollo e a outros complementos de observación, e con eles
volve á casa familiar, onde sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá
lugar á súa primeira publicación froito das observacións do cometa Johannesburgo
en 1911. Por esas datas xa tiña feito numerosos seguimentos e anotacións de
relevancia: o tránsito de Mercurio perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos
de estrelas... Son anos nos que se traslada periodicamente a Castro Urdiales (de
1911 a 1920) para facer uso dos excepcionais instrumentos con que estaba dotado
o observatorio desa vila. Desa época é a formulación dun novo método para os
rexistros do paso de estrelas, empregando a referencia de dúas verticais
perpendiculares. Confírmase ó mesmo tempo como un matemático de primeiro nivel.
Como tal, publicou importantes traballos, como Algorítmia, principios fundamentales de la ciencia de los números
(1918) ou o texto completo de Astronomía.
Froito das súas visitas a
Castro Urdiales, toma a decisión de poñer en marcha na súa vila natal un
observatorio astronómico. Madeira e cravos son todo o material que precisa para
construír, en 1917, no xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os seus
equipos de observación, ós que tiña sumado o telescopio alemán de 120 milímetros,
o ecuatorial Steinheil, que el mesmo mellorou, e dende alí desenvolve ducias de
traballos sobre astronomía e matemáticas, publicados nas revistas máis
reputadas do momento. É o caso da Revista
de la Sociedad Astronómica de España e América, Ibérica, a Revista Matemática
Hispanoamericana, a alemá Astronomische
Nachrichten, a francesa L'Astronomie...
Deseña prototipos e revela unha alta capacidade para a construción de aparellos
para a observación e o estudo.
Os seus parentes están
detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de
Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas e repetidas
axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así o refractor
Steinheil de 120 milímetros, que "xubila" ó de 108 milímetros, e a
modificación do observatorio, ó que se lle engade unha cúpula. Son os anos dos grandes
descubrimentos e das medidas de estrelas dobres (de todas as especialidades,
foi na que máis salientou), o exame de superficies planetarias e as
observacións ocasionais froito de horas que botou sentado diante dos aparellos:
eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros, auroras e cometas. En 1933
describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas do 9 de outubro, que publica
en Las Ciencias en 1934, e na mesma
época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio
Astronómico de Lalín". Algúns contemporáneos referían en Lalín unha
fábrica de equipos astronómicos de alto nivel, industria que na realidade se
limitaba ó noso crego, ós seus planos e a un par de colaboradores capaces de
converter en metal un debuxo nun papel seguindo escrupulosamente as meticulosas
directrices do deseñador astronómico lalinense. Observa sistematicamente
planetas e deixa constancia permanente das horas de traballo en publicacións e
anotacións, estas últimas en forma de cadernos que se conservan no instituto
que leva o seu nome na capital de Deza.
Nos dez anos anteriores ó
inicio da ditadura de Francisco Franco, a casa lalinense de Aller Ulloa viu
desfilar ilustres galeguistas e estudosos, colaboradores coma el do Seminario
de Estudos Galegos: Risco, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo e outros contemporáneos
que foron iniciados na observación. O noso lalinense pertencía ó Seminario
dende novembro de 1928, cando foi admitido cun traballo sobre o matemático
Rodríguez, e destacou pola súa proximidade ós galeguistas e ó pensamento da
época.
Ó remate da Guerra Civil
incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago da man dun discípulo seu,
Vidal Abascal. Faino como mestre de Xeometría Analítica e Análise Matemática e
tres anos despois inaugúrase o observatorio do campus, ó que se trasladou o
refractor, o teodólito e boa parte da súa biblioteca dende Lalín. Doutórase en
1943, con 65 anos, e ese mesmo ano funda o actual observatorio astronómico da
USC, que leva o seu nome. Un ano despois créase a cátedra de Astronomía, da que
se encargaría o noso protagonista. O Centro Superior de Investigaciones
Científicas implicouse con Ramón Aller e o novo observatorio, financiando
obras, equipos e, á fin, publicando en 1944 Introducción
a la Astronomía. Non chegou a obter das autoridades o cobizado refractor de
máis de 30 centímetros de apertura que tantas veces reclamou por consideralo imprescindible.
Nesa época, Aller e dous
discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal, agora xa mestres, sentaron as bases
para a creación da Facultade de Matemáticas na Universidade de Santiago, na que
os tres serían os seus primeiros mestres. Foi a relación con Enrique Vidal
Abascal tan estreita, amistosa e de mutua admiración que á teima do alumno se
lle atribúe a maior parte do mérito do desembarco de Aller como mestre en
Compostela e da creación do observatorio. O propio astronómo contaba as
xestións: "En la misma época de mis comienzos como Profesor era Director
del Instituto de Pontevedra D. Enrique Vidal Abascal quien comenzó a remover de
nuevo la cuestión de dar carácter oficial al Observatorio de Lalín, para lo
cual se dirigió a las Diputaciones de Galicia, animando a la de Pontevedra para
tomar la iniciativa. Vino a Santiago a tratar el asunto y entonces el Rector D.
Carlos Ruíz del Castillo resolvió prescindir de toda clase de rodeos. En cuanto
dispuso de los datos necesarios, pidiéndomelos directamente y por medio de D.
Luis Iglesias, apuró al arquitecto D. Jenaro de Lafuente, que dirige las obras
de la Residencia, para que concluyese los planos del pabellón destinado a
Observatorio, y, poco antes de dejar la Universidad Compostelana para
trasladarse a Madrid, venciendo no pocas dificultades, todo quedaba concluido
para la aprobación ministerial".
Na súa biografía pública e
publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das tarefas desenvolvidas en
relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos
sacerdotais manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos relixiosos nin
percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera desenvolver.
No seu haber están 75 publicacións técnicas, 4 libros (Algoritmia, Introducción a la
Astronomía e Astronomía a Simple
Vista foron varias veces editados), 5 teses dirixidas... e, como non, as 4
estrelas dobres, que levan o seu nome, descubertas por el e debidamente
documentadas e publicadas. Foi o introdutor e pioneiro en España desta
especialidade da observación astronómica.
Mediados os sesenta, fraquea
a súa saúde e Aller regresa a Lalín, onde falece un 28 de marzo de 1966. Repousa
no adro da igrexa de Donramiro, a súa parroquia natal, baixo unha sinxela
lápida na mesma terra que de neno pisaba indo para a misa. A súa herdanza
profesional (libros e instrumental) pasan á propiedade da Universidade e en
1983 o observatorio universitario é bautizado co seu nome.
Conta cunha longa lista de
honores e nomeamentos, entre os que destacan a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, a
Medalla de Ouro de Compostela, o título de Fillo Adoptivo de Santiago, o de Coengo
de Honra da Igrexa Catedral de Compostela e, por suposto, o de Fillo Predilecto
de Lalín, vila que o 4 de setembro de 1960 lle tributa unha cálida homenaxe. Del
teñen escrito ducias de autores; sen dúbida, quen con maior paixón e
coñecemento o fixeron foron os seus discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal,
e máis recentemente o profesor Docobo Durántez, responsable do observatorio universitario.
Ducias de rúas, edificios e
publicacións honran o seu nome, como a rúa que ás poucas semanas do seu
pasamento lle dedica a cidade da Coruña e, co tempo, moitas outras de Galicia. En
1989, Lalín inaugura o museo que leva o seu nome. Moi por riba destas, o seu
coetáneo Hugh Percy Wilkins puña o nome de Ramón Aller a un cráter lunar.
Aló arriba, catro estrelas
e un anaco de Lúa teñen para sempre o nome do pequeno gran home, sacerdote,
científico e lalinense: Ramón María Aller Ulloa.
P.D.: O coñecemento da obra e vida de Ramón Aller é accesible na súa casa
museo de Lalín e no observatorio da Universidade de Santiago. Non tan coñecido é
o feito de que a biblioteca e o museo do Seminario Diocesano de Lugo son posuidores
dun bo número de libros e manuscritos do noso protagonista, ademais dun dos
primeiros telescopios da súa propiedade (tiven a honra de velo na miña etapa de
seminarista en Lugo, e cónstame que é un dos "recordos" máis prezados
pola gran familia deste emblemático e fermoso centro, casa na que se formaron
centos de veciños da capital de Deza).
Lalín ten tamén unha débeda de recoñecemento cun home de
sangue lalinense: o alumno e amigo de Don Ramón, Enrique Vidal Abascal, nacido
en Oviedo e formado na Coruña, xa que nestas vilas foi onde o seu pai, natural
de Lalín, exercía como delegado de Facenda. Pero de neno xogou moitos veráns na
horta da casa familiar que lindaba co observatorio. O neno que admiraba aquel
cura que ollaba para as estrelas acabou sendo o seu alumno avantaxado, amigo e
até impulsor profesional.
Bo pintor, como Don Ramón, seu é o retrato máis popular que
se ten feito do astrónomo e súa, a dedicatoria ós lalinenses: "A as xentes
de Lalín, de donde era o meu pai, que tan outo sentido teñen da amistade. Xentes
traballadoras e rexas, mais tamén sensibres, intelixentes e agarimosas. Con
fonda saudade."
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal
No hay comentarios:
Publicar un comentario