jueves, 12 de julio de 2012

JOAQUÍN LORIGA TABOADA (II)


Tenente de Artillería con 22 anos e piloto de aeroplanos con 26, con ampla experiencia en combate, antes de cumprir os 30, Loriga conseguiu ser xefe de escuadrilla, titulado na École Supérieure d'Aeronautique de París, piloto de probas do autoxiro C-6, de Juan de la Cierva, e, ós 31 anos de que o viran nacer as verdes terras de Lalín, integrante do raid Madrid–Manila. E cando un vive tan á présa, a morte temperá (ás portas dos 32 anos) non pode facer outra cousa que acrecentar a súa lenda e inserir con letras de ouro na historia da aviación e na da súa terra natal o seu nome: Joaquín Loriga Taboada.

O voo Madrid–Manila e os seus vencellos con Lalín son as dúas caras máis coñecidas dun dos máis importantes aviadores da historia. Ámbalas dúas están unidas a dous aparellos que lle deron moitas horas de ledicia a Loriga. Un deles foi o que o levou a Manila, o avión Breguet XIX, un biplano de 450 CV, de dúas prazas, con capacidade para 900 litros de combustible, 1.500 km de autonomía e capacidade para 220 quilos de carga engadida. Este aparello, de orixe francesa e perfecto para bombardeo lixeiro e recoñecemento, voou por primeira vez en 1920 e del fabricariase anos despois un modelo chamado Breguet XIX Loriga, de 650 CV.

O outro aparello foi o Avro 504 K, que serviu de base para o autoxiro C-6 que el pilotaba. Con este mesmo aparato co que fixera o raid Madrid–Manila vai facer outro moi recordado polos galegos e, en particular, polos lalinenses, o que o trouxo a Galicia para recibir homenaxes e honores, nomeadamente en Lalín e Vigo. Unha particular viaxe de ida e volta a Madrid de case dúas semanas, con escalas en Burgos, León, A Rúa de Petín, Lalín, Santiago, A Coruña, Pontevedra, Panxón...

VOO MADRID–MANILA

Aínda que se viña preparado dende outubro de 1924, o 5 de abril de 1926 tres Breguet XIX equipados cos novos motores Lorraine de 450 CV despegan de Cuatro Vientos con destino ás illas Filipinas. Ó mando, os capitáns Gallarza, Loriga e Esteve e os sarxentos mecánicos Calvo, Pérez e Arozamena, con aparatos bautizados cos nomes de Fernando de Magallanes, López de Legazpi e Sebastián Elcano. Viña de nacer a Patrulla de Raid Elcano.


Todo vai ben até O Cairo. Na etapa, o avión de Martínez Esteve sofre unha avaría e aterra no deserto, onde o piloto permanecerá cinco angustiosos días antes de ser descuberto e salvado por un avión da RAF que, ó día seguinte, rescataría tamén o seu mecánico.

Loriga e Gallarza continuaron o voo e o 24 de abril chegaban ó aeródromo de Bien Hoa, a 25 quilómetros de Saigón. O curto treito Saigon-Vink-Hanoi-Macao, de só 2.100 quilómetros, foi o más complicado tanto para a mecánica como para os expedicionarios, principalmente cando padeceron as avarías producidas por unha nube de mosquitos. Outros incidentes retrasaron logo a partida, resultando significativo o do 1 de maio, no traxecto Hanoi-Macao; Loriga viuse obrigado a tomar terra en Tien Pack, na costa meridional da China, onde o seu avión quedou avariado. O lalinense explicouno, meses máis tarde, con estas palabras: “De haber encontrado a mano un suelo despejado para el descenso, a buen seguro que no hubiese alcanzado carácter de irremediable el accidente, puesto que consistía en una simple fuga de agua... Mas en aviación, como en otros aspectos de la vida, de pequeñas causas suelen nacer grandes catástrofes”, en alusión a que á fin o motor agarrotouse e quedou inservible. A reparación non foi posible dado que se achegaba a estación monzónica, coas súas choivas torrenciais, e facíase preciso continuar axiña e non esperar a chegada do motor de reposto. Tras rescatalos un barco portugués, Loriga reúnese con Gallarza e, xuntos, deciden seguir a Filipinas nun só aparello que ocuparon deixando os respectivos mecánicos en terra.

Ámbolos dous capitáns voaron o día 11 dende Macao a Aparri, ó norte da illa de Luzón e, dende alí, continuaron a Manila, onde aterraron o día 13, recibidos por unha multitude que os aclamaba. A aventura culminara. Realizaran o raid en 18 etapas correspondentes a 16 xornadas de voo, levoulles 39 días, cubrírono en 106 horas e 15 minutos efectivas de voo, facendo un total de 17.000 quilómetros.

LORIGA E LALÍN

Loriga Taboada veu ó mundo un 23 de setembro de 1895 no pazo de Liñares, na parroquia de San Martiño de Prado, no seo dunha familia influínte; o seu pai, Eliseo Loriga Parra, terceiro conde do Grove (o título foi herdado da súa irmá, que non tivo descendentes; de non ter morto, sería herdado polo noso protagonista, pero o destino fixo que o herdara a súa irmá Araceli, coa que rematou a liñaxe ó non ter descendentes directos). O seu pai chegou a xeneral de Artillería e desenvolveu os cargos de Mayordomo de Semana de Alfonso XIII e preceptor do Príncipe de Asturias, ademais de ser valedor da carreira que anos máis tarde emprendería o seu fillo no exército. A súa nai, Esperanza Taboada Bugallo, era descendente da liñaxe dos Taboada, do pazo de Liñares.

A súa formación infantil tivo ás casas familiares do condado do Grove, en Cambados, e de Liñares, como principais centros. Só tiña 17 anos cando ingresa na Academia de Artillería de Segovia.

Volverá á pequena vila de Lalín, que ía crecendo á sombra de Lalín de Arriba e Donramiro, a recibir unha multitudinaria homenaxe xa internacionalmente laureado e aplaudido nas tres facetas que marcaron a súa vida: o autoxiro, o voo Madrid–Manila e o conflito bélico do norte de África. Invitado polos “poderes” locais da época, o 23 de xuño de 1927 chegaba, non podía ser doutro xeito, ós mandos dun avión Avro 504, co que aterrou no Monte do Toxo. Logo de dar algunha volta sobre estas terras, foi recibido por centos de veciños que o acompañarían até a vila e entre os que se atopaba o seu pai, o aínda coronel e preceptor da S.A.R. o Príncipe de Asturias. Inaugurouse unha rúa co seu nome, celebrouse misa, percorréronse as rúas engalanadas... A instancias das autoridades abriuse unha subscrición popular para lle regalar un avión, fondos que o destino faría que fosen para a súa homenaxe póstuma: erguer a estatua de Loriga.

Logo visitaría Santiago, A Coruña, Pontevedra, Panxón e Vigo, onde unha rúa levaría o seu nome e se achegaría até o xa consolidado xornal Faro de Vigo. En todos os lugares repetíronse recepcións, homenaxes, desfiles e, por suposto, voos acrobáticos do aparello de Loriga para deleite de milleiros de galegos. Case dúas semanas despois da súa aterraxe en Lalín retorna a Madrid para retomar as súas tarefas militares e atopa a morte o día 18 de xullo, logo de entrar en perda o avión Albert do aviador Magnard, quen lle permitira probar a “moderna” máquina.

O cadáver foi levado ó Hospital Militar, en Carabanchel, a onde acudiron as principais autoridades civís, militares e, claro está, os seus pais e a súa esposa, con quen casara sen o coñecemento familiar. Despois dos trámites de rigor e da xornada de instalación da capela ardente, Joaquín Loriga foi trasladado polos seus familiares a Galicia en tren para recibir sepultura en Losón, mentres voaban avións por riba da comitiva fúnebre en homenaxe ó insigne piloto. Perdida a vinculación familiar coas terras de Prado, anos despois trasladouse o seu corpo a Madrid.

Lalín rendeulle unha derradeira grande homenaxe o 27 de agosto de 1933 coa inauguración dunha escultura, obra de Francisco Asorey.

En 1927 ascendeu a comandante por méritos de guerra contraídos no período das accións de 1924-1925 e publicou, en colaboración con Gallarza, o libro El vuelo Madrid–Manila. Recibiu a Medalla Militar e a Cruz Laureada de San Fernando, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santo Tomás e fillo adoptivo da cidade de Manila, Medalla de Ouro de Ultramar, Medalla da Liga Internacional de Aviadores e, como non, fillo ilustre da súa vila natal.

P.D.: Un agradecemento especial ó coronel do Exército do Aire don Emilio Herrera Alonso, a nosa máis fiable fonte de información, quen co seu perfil de Loriga en Cien aviadores de España, contribúe a poñer en valor non só o lado “aventureiro” dun piloto de raids. Tamén, ó xeneral de Brigada Carlos Pérez de Uríbarri, director do Instituto de Historia y Cultura Aeronáuticas e, por suposto, ó Arquivo Histórico do Exército do Aire por esas imaxes que custodia e puxo amablemente á nosa disposición. José Warleta e a Revista de Historia Aeronáutica axudáronnos a calibrar a importancia de Loriga para o éxito do autoxiro.

Todos eles, servidores públicos, “namorados do aire” que traen recordos a este “xunta palabras” do himno que durante un tempo tiven ocasión de cantar acotío: “Alcemos el vuelo sobre el alto cielo, lejos de la tierra la esperanza nos lleva detrás. El aire en la guerra comienza a ser paz.”


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario