jueves, 12 de julio de 2012

José Rodríguez González. O matemático de Bermés.


Poucos lalinenses teñen sido tan “internacionais” no desenvolvemento da súa actividade profesional como o Matemático Rodríguez. A das matemáticas –foi o primeiro matemático galego de relevancia–, a agronomía, a xeodesia e a mineraloxía son as facetas que marcaron a súa vida. Este claro expoñente da Ilustración ten entre os seus méritos o traballo desenvolto á fronte dunha cátedra na Universidade da cidade do Apóstolo e os servizos prestados ós Gobernos de España, o Reino Unido, Francia e Rusia.

José Rodríguez González naceu en Bermés en 1770 e finou en Compostela en 1824. Aprendeu a ler el só e foi o cura da súa parroquia quen, consciente da súa mente privilexiada, o recomendou para estudar, primeiro en Monforte e logo en Compostela, cos xesuítas. Bacharel en Filosofía en 1790, pasa logo a realizar estudos de Teoloxía. En 1798 xa imparte clases de matemáticas na facultade de Medicina e gaña a cátedra por oposición no 1800. Non deixa de estudar e, durante os tres anos seguintes, cursa Botánica, carreira que remata en 1803, antes de se trasladar a París para realizar estudos de matemáticas e astronomía. Será na capital francesa onde coñeza o científico Jean-Baptiste Biot, con quen manterá relacións profesionais no futuro inmediato.

Con só 26 anos, José Rodríguez González xa se ten feito un nome, froito do seu traballo como catedrático e das aportacións que vai facendo durante a súa estadía en París. Chegan a España boas a abundantes referencias ó goberno da nación que, dende 1806, o incorporará a numerosos traballos científicos internacionais, principalmente relacionados con medicións de arcos meridianos. Son anos de liortas con Inglaterra –o ano anterior librárase a batalla de Trafalgar–, anos de “afrancesamento á forza” da sociedade española, que en 1808 verá a José Bonaparte coroado rei. Nestes anos, outro lalinense vive en Madrid os últimos anos dunha gloriosa carreira: Francisco Gil Taboada, que fora vicerrei do Perú e por esas datas era capitán xeral da Real Armada de España –coa ocupación dos franceses foi o único membro do Gabinete que se negou a seguir no “goberno títere” e na segunda invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó “rei intruso”, José Bonaparte–.

Pero volvamos a 1806. Nese ano, o Goberno do Estado desígnao, con José Chaix, para un comisariado español que se encargaría das medicións do arco meridiano, tarefa que desenvolve xunto ós franceses François Arago e Jean-Baptiste Biot, co obxectivo de prolongar o arco “francés” até a illa de Formentera; rematan este traballo pero non poden seguir coa prolongación sur ante a situación política que se está a vivir en 1808. O mesmo Rodríguez explica nunha carta que “las circunstancias políticas no permitieron operaciones subsiguientes, como medio de comprobar los resultados, por la medición de una base que fuese independiente de la obtenida antes en Francia”. O feito histórico é que a primeira grande operación xeodésica do século XIX foi a prolongación cara a España deste “meridiano de Francia”, realizada anos antes por Mechain e Delambre. O encargo foi realizado polo Bureau des Longitudes, e no traballo interviñeron, como xa apuntaramos, François J. Dominique Arago e Jean-Baptiste Biot, por parte de Francia, e José Chaix e José Rodríguez González, por parte de España.

Eminente astrónomo, físico e xeodesta, Arago foi secretario do Bureau des Longitudes e director do Observatorio de París, e colaborou con Biot na medida do índice de refracción do aire. Pola súa banda, Biot, un dos máis relevantes físicos, astrónomos e matemáticos da historia francesa, descubriu a xeración de campos magnéticos e a polarización da luz. Como outro lalinense, Ramón Aller Ulloa, un cráter da Lúa leva o seu nome, honra reservada a uns poucos científicos.

Rodríguez González chegará tamén á Rusia dos zares para realizar diversos traballos xeodésicos por iniciativa de Alejandro I, quen o invita a dirixilos logo de se facer mundialmente coñecido pola súa participación, xunto a Biot e Arago, no enlace das illas Baleares coa triangulación da Península.

Anos despois, o astrónomo lalinense Ramón María Aller recollerá no libro que escribiu sobre Rodríguez para o Seminario de Estudos Galegos que nas actas da Universidade de Santiago, da que Rodríguez era catedrático, se pode ler: “Tuvo este Claustro la mayor satisfacción al ver con cuantas instancias fue V. convidado pª que tomase a su cargo el importante destino de la dirección del depósito geográfico del vasto Imperio de todas las Rusias, que S.M.I. sabe grangearse la estimación de los sabios atrayendo a sus dominios los de todas las naciones. Pero si bien este Cuerpo se honra en que un catedrático suyo hubiese merecido tantas distinciones, no puede menos que confesar cuanto se complace al ver que con firme y heroica resolución supo V. preferir a estas ventajas el destino de Profesor de Astronomía en el Museo de Ciencias Naturales y el encargo de la organización del Observatorio de Madrid con que S.M. acaba de agraciarle”.

Finalmente, Rodríguez González renuncia ós traballos xeodésicos en Rusia, que foron realmente iniciados baixo a dirección de Frederick G. Struve, astrónomo alemán ó servizo do zar, e o xeneral Tenner, que “observaron una cadea de 258 triángulos que cubrían un arco de meridiano de 25º 20’ dende o Danubio até o norte, enlazada posteriormente coas redes europeas”.

Se non a máis importante, cando menos a máis coñecida faceta do noso lalinense ilustre foi a dos traballos desenvoltos para a coroa británica. En 1809 o Goberno español encárgalle que estude os establecementos e medios cos que conta Inglaterra para o estudo da astronomía, así como as súas posibles aplicacións para a xeografía e a navegación. Chega a formar parte do grupo de científicos que foron quen de triangular o meridiano 0 (máis coñecido como de Greenwich, que na Península pasa por Monte Perdido, nos Pirineos, e Denia, en Alacante), corrixindo un erro que persistía na época. Durante a súa estadía inglesa, que remata en 1812, publica os resultados do traballo realizado baixo o título Observations on the measurement of three degrees of the meridian, que é presentado na Royal Society. Nel corrixe as conclusións tiradas das observacións e cálculos realizados por William Mudge na medición do arco entre Clifton e Dunnose, poñendo en evidencia os seus erros de observación. Contemporáneos seus como Delambre ou Von Zarch conviñeron no axeitado das súas conclusións.

Volve á súa cátedra en Compostela, aínda que un par de anos máis tarde collerá de novo as maletas rumbo a Alemaña. A mineraloxía semella ser a principal razón para aceptar un traballo, tamén “por encargo” gobernamental, que o levará a residir alí entre 1815 e 1817, onde é coñecido como Joseph ou Pedro Joseph. A súa primeira parada é a Escola de Minas de Friburgo, na Saxonia, onde establecerá contactos con Abraham Gottlab Werner, o pai da xeoloxía e mineraloxía modernas. Logo pasará pola Universidade de Göttingen. Alí escribirá Ueber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids, publicado en 1817 na revista Zeitschrift für Astronomie und verwandte Wissenschaften. Neste traballo aborda diversos aspectos relacionados coa xeodesia e, nomeadamente, sobre as “proporcións do esferoide terrestre”, analizando o “achatamento” do globo. José Rodríguez introduce este traballo coa seguinte afirmación: “Pero, se ben todas estas medicións conveñen en outorgarlle á Terra unha forma elíptica, ensanchada no ecuador e achatada nos polos, non concordan o suficiente entre elas como para poder deducir diso o valor do achatamento e outras proporcións”.

De volta de Alemaña, unha longa estadía en París sérvelle para entrar en contacto con René-Just Haüy, que lle regalará unha colección dun milleiro de modelos cristalográficos, depositada ó seu pasamento na Universidade de Santiago. Retorna a España logo de aceptar a oferta do Museo de Ciencias Naturais para desenvolver a cátedra de Astronomía do Observatorio de Madrid.

Ilustrado, liberal e comprometido co seu tempo, exercerá como deputado por Galicia nas Cortes españolas entre 1821 e a súa morte, en 1823. Del só se conservan, como documentos escritos, os dous traballos citados, elaborados en Inglaterra e Alemaña, así como os escritos ou rexistros de comunicacións epistolares coa Universidade de Santiago. Estes últimos constitúen o centro do traballo desenvolto por Ramón Aller Ulloa para o Seminario de Estudos Galegos sobre a vida e obra do seu paisano e “colega” matemático.

P.D.: A biografía de José Rodríguez González aínda está por escribir. Quero reflectir con esta afirmación o pouco que se ten profundizado na súa figura. É un traballo por desenvolver o de “sacar á luz” a vida e obra dun fillo ilustre cuxa figura non foi suficientemente analizada (nin no humano nin no científico) até os recentes traballos de Víctor Naverro ou dos profesores Docobo e Iván Fernández, do Observatorio Astronómico Ramón María Aller de Santiago. Se cadra, unha maior divulgación nestes anos do traballo de Ramón Aller sobre o Matemático de Bermés tería contribuído a paliar o descoñecemento desta figura.

Dun xeito especial, damos as grazas a Iván Fernández Pérez pola súa colaboración, nomeadamente sobre a pouco coñecida etapa “alemá”(ver Revista da Real Academia Galega das Ciencias–2011) e, como lalinense, polo traballo de difusión da figura do Matemático Rodríguez.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

JOAQUÍN LORIGA TABOADA (II)


Tenente de Artillería con 22 anos e piloto de aeroplanos con 26, con ampla experiencia en combate, antes de cumprir os 30, Loriga conseguiu ser xefe de escuadrilla, titulado na École Supérieure d'Aeronautique de París, piloto de probas do autoxiro C-6, de Juan de la Cierva, e, ós 31 anos de que o viran nacer as verdes terras de Lalín, integrante do raid Madrid–Manila. E cando un vive tan á présa, a morte temperá (ás portas dos 32 anos) non pode facer outra cousa que acrecentar a súa lenda e inserir con letras de ouro na historia da aviación e na da súa terra natal o seu nome: Joaquín Loriga Taboada.

O voo Madrid–Manila e os seus vencellos con Lalín son as dúas caras máis coñecidas dun dos máis importantes aviadores da historia. Ámbalas dúas están unidas a dous aparellos que lle deron moitas horas de ledicia a Loriga. Un deles foi o que o levou a Manila, o avión Breguet XIX, un biplano de 450 CV, de dúas prazas, con capacidade para 900 litros de combustible, 1.500 km de autonomía e capacidade para 220 quilos de carga engadida. Este aparello, de orixe francesa e perfecto para bombardeo lixeiro e recoñecemento, voou por primeira vez en 1920 e del fabricariase anos despois un modelo chamado Breguet XIX Loriga, de 650 CV.

O outro aparello foi o Avro 504 K, que serviu de base para o autoxiro C-6 que el pilotaba. Con este mesmo aparato co que fixera o raid Madrid–Manila vai facer outro moi recordado polos galegos e, en particular, polos lalinenses, o que o trouxo a Galicia para recibir homenaxes e honores, nomeadamente en Lalín e Vigo. Unha particular viaxe de ida e volta a Madrid de case dúas semanas, con escalas en Burgos, León, A Rúa de Petín, Lalín, Santiago, A Coruña, Pontevedra, Panxón...

VOO MADRID–MANILA

Aínda que se viña preparado dende outubro de 1924, o 5 de abril de 1926 tres Breguet XIX equipados cos novos motores Lorraine de 450 CV despegan de Cuatro Vientos con destino ás illas Filipinas. Ó mando, os capitáns Gallarza, Loriga e Esteve e os sarxentos mecánicos Calvo, Pérez e Arozamena, con aparatos bautizados cos nomes de Fernando de Magallanes, López de Legazpi e Sebastián Elcano. Viña de nacer a Patrulla de Raid Elcano.


Todo vai ben até O Cairo. Na etapa, o avión de Martínez Esteve sofre unha avaría e aterra no deserto, onde o piloto permanecerá cinco angustiosos días antes de ser descuberto e salvado por un avión da RAF que, ó día seguinte, rescataría tamén o seu mecánico.

Loriga e Gallarza continuaron o voo e o 24 de abril chegaban ó aeródromo de Bien Hoa, a 25 quilómetros de Saigón. O curto treito Saigon-Vink-Hanoi-Macao, de só 2.100 quilómetros, foi o más complicado tanto para a mecánica como para os expedicionarios, principalmente cando padeceron as avarías producidas por unha nube de mosquitos. Outros incidentes retrasaron logo a partida, resultando significativo o do 1 de maio, no traxecto Hanoi-Macao; Loriga viuse obrigado a tomar terra en Tien Pack, na costa meridional da China, onde o seu avión quedou avariado. O lalinense explicouno, meses máis tarde, con estas palabras: “De haber encontrado a mano un suelo despejado para el descenso, a buen seguro que no hubiese alcanzado carácter de irremediable el accidente, puesto que consistía en una simple fuga de agua... Mas en aviación, como en otros aspectos de la vida, de pequeñas causas suelen nacer grandes catástrofes”, en alusión a que á fin o motor agarrotouse e quedou inservible. A reparación non foi posible dado que se achegaba a estación monzónica, coas súas choivas torrenciais, e facíase preciso continuar axiña e non esperar a chegada do motor de reposto. Tras rescatalos un barco portugués, Loriga reúnese con Gallarza e, xuntos, deciden seguir a Filipinas nun só aparello que ocuparon deixando os respectivos mecánicos en terra.

Ámbolos dous capitáns voaron o día 11 dende Macao a Aparri, ó norte da illa de Luzón e, dende alí, continuaron a Manila, onde aterraron o día 13, recibidos por unha multitude que os aclamaba. A aventura culminara. Realizaran o raid en 18 etapas correspondentes a 16 xornadas de voo, levoulles 39 días, cubrírono en 106 horas e 15 minutos efectivas de voo, facendo un total de 17.000 quilómetros.

LORIGA E LALÍN

Loriga Taboada veu ó mundo un 23 de setembro de 1895 no pazo de Liñares, na parroquia de San Martiño de Prado, no seo dunha familia influínte; o seu pai, Eliseo Loriga Parra, terceiro conde do Grove (o título foi herdado da súa irmá, que non tivo descendentes; de non ter morto, sería herdado polo noso protagonista, pero o destino fixo que o herdara a súa irmá Araceli, coa que rematou a liñaxe ó non ter descendentes directos). O seu pai chegou a xeneral de Artillería e desenvolveu os cargos de Mayordomo de Semana de Alfonso XIII e preceptor do Príncipe de Asturias, ademais de ser valedor da carreira que anos máis tarde emprendería o seu fillo no exército. A súa nai, Esperanza Taboada Bugallo, era descendente da liñaxe dos Taboada, do pazo de Liñares.

A súa formación infantil tivo ás casas familiares do condado do Grove, en Cambados, e de Liñares, como principais centros. Só tiña 17 anos cando ingresa na Academia de Artillería de Segovia.

Volverá á pequena vila de Lalín, que ía crecendo á sombra de Lalín de Arriba e Donramiro, a recibir unha multitudinaria homenaxe xa internacionalmente laureado e aplaudido nas tres facetas que marcaron a súa vida: o autoxiro, o voo Madrid–Manila e o conflito bélico do norte de África. Invitado polos “poderes” locais da época, o 23 de xuño de 1927 chegaba, non podía ser doutro xeito, ós mandos dun avión Avro 504, co que aterrou no Monte do Toxo. Logo de dar algunha volta sobre estas terras, foi recibido por centos de veciños que o acompañarían até a vila e entre os que se atopaba o seu pai, o aínda coronel e preceptor da S.A.R. o Príncipe de Asturias. Inaugurouse unha rúa co seu nome, celebrouse misa, percorréronse as rúas engalanadas... A instancias das autoridades abriuse unha subscrición popular para lle regalar un avión, fondos que o destino faría que fosen para a súa homenaxe póstuma: erguer a estatua de Loriga.

Logo visitaría Santiago, A Coruña, Pontevedra, Panxón e Vigo, onde unha rúa levaría o seu nome e se achegaría até o xa consolidado xornal Faro de Vigo. En todos os lugares repetíronse recepcións, homenaxes, desfiles e, por suposto, voos acrobáticos do aparello de Loriga para deleite de milleiros de galegos. Case dúas semanas despois da súa aterraxe en Lalín retorna a Madrid para retomar as súas tarefas militares e atopa a morte o día 18 de xullo, logo de entrar en perda o avión Albert do aviador Magnard, quen lle permitira probar a “moderna” máquina.

O cadáver foi levado ó Hospital Militar, en Carabanchel, a onde acudiron as principais autoridades civís, militares e, claro está, os seus pais e a súa esposa, con quen casara sen o coñecemento familiar. Despois dos trámites de rigor e da xornada de instalación da capela ardente, Joaquín Loriga foi trasladado polos seus familiares a Galicia en tren para recibir sepultura en Losón, mentres voaban avións por riba da comitiva fúnebre en homenaxe ó insigne piloto. Perdida a vinculación familiar coas terras de Prado, anos despois trasladouse o seu corpo a Madrid.

Lalín rendeulle unha derradeira grande homenaxe o 27 de agosto de 1933 coa inauguración dunha escultura, obra de Francisco Asorey.

En 1927 ascendeu a comandante por méritos de guerra contraídos no período das accións de 1924-1925 e publicou, en colaboración con Gallarza, o libro El vuelo Madrid–Manila. Recibiu a Medalla Militar e a Cruz Laureada de San Fernando, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santo Tomás e fillo adoptivo da cidade de Manila, Medalla de Ouro de Ultramar, Medalla da Liga Internacional de Aviadores e, como non, fillo ilustre da súa vila natal.

P.D.: Un agradecemento especial ó coronel do Exército do Aire don Emilio Herrera Alonso, a nosa máis fiable fonte de información, quen co seu perfil de Loriga en Cien aviadores de España, contribúe a poñer en valor non só o lado “aventureiro” dun piloto de raids. Tamén, ó xeneral de Brigada Carlos Pérez de Uríbarri, director do Instituto de Historia y Cultura Aeronáuticas e, por suposto, ó Arquivo Histórico do Exército do Aire por esas imaxes que custodia e puxo amablemente á nosa disposición. José Warleta e a Revista de Historia Aeronáutica axudáronnos a calibrar a importancia de Loriga para o éxito do autoxiro.

Todos eles, servidores públicos, “namorados do aire” que traen recordos a este “xunta palabras” do himno que durante un tempo tiven ocasión de cantar acotío: “Alcemos el vuelo sobre el alto cielo, lejos de la tierra la esperanza nos lleva detrás. El aire en la guerra comienza a ser paz.”


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

JOAQUÍN LORIGA TABOADA (I)


A historia deste fillo ilustre de Lalín ben puido ser outra. A dun militar, oficial de artillería que na súa breve etapa como militar “de terra” xa revelara o seu valor e coraxe na batería de montaña de Melilla sería outra historia de chegar a triunfar a proposta de baixa e retorno á súa unidade feita polo xefe da Escola de Pilotos de Alcalá de Henares. Pero foi a intervención do director do Servicio Aeronáutico, o xeneral Soriano, a que facilitou que rematara o período formativo de trinta horas de voo, as suficientes para que Loriga, seguramente empurrado polas ansias de demostrar a súa calidade, se fixese acredor da recentemente creada titulación de Piloto de Aeroplano de Guerra.

Nacía un 23 de setembro de 1895, ó mesmo tempo que se inventaba o cinematógrafo dos Lumière que anos despois o filmaría, pois será esta a ferramenta de traballo a empregar no lanzamento mundial do autoxiro que el “soubo domar”.

Dentro desta serie de Fillos Ilustres, desta volta dividida a súa publicación en dúas partes, interésanos máis analizar as distintas facetas da súa curta vida que facer unha narración cronolóxica delas, dende o convencemento de que Loriga foi moito máis que o protagonista dun voo histórico, protagonista que, por certo, non rematou ós mandos da súa aeronave: cousas da técnica.

MILITAR PRIMEIRO, LOGO PILOTO DE GUERRA

Foi Joaquín Loriga un oficial precoz (a necesidade bélica de efectivos axudaba). De feito, gradúase como tenente de artillería con 22 anos e logo dunha breve estadía en Vitoria, vai destinado a Melilla, onde se integra nunha unidade de montaña e participa en numerosas escaramuzas e enfrontamentos bélicos, a conta dos que se lle recoñece reiteradamente o seu valor.

En 1920 a Loriga chéganlle novas da convocatoria de prazas de piloto para a consolidación da incipiente arma da Aeronáutica Militar. Solicita o seu ingreso e o consegue, obtendo o título de piloto en decembro do ano seguinte. Destinado a Tetuán, serve nunha escuadrilla de biplanos Ansaldo, coa que realiza diversas misións de bombardeo sobre Bukabrit, Sidi Also e Yebel Hezzana. A pouca fiabilidade destes aparellos provoca a disolución da escuadrilla. Tralos incidentes mecánicos, en febreiro de 1922 os avións son repatriados e o persoal, integrado noutras escuadrillas de Marrocos. O entón capitán Loriga pasa a mandar a 3a escuadrilla do Grupo III, con sede en Sania Ramel, en Tetuán.
Logo de que, na primavera, o gobernante árabe Abd el Krim decidira tomar o Peñón de Vélez de la Gomera, cando xa estaba a piques de conseguilo con sistemáticos bombardeos, o 13 de abril, coa gornición ó límite do esgotamento e sen municións nin víveres, o capitán Loriga ataca, á fronte de catro aeroplanos, as posicións inimigas con tal efectividade que, despois da acción aérea, a harka de Abd el Krim viuse obrigada a abandonar o intento de conquista. O Peñón mantívose e por mar puido ser reforzado cunha compañía e abastecido de víveres e municións. Catro días máis tarde, a escuadrilla de Loriga esnaquiza as filas dos que asediaban a posición española de Miskrel-la.

Por esta e as demais acción de guerra concédenlle a Medalla Militar Individual, que é razoada así polos seus superiores: "Oficial entusiasta y decidido, presta excelentes servicios en ambas zonas del Protectorado, distinguiéndose extraordinariamente el 13 de abril de 1922 en el bombardeo de los poblados de la costa del Peñón de Vélez de la Gomera, y el 17 del mismo mes, en las proximidades de Miskrel-la para defender la posición sitiada por el enemigo. Piloto diestro y audaz, desarrolla una gran actividad simultaneando su actuación en escuadrillas de bombardeo con reconocimientos en la escuadrilla de caza, la que no teniendo misión de combate aéreo por carecer de aviación el enemigo, es empleada, por la velocidad que desarrolla, como de vigilancia extrema y reconocimiento rápido. Realiza numerosas misiones de reconocimiento y bombardeo y asiste a gran número de operaciones, siendo muy distinguida su actuación en las realizadas los días 28 y 31 de mayo y 5 de junio, reconociendo desde el amanecer, en un avión de caza, continuamente el frente, debiéndose a su actividad y pericia el descubrimiento del campamento del Burrahal, en la orilla izquierda del Xemanar." Estas xestas foron realizadas a bordo de biplanos Martinsyde, que Loriga pilotaba despois dun curso de caza no que aprendeu esta técnica con avións Spad.

Remata o ano 1923 e Loriga deixa o combate para se desprazar a París e obter o título en Enxeñería Aeronáutica, na École Supérieure d'Aéronautique. Finalizado o curso, en xuño de 1924, colabora co traslado a España de doce avións bipraza Henry Potez-XV A.2, que consolidarán a división aérea do exército renovando as unidades de Marrocos.

O AUTOXIRO “DE LORIGA”

A participación de Loriga no desenvolvemento do autoxiro e os éxitos de Juan de la Cierva Codorníu teñen a súa orixe na resolución dos problemas que evitaban o éxito dun aparello precursor do que, co tempo, coñecemos como helicóptero. A fórmula da rotación era coñecida, pero non experimentada, e o autoxiro veu resolver os atrancos existentes. De 1920 a 1925 Juan de la Cierva vai perfeccionando o aparello até chegar ó C.6 (sobre un triplano Avro 504 K) que, nas mans de Joaquín Loriga, comeza sete meses despois da súa fabricación a dar de si o que en teoría o inventor esperara del.

“Un buen día, uno de los mejores pilotos militares españoles, el Capitán de Artillería Joaquín Loriga Taboada [...] destinado a Cuatro Vientos como profesor de clasificación vio el autogiro y se interesó en él. Los tres vuelos realizados por Loriga los días 9, 11 y 12 de diciembre de 1924 fueron definitivos para la historia de Juan de la Cierva y su invento”. Con estas palabras o relataba hai uns anos o experto e escritor José Warleta Carrillo en Aeroplano. Loriga facía que a nave “colgara” do rotor, que se desprazara con control, que respondera ás ordes dos mandos e que aterrara nun curto espazo. De la Cierva sentenciaba logo da proba: “Hizo no una entrada en pérdida, sino un descenso civilizado.”

Por fin, o autoxiro era algo máis que un avión cunhas pas que rotaban por riba do piloto. O terceiro día de probas, Loriga levou o aparello de Cuatro Vientos a Getafe en 8 minutos. O obxectivo era que o mundo coñecese a fazaña, pero o lugar axeitado para iso era o Salón Aeronáutico de París, que se celebraba esa mesma semana. Non había tempo para levar o aparello a Francia e demostrar o logro. Loriga subiu ó tren portando unha cinta de película. A fazaña fora filmada cun “moderno” cinematógrafo, o mesmo instrumento que os Lumière patentaran o ano en que o aviador nacera en Lalín. O piloto puido proxectar e explicar o logro o día 17 na Société Française de Navigation Aérienne. Franceses e despois ingleses verían voar o aparello ó tempo que se fabricaba un C.6 bis (con rotor estilo buxaina: pivotes envoltos cun cable), que espertaría meses despois o interese de Harold Pitcaim, en Filadelfia (EE. UU.), quen quería desenvolver o helicóptero dun só rotor e que resultou decisivo no futuro de Juan de la Cierva e o seu invento.

O 16 de xaneiro de 1925, nunha proba ante os representantes ingleses da Casa Vickers, o motor rotativo Rhône parou cando voaba por riba dos 50 metros. O lalinense foi quen de facer un descenso controlado a hélice calada, facendo unha aterraxe na que recorreu escasos 18 metros até deter a aeronave. O 24 de xuño Loriga realiza con este modelo unha demostración ante o rei Alfonso XIII, do que recibe parabéns e mostras de satisfacción. O 4 de setembro o C.6 bis foi embarcado cara a Londres, a onde o piloto non puido viaxar por mor dunha enfermidade. De la Cierva, moi criticado mesmo polo propio rei por non querer esperalo, solicita entón os servizos de Frank Courtney. A demostración do día 19 causou sensación e o aparello e o seu inventor consolidáronse internacionalmente, aínda que o seu futuro escribiríase en letra inglesa, logo de pasar a mans inglesas e estadounidenses patentes e dereitos, así como o perfeccionamento e fabricación de novos modelos... Pero esa xa é outra historia.

P.D.: A maior parte das semblanzas, biografías e artigos reducen case á anécdota a etapa en que Loriga se implicou no proxecto do autoxiro; só algunhas fontes militares e estudosos aéreos poñen este feito á altura que merece. A cuestión é que, con seguridade, nin De la Cierva nin o seu invento terían acadado o éxito colectado de non terse cruzado no seu camiño aquel curtido piloto de sangue galega.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

De Deza, toponímico apelido entre a lenda e a historia escrita


Andeca foi o penúltimo rei galego na época sueva. Foino durante un ano escaso, entre o 584 e o 585. Logo de destronar a Eborico e casar coa súa nai, sería sometido polo visigodo Leovigildo, que aproveita o conflito sucesorio para anexionar o reino suevo, depoñendo a Andeca e evitando a consolidación de Malarico no trono. Até aquí, a historia. As interpretacións (personalizables no xornalista, dramaturgo, novelista e historiador Benito Vicetto Pérez) convertiron a Audeca ou Andeca en Xandeca, e de aquí a Xan de Deça ou de Deza só quedaba un paso, paso abofé que discutido e discutible.

Son máis reservas que certezas as que se tiran da análise histórica desta personaxe. Tan só un autor, grande escritor e novelista pero non distinguido precisamente por ser considerado “de gran rigor histórico”, sitúa a este monarca suevo no ámbito lalinense. A historia escrita limítase a deixar constancia dun poderoso señor das terras do noroeste ó que as circunstancias fixeron efémero rei e as conxecturas históricas, lalinense ou, cando menos, dezán. As máis arriscadas achégano mesmo ó contorno dos castros –por entón habitados na súa meirande parte e orixe de moitas vilas: Dozón, Gresande, Palmou, Donramiro, Bermés, Bendoiro...–. O historiador ferrolán Benito Vicetto é quen ten ofrecido a cara máis dezá do noso protagonista, Xan de Deza, Andeca para os suevos sobre os que exerceu o seu reinado.


Feitos históricos, lendas e interpretacións mestúranse nas narracións de diversos historiadores e escritores; as máis controvertidas, as de Benito Vicetto, o gran (único talvez) defensor da “conexión dezá” de Andeca. De Vicetto, outro lalinense, científico e rigoroso en todos os seus traballos, Benito Varela, chega a dicir que “evoca con espíritu romántico y con imaginación ardiente...” a figura do efémero monarca suevo. Moito máis aceda, cuestionando a súa escasa valía como historiador, é a valoración que de Vicetto fai Erwin Koller na súa obra Suevos–Schwaben. Outra escritora, Victoria Armesto, publica en 1969 Galicia Feudal, onde lembra que “hubo un Xan de Deza protagonista de una tragedia galaica. El rey suevo Miró II, hombre muy piadoso y que sólo hacía lo que le mandaba San Martín Dumiense, murió dejando al príncipe heredero, Eborico, encomendado a su mujer Seguncia. Seguncia se enamoró de Xan de Deza quien, ambicioso de poder, mandó cortar el pelo de Eborico dejándole por ello –según costumbre de los suevos– incapacitado para reinar. Xan de Deza se hizo rey de Galicia, pero no disfrutó mucho tiempo del poder ya que fue derrotado por Leovigildo quien, a su vez, le corto las barbas y las melenas”. Un relato, polo demais, claramente influenciado pola “doutrina Vicetto” sobre os suevos e, en particular, sobre o feito de que Andeca e Xan de Deza fosen a mesma persoa.

Dende 1865 a Historia de Galicia de Benito Vicetto ofrece a “arriscada” teoría de que Andeca, ou Audeca, era en realidade Xan de Deza, veciño das terras do mesmo nome situadas na Galicia Central. A súa teoría semella casar máis noutra das súas obras, Los reyes suevos de Galicia, claro que esta é unha novela, xénero no que Vicetto foi un prolífico autor que lle fixo merecer o alcume do “Walter Scott de Galicia”.

Volvamos ós feitos históricos. No ano 411 d.C., con Hermerico como primeiro rei dende o 409, ano da súa entrada na Península, e logo de asinar un pacto co emperador Honorio, os suevos, xunto cos vándalos aslingos, ós que máis tarde expulsarían cara ó sur, inician unha lenta penetración en Galicia. Tras un acordo co resto dos pobos xermánicos ou bárbaros desprazados polos hunos da Europa Central –deixando para os vándalos e alanos o resto da Península– e deste xeito converten o noroeste peninsular no seu territorio. Na comarca de Deza co tempo xorde como tal o condado de Deza, como reflicten as actas do concilio de Lugo do ano 569, cunha configuración non moi distinta da actual.

Cara ó ano 583 Miro morre e sucédelle o seu fillo Eborico, quen estivo pouco tempo no trono, do que foi afastado por Andeca, que reinaría só nos anos 584 e 585. Malia estar prometido coa irmá de Eborico, isto non evitou que, no ánimo de fortalecer una nova estirpe real, Andeca casara coa nai desta e viúva de Miro, proclamándose rei.

No seu “asalto ó poder” Andeca estivo apoiado polo grupo máis radical da nobreza sueva, a prol de manter a independencia con respecto ó reino visigodo, con capital en Toledo. Capitaneados por Andeca, enfrontáronse a Eborico, que foi destronado, tonsurado e confinado en Beja, o mesmo que faría un ano despois Leovigildo con Andeca. A tonsura –corte de pelo– e o ingreso no clero eran situacións que, segundo as leis da época, inhabilitaban á persoa para o exercicio do poder civil.

As nupcias con Sisegunda, nai da súa prometida e do destronado Eborico, buscaban lexitimar unha liña de sangue no exercicio do poder suevo. Coa axuda de boa parte da nobreza, dende a sede da Corte, en Ourense, encamiñou os seus esforzos a marcar diferenzas co resto dos pobos peninsulares, a desvencellarse e a afastarse do poder visigodo reforzando o tesouro real. Esforzos que quedaron en nada, seguramente pola actitude tiránica do noso protagonista e logo das peticións de axuda de Eborico, sen esquecer o apetecible que resultaban as súas riquezas para o entón todopoderoso Leovigildo, co que a hoste de Andeca se enfrontou e sucumbiu despois dun erro militar amplamente narrado na época. O godo enganou o suevo cando este último o esperaba na “parte galega” do río Douro. O que fixo Leovigildo foi cruzar o río por unha zona situada máis arriba, sorprendendo así o campamento de Andeca.

As poucas referencias escritas a Andeca descríbeno como un poderoso “magnate” do seu tempo que exerceu o poder con tiranía e despotismo, o que deu xustificación a Leovigildo para iniciar unha campaña militar contra el, en defensa dos dereitos de Eborico. Tras prender a Andeca, fixoo tonsurar e ordenar presbítero para, deseguido, desterralo ós confíns do reino. No canto de restaurar a Eborico no poder, Leovigildo apoderouse do tesouro real, acrecentado polo acumulado por Andeca. A Gallaecia incorporábase así ó reino godo.

A historia volve mesturarse coa lenda: a Península está unificada baixo o mando dos visigodos, dos que un dos principais reis sería Wamba, ó que tamén a historia –lenda duns poucos– sitúa como natural de Castro de Dozón (son lexión pola contra os que outorgan esa honra a outras vilas, dende Ronda a Burgos, pasando por terras portuguesas) ou Égica, sobriño de Wamba. Estudosos da Heráldica sitúan a Égica como orixinario ou, cando menos, herdeiro destas terras, nas que sería o fundador da estirpe do señorío e posterior condado de Deza, a principios da centuria do 700. Witiza, o seu fillo, gobernou as terras de Gallaecia dende a sede real de Tui, para logo herdar o reinado.

Moito antes da chegada do milenio, a Historia, con maiúsculas, verá escrito o apelido ou o toponímico de Deza cando os sucesivos señores deixen unha pegada ben documentada como condes ou señores; así o fixeron Afonso e Gonzalo Betote, condes de Deza. Co tempo serán sucedidos polas estirpes dos Arias, dos Pérez e dos Suárez, señores de Deza... cuxas riquezas e herdanzas acabarán en mans dos condes de Lemos séculos despois.

Deixa constancia do poderío destas sagas Eduardo Pardo de Guevara en 2006, na Revista da Asociación Cultural de Estudos Históricos Nalgures, ó lembrar que “sobresalió la figura del arzobispo don Pedro Suárez de Deza, que gobernó la archidiócesis compostelana entre los años 1172 [?] y 1206. No es posible reconstruir la sucesión y trayectoria de este grupo familiar, salvo algunas noticias aisladas o sin contexto suficiente. En el Livro do Deão se consigna, por ejemplo, el matrimonio Alfonso Suárez de Valladares, hermano de Pedro Suárez o Sarraça, con doña Teresa Anes de Deza –o de Sas, como escribe J. A. de Sotto Maior Pizarro–, quedando de ellos un Fernando Alonso de Deza, que no dejó sucesión, y doña Mayor Alfonso de Deza, que casó a su vez con Gómez Enríquez de Provaos. A comienzos del siglo XIV sobresalió un nieto de estos últimos: el famoso Alonso Suárez el Churruchao, que fue mayordomo del infante don Felipe y adelantado mayor de Galicia; su oposición al arzobispo Fr. Berenguel culminó con su propio asesinato en el castillo de la Rocha, inmediato a Santiago”.

Tamén algunhas historias nos teñen atribuído “insignes” co mesmo apelido, cuxo topónimo ben podería proceder das terras sorianas do actual Ayuntamiento de Deza, terras vencelladas ós duques de Medinaceli e a ilustres sagas de homes de Igrexa.

E de volta ó noso Xan de Deza. Así, entre a historia e a lenda, foise creando unha figura, probablemente tan irreal como a dos poemas de Curros Enríquez, o Ciprianillo:

Xan de Deza, bon labrego,
que deixaches tanta sona
nas Castillas,
onde, manso boi galego,
fuche a gala, a flor e a tona
das cuadrillas.

P.D.: Moitos Xan de Deza para un Xan de Deza só!


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

Don Ramón, de Donramiro ó ceo pasando polas estrelas


Os estudos eclesiásticos teñen sido, para unha gran parte dos ilustres cidadáns que nos deixa a historia, unha porta aberta ó coñecemento e até ó espertar de vocacións científicas e investigadoras. Cúmprese este principio en boa parte dos nosos Fillos Ilustres, aínda que por distintas circunstancias. Nalgún caso, a Igrexa foi a vía de escape que lles permitiu a moitas persoas sen recursos acadar os niveis máis altos de formación. Non parece ter sido este o caso de Ramón Aller. A súa pertenza a unha familia patricia, ben acomodada, que mantivo certa oposición ó seu ingreso na vida sacerdotal, sitúao nunha órbita ben achegada ó vocacional, aínda que esta vocación relixiosa espertara co tempo e co tempo quedara relegada (que non afastada) a un segundo plano ante o empurrón dos seus intereses científicos.

Home humilde, modesto e adicado ós demais son cualidades reiteradamente recoñecidas a Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878 - † Lalín, 1966). Bautízano o 4 de febreiro (nacera ás 00:30 horas do día 3) en Santa María de Donramiro. O nome, o do padriño, e os apelidos contan cunha longa historia: o Aller vén das terras das Mariñas coruñesas e o Ulloa, da mesma parroquia de Donramiro. No pazo de Filgueiroa viña de nacer un humilde de casa nobre. Até as anécdotas reforzan esa imaxe: na acta correspondente, testemuñan o seu nacemento dous humildes labregos, José Lalín e Ventura Portas. No pazo, as xentes e a súa nai falaban galego e o galego foi a lingua da casa, das ensinanzas e dos agarimos da infancia.

Ós sete anos vai vivir e estudar a Lalín e con once marcha interno á Guarda para cursar bacharelato cos xesuítas, que espertan a súa tripla faciana: relixiosa, matemática e astronómica. Aquí coñece ó padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, xa sementara nel o inzo científico, que cultivou con numerosos traballos sobre meteoroloxía e botánica. Nesta época revélase ademais como excelente pintor e mellor debuxante, algo que lle será de gran proveito no futuro, cando comece a deseñar aparellos de observación.

Dende 1894, nos seminarios de Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual. Con só vinte anos, razón pola que se fai precisa unha dispensa, logo do acurtamento do período formativo, xa é licenciado e doutor en Sagrada Teoloxía. Durante a súa estadía no seminario, a súa avoa Camila xa lle regalara un anteollo de 67 milímetros. Matricúlase, por libre, en Oviedo para estudar Ciencias Exactas e, ó ano seguinte, traslada a matrícula a Madrid, onde remata a carreira en 1904. Non consegue o título até 1916, pois no camiño crúzaselle un exame sobre Astronomía que suspende logo de ter a ousadía de levarlle a contra ó catedrático con puntos de vista distintos.

O teodólito Troughton & Simms súmase ó anteollo e a outros complementos de observación, e con eles volve á casa familiar, onde sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá lugar á súa primeira publicación froito das observacións do cometa Johannesburgo en 1911. Por esas datas xa tiña feito numerosos seguimentos e anotacións de relevancia: o tránsito de Mercurio perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos de estrelas... Son anos nos que se traslada periodicamente a Castro Urdiales (de 1911 a 1920) para facer uso dos excepcionais instrumentos con que estaba dotado o observatorio desa vila. Desa época é a formulación dun novo método para os rexistros do paso de estrelas, empregando a referencia de dúas verticais perpendiculares. Confírmase ó mesmo tempo como un matemático de primeiro nivel. Como tal, publicou importantes traballos, como Algorítmia, principios fundamentales de la ciencia de los números (1918) ou o texto completo de Astronomía.

Froito das súas visitas a Castro Urdiales, toma a decisión de poñer en marcha na súa vila natal un observatorio astronómico. Madeira e cravos son todo o material que precisa para construír, en 1917, no xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os seus equipos de observación, ós que tiña sumado o telescopio alemán de 120 milímetros, o ecuatorial Steinheil, que el mesmo mellorou, e dende alí desenvolve ducias de traballos sobre astronomía e matemáticas, publicados nas revistas máis reputadas do momento. É o caso da Revista de la Sociedad Astronómica de España e América, Ibérica, a Revista Matemática Hispanoamericana, a alemá Astronomische Nachrichten, a francesa L'Astronomie... Deseña prototipos e revela unha alta capacidade para a construción de aparellos para a observación e o estudo.

Os seus parentes están detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas e repetidas axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así o refractor Steinheil de 120 milímetros, que "xubila" ó de 108 milímetros, e a modificación do observatorio, ó que se lle engade unha cúpula. Son os anos dos grandes descubrimentos e das medidas de estrelas dobres (de todas as especialidades, foi na que máis salientou), o exame de superficies planetarias e as observacións ocasionais froito de horas que botou sentado diante dos aparellos: eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros, auroras e cometas. En 1933 describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas do 9 de outubro, que publica en Las Ciencias en 1934, e na mesma época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio Astronómico de Lalín". Algúns contemporáneos referían en Lalín unha fábrica de equipos astronómicos de alto nivel, industria que na realidade se limitaba ó noso crego, ós seus planos e a un par de colaboradores capaces de converter en metal un debuxo nun papel seguindo escrupulosamente as meticulosas directrices do deseñador astronómico lalinense. Observa sistematicamente planetas e deixa constancia permanente das horas de traballo en publicacións e anotacións, estas últimas en forma de cadernos que se conservan no instituto que leva o seu nome na capital de Deza.

Nos dez anos anteriores ó inicio da ditadura de Francisco Franco, a casa lalinense de Aller Ulloa viu desfilar ilustres galeguistas e estudosos, colaboradores coma el do Seminario de Estudos Galegos: Risco, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo e outros contemporáneos que foron iniciados na observación. O noso lalinense pertencía ó Seminario dende novembro de 1928, cando foi admitido cun traballo sobre o matemático Rodríguez, e destacou pola súa proximidade ós galeguistas e ó pensamento da época.
Ó remate da Guerra Civil incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago da man dun discípulo seu, Vidal Abascal. Faino como mestre de Xeometría Analítica e Análise Matemática e tres anos despois inaugúrase o observatorio do campus, ó que se trasladou o refractor, o teodólito e boa parte da súa biblioteca dende Lalín. Doutórase en 1943, con 65 anos, e ese mesmo ano funda o actual observatorio astronómico da USC, que leva o seu nome. Un ano despois créase a cátedra de Astronomía, da que se encargaría o noso protagonista. O Centro Superior de Investigaciones Científicas implicouse con Ramón Aller e o novo observatorio, financiando obras, equipos e, á fin, publicando en 1944 Introducción a la Astronomía. Non chegou a obter das autoridades o cobizado refractor de máis de 30 centímetros de apertura que tantas veces reclamou por consideralo imprescindible.

Nesa época, Aller e dous discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal, agora xa mestres, sentaron as bases para a creación da Facultade de Matemáticas na Universidade de Santiago, na que os tres serían os seus primeiros mestres. Foi a relación con Enrique Vidal Abascal tan estreita, amistosa e de mutua admiración que á teima do alumno se lle atribúe a maior parte do mérito do desembarco de Aller como mestre en Compostela e da creación do observatorio. O propio astronómo contaba as xestións: "En la misma época de mis comienzos como Profesor era Director del Instituto de Pontevedra D. Enrique Vidal Abascal quien comenzó a remover de nuevo la cuestión de dar carácter oficial al Observatorio de Lalín, para lo cual se dirigió a las Diputaciones de Galicia, animando a la de Pontevedra para tomar la iniciativa. Vino a Santiago a tratar el asunto y entonces el Rector D. Carlos Ruíz del Castillo resolvió prescindir de toda clase de rodeos. En cuanto dispuso de los datos necesarios, pidiéndomelos directamente y por medio de D. Luis Iglesias, apuró al arquitecto D. Jenaro de Lafuente, que dirige las obras de la Residencia, para que concluyese los planos del pabellón destinado a Observatorio, y, poco antes de dejar la Universidad Compostelana para trasladarse a Madrid, venciendo no pocas dificultades, todo quedaba concluido para la aprobación ministerial".

Na súa biografía pública e publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das tarefas desenvolvidas en relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos sacerdotais manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos relixiosos nin percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera desenvolver. No seu haber están 75 publicacións técnicas, 4 libros (Algoritmia, Introducción a la Astronomía e Astronomía a Simple Vista foron varias veces editados), 5 teses dirixidas... e, como non, as 4 estrelas dobres, que levan o seu nome, descubertas por el e debidamente documentadas e publicadas. Foi o introdutor e pioneiro en España desta especialidade da observación astronómica.

Mediados os sesenta, fraquea a súa saúde e Aller regresa a Lalín, onde falece un 28 de marzo de 1966. Repousa no adro da igrexa de Donramiro, a súa parroquia natal, baixo unha sinxela lápida na mesma terra que de neno pisaba indo para a misa. A súa herdanza profesional (libros e instrumental) pasan á propiedade da Universidade e en 1983 o observatorio universitario é bautizado co seu nome.

Conta cunha longa lista de honores e nomeamentos, entre os que destacan a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, a Medalla de Ouro de Compostela, o título de Fillo Adoptivo de Santiago, o de Coengo de Honra da Igrexa Catedral de Compostela e, por suposto, o de Fillo Predilecto de Lalín, vila que o 4 de setembro de 1960 lle tributa unha cálida homenaxe. Del teñen escrito ducias de autores; sen dúbida, quen con maior paixón e coñecemento o fixeron foron os seus discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal, e máis recentemente o profesor Docobo Durántez, responsable do observatorio universitario.

Ducias de rúas, edificios e publicacións honran o seu nome, como a rúa que ás poucas semanas do seu pasamento lle dedica a cidade da Coruña e, co tempo, moitas outras de Galicia. En 1989, Lalín inaugura o museo que leva o seu nome. Moi por riba destas, o seu coetáneo Hugh Percy Wilkins puña o nome de Ramón Aller a un cráter lunar.

Aló arriba, catro estrelas e un anaco de Lúa teñen para sempre o nome do pequeno gran home, sacerdote, científico e lalinense: Ramón María Aller Ulloa.

P.D.: O coñecemento da obra e vida de Ramón Aller é accesible na súa casa museo de Lalín e no observatorio da Universidade de Santiago. Non tan coñecido é o feito de que a biblioteca e o museo do Seminario Diocesano de Lugo son posuidores dun bo número de libros e manuscritos do noso protagonista, ademais dun dos primeiros telescopios da súa propiedade (tiven a honra de velo na miña etapa de seminarista en Lugo, e cónstame que é un dos "recordos" máis prezados pola gran familia deste emblemático e fermoso centro, casa na que se formaron centos de veciños da capital de Deza).
Lalín ten tamén unha débeda de recoñecemento cun home de sangue lalinense: o alumno e amigo de Don Ramón, Enrique Vidal Abascal, nacido en Oviedo e formado na Coruña, xa que nestas vilas foi onde o seu pai, natural de Lalín, exercía como delegado de Facenda. Pero de neno xogou moitos veráns na horta da casa familiar que lindaba co observatorio. O neno que admiraba aquel cura que ollaba para as estrelas acabou sendo o seu alumno avantaxado, amigo e até impulsor profesional.
Bo pintor, como Don Ramón, seu é o retrato máis popular que se ten feito do astrónomo e súa, a dedicatoria ós lalinenses: "A as xentes de Lalín, de donde era o meu pai, que tan outo sentido teñen da amistade. Xentes traballadoras e rexas, mais tamén sensibres, intelixentes e agarimosas. Con fonda saudade."


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

BENITO VARELA JÁCOME



O noso protagonista de hoxe é Benito Varela Jácome, un dos lalinenses ilustres menos coñecido polos seus conveciños, malia teren sido contemporáneos, até o punto de que o día do seu pasamento moitos se "enteraron pola prensa" do seu vencello coa vila, que bautizou a súa biblioteca co seu nome. Filólogo, divulgador, escritor e profesor de varios institutos e de dúas universidades, destacou polo seu traballo no eido da crítica textual. Investigador literario infatigable, a súa actividade superou o profesional para rozar a devoción. As fértiles terras de Soutolongo vírono nacer en 1919 e cando morreu, en 2010, recibiu sepultura na "súa Compostela", testemuña dos cualificativos que os seus discípulos lle outorgaron e entre os que figuran o de "persoa enorme, home humilde que exerceu a docencia con rigor e tenrura".



Coñeceu a guerra de cerca, no Ebro. Posiblemente, desta etapa fixo súa a lección da importancia de pasar pola vida con discreción, aínda que os teus actos e a súa transcendencia non o sexan. Varela Jácome estuda Filosofía e Letras en Santiago e doutórase en Madrid. A Universidade de Santiago e a Complutense foron os centros nos que recibiu a súa formación e, en orde inversa, os espazos dende os que el formaría centos de mozos. En San Sebastián obtén por oposición a cátedra de Lengua y Literatura Españolas de Institutos de Ensino Medio e é na cidade donostiarra onde publica o ensaio Novelistas del siglo XX. Principia así un periplo por varios institutos, nos que comparte os seus coñecementos cos alumnos. Faino no Instituto Masculino da Coruña e, máis tarde, no Arcebispo Xelmírez de Santiago, cidade na que comeza a colaborar coa Universidade. Nestas anda cando decide opositar, con éxito, á praza de Literatura Hispanoamericana da Complutense de Madrid, onde dirixirá o departamento varios anos, até que en 1980 é nomeado director do de Literatura Española da universidade compostelá.


Como alumno, os seus contemporáneos e algún mestre "colgáronlle" a etiqueta de exemplar. Foino, entre outros, de Torrente Ballester, con quen compartía a idea de que a literatura estaba por riba de idiomas e nomes propios, e a el unírono co tempo estreitos lazos de amizade. Como profesor de instituto foi definido por moitos como "un cacho de pan". Suso de Toro escribiría del anos máis tarde: "Aquel profesor de instituto renuente administraba as súas doses de xeito discreto e cauto entre eses adolescentes que se achegaban. Nunca se sabía, podíase abrir a porta en calquera momento e viren por un. Logo de que os discípulos partían do instituto para a vida ou para a universidade, algúns aínda roldaban polos corredores ou por aquel cuarto pequeno e cheo de libros que era o Departamento de Lingua e Literatura do centro. Ían á procura de libros ou a parolar sobre algunha lectura: acudían onda o mestre, non querían marchar de vez e voltaban á casa". Nestas mesmas páxinas do Faro adicadas ao Deza, Suso de Toro afirmaba que "non foi recoñecido" e que por iso mesmo sempre tivo "a necesidade de reivindicalo". A razón tena clara: "[...] aos adolescentes que asistimos ás súas clases nos colexios, institutos e incluso na Universidade transmitiunos unha serie de coñecementos aos que nunca poderiamos chegar doutro xeito". Del escribía, en 2006, José Luís Alvite no Faro de Vigo: "Recuerdo a don Benito Varela Jácome dictando sus clases al mismo tiempo que corregía en la mesa las cuartillas de algún brillante ensayo sobre literatura latinoamericana".

Colaborou con emisoras de radio, pronunciou centos de conferencias e escribiu moreas de artigos no xornal La Noche. Nos anos sesenta deixa un gran número de artigos nas páxinas do Faro de Vigo, algún memorable, como o dedicado ó libro de Pérez Lugín e ó edificio que lle daba nome: La Casa de la Troya (por certo, o máis veces publicado en castelán, logo da Biblia e do Quijote). Nunca unha actividade tan "visible" conseguiu facer ó seu autor tan "discreto".

Froito do seu labor docente e investigador en literatura hispanoamericana, escribiu artigos, ensaios e libros, moitos deles considerados fundamentais para o estudo por mestres e catedráticos que hoxe imparten análoga especialidade. Investigou e analizou todos os xéneros: sobre o teatro de Juan Ruiz de Alarcón, sobre a poesía de Gertrudis Gómez de Avellaneda, acerca da obra de Jorge Isaacs, do Aves sin nido de Clorinda Matto de Turner ou do recoñecido José Martí. Obras monográficas de obrigada referencia son: El cuento hispanoamericano contemporáneo (1976), Estructuras novelísticas de Lezama Lima (1977), Estructuras profundas en Pedro Páramo (1980), Evolución de la novela hispanoamericana en el siglo XIX (1982), Función de los modelos culturales en la novelística de Sábato (1983) e Tensiones españolas en la "Consagración de la primavera" (1986).

Publicou ademais ducias de traballos sobre obras de consagrados autores, como Julio Cortázar, Huidobro, Vallejo ou García Márquez, e non esqueceu Varela Jácome prestar unha ampla atención á literatura galega, con estudos, publicacións e edicións sobre obras e autores da importancia de Rosalía de Castro, Castelao e Álvaro Cunqueiro, ou á española, centrándose, entre outros, en Espronceda, Larra, Clarín, Galdós, Valera, Valle-Inclán ou Pío Baroja.

A crítica, a didáctica e a teoría literaria formaron parte do seu traballo investigador e divulgador: Nuevas técnicas del análisis de textos (1981), Análisis estructural de novela, poesía y teatro (1985) e Estructuras novelísticas del siglo XIX (1973) son bos exemplos diso.

Do seu traballo, a profesora da Universidade de Sevilla Trinidad Barrera dicía non hai moito que era "modélico en muchos sentidos". E apuntaba: "Las líneas de preocupación de Benito Varela Jácome han sido muchas, formado en la Literatura Española, con un conocimiento de la misma sólido y crítico al mismo tiempo, supo mirar a la Literatura Hispanoamericana sin complejos, sin considerarla una hija bastarda de la española –visión que lamentablemente aún persiste en algunos sectores del mundo académico español– y dado que lo hizo desde fecha muy temprana, me estoy refiriendo a los años de formación de algunos de los que estamos aquí presentes, la mítica década de los setenta, el influjo que tuvo su labor sobre nosotros es un hecho objetivo".

Foi tamén colaborador habitual do Centro Superior de Investigacións Científicas e do prestixioso Instituto Padre Sarmiento, membro de numerosas institucións académicas e culturais, e presidente honorario da Asociación Española de Estudios Literarios Hispanoamericanos dende a súa fundación, en 1992. Logo da xubilación, por razóns de idade, dedicoulles os seus últimos anos profesionais á investigación e á escritura.

Posuidor, en vida, dunha impresionante biblioteca sobre novelística hispanoamericana, ensaios, edicións críticas... esta foille cedida á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes da Universidade de Alacante, para a súa dixitalización, difusión e conservación. Disque foi un escritor de ficción e novela histórica "frustrado", unha frustración libremente imposta: moito do escrito foille lido ós seus alumnos, pero até aquí quixo que chegara o seu público, dato que afonda nesa imaxe de galego "que nunca se mostraba completamente".

Morre ós 91 anos de idade, un 22 de outubro de 2010, deixando viúva a María del Carmen Tobío Fondevila. Tivo catro fillos que o fixeron avó. Centos de persoas, maioritariamente homes e mulleres nos que deixou unha fonda pegada como mestre, despedírono no cemiterio de Boisaca.

P.D.: Lalín é terra de ilustres intelectuais. Gran parte deles chegaron a coñecer o novo século, case todos tiveron a Compostela como meta de peregrinación intelectual e vital, e contribuíron, ségueno a facer, a unha Galicia mellor. Como reza o pouco empregado himno de Lalín, "terra de bos e xenerosos".


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal