jueves, 12 de julio de 2012

Xosé Cuiña Crespo


Concelleiro, alcalde, deputado provincial e autonómico, presidente de Deputación, conselleiro e empresario: Xosé Cuiña Crespo (Prado, 25 de febreiro de 1950). Dificilmente podería o autor delimitar onde acaba a persoa e comeza a personaxe. Xosé Cuiña é o principal protagonista, e seguramente impulsor, do período de maior desenvolvemento socioeconómico experimentado polo Concello de Lalín na súa historia. Deu pulo a numerosas infraestruturas sen caer en proxectos megalómanos, ós que tan dados son algúns políticos.

"O fillo do muiñeiro" foi o seu slogan persoal, unha sorte de marca que soubo acuñar e aproveitar en beneficio propio e do seu modelo para o país: a articulación dun movemento social e político cunha clara orientación galeguista, na que o motor eran as pequenas e medianas vilas galegas. Fronte a esa filosofía, e iso marcaría parte da súa carreira política, estivo o cada vez maior e máis poderoso sector "urbanita", no que funcionarios, mestres universitarios e profesionais liberais eran maioría. Ós primeiros, representados por Cuiña (tamén por Baltar, Cacharro...), e ós segundos, habilmente "xestionados" onte e hoxe por José Manuel Romay e o seu avantaxado alumno político Mariano Rajoy, recoñécenselles como "os da boina e o birrete", unha frase simbólica na que quedan recollidas as dúas sensibilidades.

A súa traxectoria empresarial está vinculada á empresa Inasus, orixe do que, co tempo, se converteu en grupo empresarial familiar. Os seus intereses empresariais estiveron intimamente ligados ós conflitos políticos dos que foi protagonista e á súa "caída en desgraza" e dimisión do Goberno de Manuel Fraga, logo dunhas compras de material feitas pola Xunta a unha empresa a el vencellada para traballos de loita contra a vertedura do Prestige. Unha adquisición que tivera que ver máis coa urxencia e necesidade de dispoñer do material, pois non mediara beneficio ningún, nin sequera simbólico, como demostrou unha comisión de investigación parlamentaria… Pero a ocasión foi planificada e executada "en clave de sucesión" dende dentro do propio partido, forzando unha dimisión que tivo máis de desgaste que doutra cousa e desenmascarando un bo número de "membros da boina" que mudaron de bando e situaron á fin a Núñez Feijóo na sucesión política, primeiro,  e logo institucional de Manuel Fraga en Galicia.

Xosé Cuiña nace no seo dunha modesta familia un 25 de febreiro de 1950. Fórmase nos institutos de Lalín e Vilagarcía de Arousa e cursa Bioloxía até cuarto, con algunhas materias pendentes de anos anteriores. Cazador, xa de novo preside a Sociedade de Caza de Lalín, o seu primeiro trampolín político. Casa con María do Carme Aparicio, con quen ten dous fillos, Rafael e María. Incorporado por Luís González Taboada, Licho, á corporación municipal; dende 1973 é concelleiro polo "tercio familiar" (durante a ditadura, este grupo de concelleiros constituíase por elección entre os veciños cabeza de familia, xunto co tercio sindical e os propostos polo gobernador civil, abrindo as portas a persoas non vinculadas ó réxime franquista) e seis anos máis tarde preséntase á alcaldía como independente nas primeiras eleccións democráticas, en abril de 1979.

O 14 de agosto de 1987, logo das municipais, substitúe a Fernando García del Valle na Deputación de Pontevedra como presidente, cargo que deixará xunto coa alcaldía de Lalín o 3 de febreiro de 1990, trala vitoria do Partido Popular nas eleccións autonómicas. Faino para asumir a carteira de Obras Públicas, con Manuel Fraga como presidente.

Como alcalde de Lalín artellou unha vila que fora medrando desordeadamente arredor do cruzamento das estradas Vigo-Lugo e Ourense-Santiago, abrindo novas rúas que permitiron a construción de centos de novos edificios e impulsando así o seu crecemento urbano. Neste tempo creáronse numerosas infraestruturas de servizos sociais, lúdicos e deportivos. Lalín tomou forza como centro de produción téxtil e de produtos para o agro e a gandaría, o que motivou a creación de postos de traballo que a transformaron no eixo de servizos da zona centro de Galicia. Foi a época das obras útiles e prácticas.
Como presidente da Deputación de Pontevedra  destacou polo seu esforzo descentralizador, tanto nas decisións como nas inversións. Coma el mesmo subliñou no seu día, era "o primeiro presidente en 150 anos de historia da institución, non residente nas cidades (Vigo ou Pontevedra)". Acadou un alto grao de popularidade no seu contorno político por esa visión do territorio e as súas necesidades, axudado dunha razoable situación económica que permitiu milleiros de "pequenas obras" e o crecemento doutras tantas aldeas, barrios ou vilas da provincia. Non esquecer a cultura e a importancia das actividades agro-gandeiras e as súas necesidades foi outro dos seus acertos.

O seu labor institucional e a súa habilidade persoal facilítanlle "penetrar" no tecido social e político de cada vila e tecer lazos de amizade, principalmente coas provincias de Lugo e Ourense, que o situarán nun plano de relevancia cando se articula a operación retorno de Fraga a Galicia como candidato á Xunta, na que Romay Becaría actuaría de principal cicerone, pero na que Cuiña xogaría un papel fundamental en aspectos relacionados coa mobilización popular e co financiamento da campaña.
Como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (dende o 6 de febreiro de 1990 ó 18 de xaneiro de 2003), deulles pulo ás entón coñecidas como vías rápidas, ás varias autovías e autoestradas e á creación dunha ampla rede de parques empresariais (entre eles o de Lalín). Puxo en marcha o proxecto da autovía central Santiago-Lalín-Ourense e mantivo unha permanente actitude reivindicativa ante o Goberno central en asuntos como os portos, o AVE e as autovías de conexión co resto da Península.

Puxo en marcha a Lei de ordenación do territorio de Galicia e a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural. En materia de vivenda experimentouse un desenvolvemento exponencial co arranque de programas de fomento da rehabilitación e da construción de vivenda protexida, que arredaron a centos de galegos da infravivenda e do chabolismo. Dimite o 13 de xaneiro de 2003, logo de filtrarse dende "entornos cercanos" ó PPdeG a compra por parte da Xunta de material para traballos de limpeza da vertedura do Prestige a unha empresa a el vinculada.

Paralelamente ó desempeño das súas función institucionais, foi crecendo o seu poder político. Durante a década dos 90 foi o secretario xeral do Partido Popular de Galicia e, dende a chegada ó poder de Manuel Fraga até o seu pasamento, parlamentario galego. No plano estritamente político foi acentuando o seu perfil galeguista, con amplas coincidencias con Manuel Fraga pero distanciado dos "valores emerxentes" do partido, como Núñez Feijóo. Desta etapa é o outro "título" que lle foi atribuído e do que non se molestaba en fuxir: "delfín", que refería a súa posición privilexiada na sucesión de Manuel Fraga, con quen "cociñou" conceptos como os de autoidentificación ou administración única, como fórmula para contrarrestar o de autodeterminación, defendido polos nacionalistas.

No congreso de 2005 non foi quen de se facer cos apoios precisos para o seu nomeamento como sucesor de Manuel Fraga na candidatura á Xunta polo PPdeG, e retirouse da primeira liña política, agás no seu papel como deputado. Non foi, a pesares de que moitos o quixeron presentar así, o cuarto "fillo devorado polo Deus Fraga", despois de Verstrynge, Mancha e Barreiro. Pola contra, foi leal a un home cando este lle pediu que deixara os seus cargos polo ben dunha reelección nas autonómicas que non se chegaría a producir.

En xuño de 2003, meses despois da súa dimisión, xuntaba a representantes de varios medios de comunicación para lles comunicar o seu "retorno" á actualidade política. Facíao no seu muíño de Prado, o mesmo marco que unhas semana antes elixira para manter un reencontro a soas con Manuel Fraga. Alí lembraba: "Teño vocación política e non vou renunciar a ela en ningunha circunstancia. Pero tamén se pode exercer esa vocación como militante, defendendo unha lingua, unha cultura e unha idea como pobo e animando a outros a facer o mesmo. Eso tamén é facer política". E esta podería ser unha das frases que mellor definan o seu “legado” político.

Unha enfermidade impídelle a "resurrección política" que moitos esperaban, boa parte destes con máis temor que outra cousa. Falece en Compostela ós 57 anos o 28 de Nadal de 2007. Ese día dos Inocentes finaba o que podemos considerar último Fillo Ilustre de Lalín.

P.D.: Na miña tarefa como xornalista, na COPE e na TVG en Compostela, vivín os seus primeiros anos como conselleiro de Política Territorial (Obras Públicas primeiro). "Sufrino" como xestor na miña etapa como xefe do gabinete de prensa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, do que el era presidente, en calidade de conselleiro do ramo. Fóra de reflexións persoais, de ámbalas etapas quedoume o convencemento de que se trataba dun home chamado a deixar unha pegada na historia de Galicia ("obras son amores, que no buenas razones", di o refraneiro español) e que mantivo sempre a súa condición de lalinense por riba de moitas outras consideracións, e ese "lalinesismo" foi utilizado en contra del, en moitas ocasións dun xeito insidioso.

Pouco se parece o PPdeG de hoxe ó que "pilotou" Xosé Cuiña durante unha década, o mesmo tempo que o partido empregou para conseguir borrar case por completo a figura deste lalinense da súa historia oficial: a sección Historia do Partido Popular da web do PPdeG resume en liña e media esta longa etapa política, fronte ás abondosas referencias institucionais feitas ó resto dos "protagonistas", e só cita ó entón secretario xeral nunha ocasión, e obviando o seu nome.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario