260 publicacións e
comunicacións científicas e de investigación –apúntome ós que atribúen á
condición de científico o descubrimento de algo e á de investigador en profundidade
o coñecemento sobre algo concreto–. Esta espectacular cifra dá boa mostra do
traballo investigador dun lalinense e dos seus esforzos, grazas ós que se ten
avanzado moito en determinadas materias médicas. Neuropatólogo e radiopatólogo de formación e vocación, interesado polos estudos de tumores, traballou na Universidade de Valencia, no Laboratorio Nacional de Brookhaven de Nova York, na facultade de Medicina de Winston-Salem (Carolina do Norte), no Instituto de Hematoloxía da Universidade de Friburgo (Alemaña) e na Comisión Europea de Enerxía Atómica (Euratom). En 1968 trasládase á por entón recén nacida Universidade de Ulm. Wenceslao Calvo Garra nace en Lalín en 1921 e morre en Ulm (Alemaña) en 2003, logo dunha longa e frutífera vida, tanto no persoal coma no profesional.
Nace o que sería
ilustre doutor nunha época complicada e convulsa, social, política e
economicamente falando, en España. Ese mesmo ano, outro ilustre lalinense,
Joaquín Loriga Taboada, convertíase nun dos primeiros pilotos de combate aéreo
de España e participaba na guerra de Marrocos. Tamén entón, outro lalinense ilustre,
Ramón Aller Ulloa, un astrónomo xa consolidado e recoñecido, viña de publicar Algoritmia. Nunhas leiras, a carón do
observatorio de Aller, xogaba un neno de doce anos, Enrique Vidal Abascal, que
acabará sendo o alumno avantaxado e “sucesor intelectual”, como matemático e
astrónomo, de don Ramón.
Numerosas referencias
xornalísticas e biográficas citan a Calvo Garra como valenciano; seguramente
por terse formado nesa cidade e vivir nesa boa terra parte da súa vida: o seu
pai, Alfonso, chegou ó servizo de correos de Lalín procedente desas terras
mediterráneas. Aquí casou con María Garra, lalinense de ascendencia compostelá.
Sendo moi novo, a familia trasládase, por razóns laborais do cabeza de familia,
primeiro a Vilalba e logo a Requena, en Valencia, onde Wenceslao comeza a
estudar o bacharelato. Durante a Guerra Civil regresa coa nai e a irmá a Lalín,
onde continuará os estudos, que remata en Compostela. Cando finaliza a contenda,
a familia volve reunirse en Valencia, onde estuda Medicina na Universidade da
capital, a mesma onde máis tarde sería profesor de Anatomía Patolóxica e onde
estreita lazos cunha antiga compañeira de colexio, Raquel García de Leonardo,
con quen casa en 1947. Especialízase en Anatomía Patolóxica e investiga no
laboratorio anatómico dirixido polo compostelán doutor Goyanes nunha época na
que tamén principia a docencia, ó ser nomeado profesor axudante de clases
prácticas.
Cunha bolsa de estudos do
Consello Superior de Investigacións Científicas, Calvo Garra continúa a súa
formación en Lisboa, a onde viaxa xa pai da súa filla María Raquel, a primeira dos
cinco que chegará a ter. No Instituto Neurolóxico traballa no equipo do
profesor e Nobel de Medicina Egas Moniz, todo un especialista no comportamento
dos vasos e arterias. Afonda tamén nos seus coñecementos en anatomía patolóxica
e realiza os primeiros traballos sobre as consecuencias das radiacións
nucleares sobre o sistema sanguíneo, especialidade que, cos anos, acabará por
converterse na súa tarefa principal, dándolle sona mundial.
A Fundación Rockefeller
concédelle unha bolsa de estudos para seguir afondando nos seus coñecementos,
razón pola que viaxará ó Instituto Neurolóxico de Montreal grazas a unha
invitación do doutor Struthers, membro do comité de dirección desa organización.
Na cidade canadense Calvo Garra permanece un curso académico, deixando durante
ese tempo a familia en Valencia, por estar recén nacido o seu segundo fillo.
Doutórase en Madrid en
1950, ano no que obtén, ademais, o premio Ramón y Cajal de Investigación
Científica por un traballo sobre neurofisioloxía. Exerceu a docencia na
Universidade de Valencia entre 1952 e 1958. Durante a súa estadía valenciana
colabora, como investigador do Instituto Cajal, dependente do CSIC, no
laboratorio de Neuropatoloxía. En 1952 dirixe a construción do
Palencefalógrafo, un equipo que permite, mediante impulsos eléctricos, o estudo
de tumores cerebrais.
Cando xa se preparaba para optar
á cátedra da súa especialidade, na facultade de Medicina de Valencia, a piques
de cumprir os 40 decide presentarse á praza de neuropatólogo convocada para o
Laboratorio Nacional de Brookhaven. As amizades e coñecementos adquiridos durante
a súa estadía en Montreal tiveron moito que ver na consecución desa praza. Comezan
os anos sesenta. En Brookhaven incorpórase ó laboratorio de Medicina, onde
investigará os efectos dos neutróns no cerebro humano, buscando métodos
terapéuticos baseados na captura de neutróns para a loita contra tumores cerebrais.
Tamén tivo ocasión de estudar os efectos e posibles lesións cerebrais das
correntes de protóns de alta enerxía que, potencialmente, podía recibir un
humano no espazo... Eran os anos da carreira espacial de americanos e rusos.
Logo dunha breve estadía en
Carolina do Norte, cunha longa escala en Valencia, en 1965 trasládase a Alemaña.
En Friburgo realiza traballos sobre a rexeneración da médula ósea destruída por
radiacións nucleares. Unha vez creada a Comunidade Económica Europea e, con
ela, as súas primeiras institucións, no seu seo nace unha Comisión Europea de
Enerxía Atómica, a Euratom, nutrida por profesionais formados principalmente nos
Estados Unidos. Malia que España non pertencía á CEE, a súa experiencia
americana fíxolle acredor dun relevante posto na Euratom. Calvo Garra traballa
no equipo do doutor Fliedner, quen, tres anos máis tarde, marchará para a nova
Universidade de Ulm levando consigo boa parte dos seus colegas.
Así, tres anos despois de
chegar a Alemaña, Calvo Garra trasládase a Ulm, onde exercerá como profesor e
investigador. Nesta faceta consegue, entre outros logros, illar as células
sanguíneas formadoras das células tronco, células nai das primeiras.
Ulm é unha cidade alemá de
tamaño medio situada no sur do país, entre Stuttgart e Munich, á beira do río
Danubio; unha vila moderna, cun excelente sistema de transporte e unha universidade
que abrangue numerosas especialidades: medicina, económicas, informática...
En Ulm estudará os efectos
das radiacións atómicas en Hiroshima e Nagasaki, así como os das de Chernobil,
para o que viaxa unha tempada a Rusia. Con 70 anos deixa a Euratom, aínda que mantén
unha activa colaboración coa Universidade de Ulm, grazas ó seu nomeamento como
profesor emérito.
No ano 1975 participa na V
Reunión de Neurocirujanos de la Seguridad Social, celebrada en Valencia, a vila
na que se formara profesionalmente. Unha das crónicas xornalísticas da época, publicada
no ABC, refírese a el e ó congreso
con estas palabras: “Se han reunido en Valencia más de 25 grandes figuras de la
especialidad, entre los que se encuentra el valenciano Doctor Wenceslao Calvo
Garra, consejero de la Comisión Europea de Energía Atómica y referencia de los
laboratorios de histología y microscopia electrónica de la facultad de Medicina
de Ulm, en Alemania”.
En xullo de 1989, Wenceslao
Calvo Garra visita Lalín para recibir unha cálida homenaxe e o nomeamento como Fillo
Predilecto de Lalín, sendo alcalde da vila, que dende entón ten unha rúa que
leva seu nome, José Cuíña Crespo.
Agora que tan de
actualidade está a falta de saída profesional de moitos investigadores
españois, toman forza as verbas de Wenceslao Calvo Garra cando afirmaba, xa
xubilado: “Non vin nas nacións nas que traballei número tan grande de mozos que
tiveran, ó rematar a carreira, tanto entusiasmo por traballar na investigación
como en España, nin tan poucos que continúen nela ós poucos anos de intentalo.
Esta perda de vocación resulta moi lamentable e déixanos nun lugar secundario
na ciencia europea”. Acompañaba esta reflexión lamentándose da falta de
formación en idiomas da sociedade española.
Foi Calvo Garra un home
familiar, orgulloso da familia, á que lle atribuía boa parte dos seus éxitos e
a razón dos seus esforzos. El atopou na súa muller o apoio e comprensión que a
moitos científicos e investigadores “lles falta”, segundo el mesmo ten
reflexionado. Os seus descendentes, agás ocasionais visitas do seu fillo Juán
José, manteñen hoxe escasos ou nulos vencellos coa terra natal do seu pai.
P.D.: Wenceslao Calvo Garra é, malia o seu traballo, un gran descoñecido na
súa vila pero tamén, paradoxalmente, entre moitos colegas de profesión, como
quen isto asina tivo ocasión de comprobar entre respectables médicos e até
investigadores da área sanitaria e universitaria compostelá. Un descoñecemento
aínda maior no relativo ás súas orixes lalinenses.
® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa fonte orixinal