jueves, 12 de julio de 2012

Unha fundación para Alfonso Sucasas


O pasado 10 de xuño publicabamos nestas mesmas páxinas a primeira parte deste Fillos Ilustres dedicado a Laxeiro e Sucasas. Aínda que inconscientemente, presumíase entón a proximidade dun fatal desenlace ao reflectir a súa situación actual coa frase "de saúde delicada a estas alturas". Apenas dúas semanas despois coñeciamos a nova do seu pasamento, con 72 anos, na súa casa de Vila de Cruces. Alfonso Sucasas Guerra (Goiás / Lalín, 1940 – Ferreirós / Vila de Cruces, 2012) deixa muller, moitos amigos, máis admiradores da súa obra e, disque, dúas ducias de traballos "inacabados".

"Os cadros están aí para que falen e punto". Estas palabras son súas e definen moi ben o seu pensamento. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante unha breve tempada, en Madrid, con dezaoito anos emigra a Venezuela. Para aló marcha decepcionado tras suspender o exame de acceso a Belas Artes pero coa intención firme de formarse artisticamente. Virá despois unha segunda etapa marcada pola súa viaxe ó Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en plenitude. En terras brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa como publicista e decorador, até que regresa a Galicia en 1968, xa cunha pequena e esperanzadora colección realizada. Dende entón, Santiago, Vigo e Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. O retorno a Galicia "resucita" as estampas de labregos, actividades agrarias, feiras, festas, paisaxes rurais... que durante a súa etapa americana gardou na memoria. Crea obras influído, máis que por outros pintores, pola situación social e política de cada momento.

Ó contrario de moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case que á marxe dos círculos culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que non se poida falar del coma un "pintor de etapas" segundo as influencias externas. Crea "libre", coa figuración como referente, "clásico"... Nos oitenta é xa un pintor "de éxito". A principios deste 2012, e sobre esta cuestión, afirmaba: "A miña vinculación co mundo cultural durante os últimos anos ten sido nada de nada de nada. Convertinme nese aspecto nun franciscano que foxe do mundo para poder pintar o que a min me dá a gana. Non quero influenzas de fóra".

O profesor de Historia da Arte Xerardo Fentanes, lalinense e amigo persoal de Sucasas, defíneo coma "un home apaixonado da vida", que "pintou co corazón o que levaba dentro, fóra de movementos e de diñeiro", e "a súa obra reflícteo". O folleto dunha recente exposición de obras súas dicía ao respecto dun dos seus cadros (Campesinas): "Sucasas, al igual que otros muchos pintores de fuerte arraigo a su tierra, encuentra en la realidad que lo rodea una fuente inagotable de inspiración. Su manera de interpretar la vida se traduce en las pinturas que buscan la memoria de la identidad, el sentido primitivista del mundo popular, los campesinos, las rotundas mujeres gallegas. La resolución, en estas tres campesinas, de unas formas subjetivadas e idealizadas, no implica la pérdida de la verdad que encierran. Las figuras conjugan rudeza e ingenuidad. Los colores se aplican espontáneamente. El carácter volumétrico de las figuras se refuerza con las gruesas u directas líneas de contornos, evidenciando un expresionismo de apariencia templada y esquemática". Probablemente, só probablemente, é unha descrición aplicable a moitas das súas obras e até a parte da súa vida artística.

Sucasas dicía ser pintor "dende neno". Retratos, espidos e escenas costumistas suman a maior parte da súa produción pictórica. A súa última exposición tivo lugar en Vigo a principios de ano. As protagonistas eran 35 pezas que conformaban unha retrospectiva na que se puideron ver mesmo traballos realizados durante a súa estadía americana, onde experimentou co abstracto que, co tempo, quedaría só para presumirse no interior das figuras que pintaba.

Obras súas colgan hoxe nas paredes das máis importantes salas de exposicións, pero tamén en moitas casas e empresas, do mesmo xeito ca nas principais institucións galegas, como o Parlamento de Galicia, onde se poden admirar Antroido 1 e 2, e Follas.

Pasou os últimos anos da súa vida na compaña da súa esposa María Espinosa Borrego, na vivenda familiar e casa de turismo rural de Ferreirós, en Vila de Cruces, e os últimos meses levando con suprema elegancia e discreción a enfermidade que acabou coa súa vida. O ilustre pintor lalinense foi despedido por centos de veciños primeiro na capela ardente instalada no Museo Municipal Ramón María Aller e despois, no funeral. Pola súa banda, o Goberno municipal expresou a súa dó declarando dous días de loito oficial.

P.D.: A creación dunha fundación que conserve, divulgue e manteña o seu legado é agora algo máis ca unha posibilidade, é unha obriga. Este era o desexo de Alfonso Sucasas. Será o mellor recoñecemento á figura deste ilustre lalinense.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario